Mario Regueira, Premio Lueiro Rey de Novela Curta 2011

Mario Regueira (Foto: Galicia Hoxe)

 Por unanimidade dos membros do xurado, o escritor ferrolán Mario Regueira gañou a XVIII convocatoria do Premio Manuel Lueiro Rey, que organiza o Concello do Grove, na convocatoria deste ano. A obra gañadora, presentada co título Outono aquí, é unha novela sobre as responsabilidades do pasado no presente dunha familia, na que tivo lugar unha traxedia que segue estando viva malia o paso do tempo. Unha trama orixinal e ben estruturada, unha grande virtualidade narrativa, un idioma vizoso, un estilo forte e brillante, un final aberto e un exquisito e practicamente novidoso tratamento de formas  de sexualidade diferentes da heterosexualidade foron algunhas das virtudes que os membros do xurado apreciaron en Outono aquí.

Mario Regueira, ao que no seu día incluín na que denominei “Xeración 2000”, une así o seu nome ao Premio Lueiro Rey, referente indiscutible de novela curta nas letras galegas.Un premio que, malia as dificultades, organiza o Concello do Grove, este ano outra vez coa eficacia e bo facer doutrora. Un premio que, ao longo dos anos, descubriu a autores noveis e galardoou a outros xa consagrados, así como a textos narrativos de temáticas moi diferentes.

Mario Regueira é autor de distintos proxectos de creación na rede e membro do proxecto editorial alternativo Estaleiro Editora. Como narrador publicou en Xerais o volume de relatos Rebelión no inverno (2004) e a novela L’aficche rouge (2007). No eido da poesía é autor, entre outras pezas, de Blues da Crecente e  de Tanxerina (Espiral Maior, 2006), Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé.

Reproduzo algúns fragmentos dos comentarios que, verbo dos dous libros de narrativa, publiquei nos anos 2004  e 2007.

………………..

 

“(…) Un libro de rebelións no sentido máis amplo do termo, de personaxes subversivos que intentan cambiar o mundo no que vivimos para facelo cadrar cos seus soños. E tamén un libro existencialista, de desacougos producidos, como tal, por un cuarto que se torna estraño desde que no mesmo se introduce un móbel que fai que os seus moradores anden pola casa como vagabundos(…)

(…) Inquietante debut literario de Mario Regueira que, con pinceladas curtas, sen preciosismos estilísticos, se converte en pesadelo de inverno que fai aterecer vidas”.

( Recensión de Rebelión no inverno: Suplemento Correo das Culturas do xornal El Correo Gallego, 18 de abril de 2004).

………………..

 

“(…) Mario Regueira agasállanos, non cunha historia lineal de doada lectura, senón cunha manchea de encontros, conversas entre xente moza arredor da súa propia identidade. Mozos e mozas que tentan identificarse levando trenzas ou unha camiseta cunha enorme folla de maría, co que queren deixar patente as distancias entre eles e as súas familias(…)

“(…) Velaquí pois unhas mínimas pautas para achegarnos a esta segunda peza narrativa de Mario Regueira na que o medo, o terrexío, os seres solitarios e subversivos son substituídos por rapaces e rapazas que andan á procura da súa identidade”.

( Recensión  de L’aficche rouge: Suplemento Faro da Cultura do xornal Faro de Vigo, 18 de outubro de 2007)

Advertisements

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Estas entrada foi publicada en Crónica literaria coas etiquetas , , . Ligazón permanente.

One Response to Mario Regueira, Premio Lueiro Rey de Novela Curta 2011

  1. Pingback: 11 de setembro | O porto dos escravos

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s