Un libro de cociña, un libro de literatura

Cociñando ao pé da letra

Yolanda Castaño e Andrea Costas

Editorial Galaxia, Vigo, 2011, 183 páxinas.

 

Antes de máis, cómpre recoñecer que Cociñando ao pé da letra é un libro sensorialmente fermoso. Ese “radiante testemuño” fotográfico de  Andrea Costa non só esculpe o soporte do libro, como escribe no Limiar Yolanda Castaño, senón que nos enchoupa neses pratos de cores que penetran pola mirada para revolucionar decontado  boa parte da nosa sensibilidade. A linguaxe fotográfica de Andrea Costas, eses manxares da nosa cociña, captados desde distintos encadres xerais, ou apreixados no detalle e na miudeza da súa elaboración – as mans curtidas pola dignidade dos anos de Helena Villar Janeiro bullando patacas, o punto de fervura da centola galega que cociña Rosa Aneiros, o furado na masa das orellas do dedo de Agustín Fernández Paz- son un agasallo para os nosos ollos e rebentan deseguida as nosas sensacións gustativas, olfactivas e mesmo táctiles, porque sentimos a compulsión de tocar con veneración case que sacramental as rebandas de pan do bolo coas que Lucía Aldao fai a súa Bocata de felicidade, ou percibimos nas nosas mans o maino peluxe dos marmelos cos que Antón Lopo elabora o seu Doce de marmelo.

Mais este é un libro que se nutre tamén de letras. Desas letras conducidas por Yolanda Castaño, predispostas a suturar cociña e literatura. Faino no Limiar e reprodúceo nas achegas aos esbozos culinario-literarios dos e das vinte e un escritores e escritoras que compaxinan desta volta o seu alento creativo entre a arte culinaria e a arte literaria.

Razón ten Yolanda Castaño cando afirma que o oficio da literatura non outorga unha categoría moral. Tampouco culinaria, engadiría eu, malia que unha e outra  -as artes literarias e culinarias- sexan procesos creativos, quizais  similares, concedámosllelo á prologuista, pero non concordantes nin xemelgos. De certo que un é a mesma persoa cando escribe, cando ama e cando pela unha pataca, mais as comparanzas non se poden levar ao límite, porque os condimentos son disimétricos: crear arte coa palabra, crear a arte dos sabores e recendos entre os fogóns e cos froitos das nosas hortas e dos nosos mares. Pero aquí temos aos vinte e un escritores e escritoras  debruzados nesta aventura culinaria e literaria: sinalando a receita do seu prato favorito, do seu prato emocional ou a receita casual que, porén, foi crucial nalgún intre das súas vidas. Eles e elas redactan esa receita con vontade literaria “para convertela nun poema, inserila nun conto, darlle forma de diálogo dramático, facer dela un pequeno ensaio delicado como bocado exquisito”

Saliento neste libro, ademais da linguaxe fotográfica xa amentada, algúns dos acercamentos á personalidade de cadanseu escritor e escritora, da autoría de Yolanda Castaño, con ese propósito de esculcar as agochadas relacións entre a escritura e a cociña. Son, ao meu ver, singularmente afortunados os de Lupe Gómez (“cociñar e escribir son coma o sexo, actos de entrega”); os de Xavier Rodríguez Baixeras, un “amador de comidas” na escritura (Diario de comidas, 2004) e tamén nos pratos, cousa que pode acreditar o comentarista porque tivo a sorte de contemplar, hai xa anos, a este poeta culto e sensorial “fóra de si” diante dun prato de carneiro ao estilo Dodro. Mágoa que non nos agasalle arestora con aquela receita! Tamén o retrato literario-culinario de Chus Pato. Un acaído bosquexo en breves liñas da súa literatura, reflectida nesa musaka que nos propón cociñar: capas e máis capas de diversos materiais que se superpoñen, coma os seus versos, tirados de moitas lecturas e diversas tradicións literarias. Pero co risco como crucial diferenza: mal conselleiro na cociña, consubstancial á poesía de Chus Pato.

Desde a ollada estritamente literaria o máis destacable deste libro de cociña e de literatura é a receita que cada escritor converte en poema, conto, diálogo dramático ou nunha mínima reflexión ensaística. Todo en formato micro, esa distancia na que o escritor xoga a vida en moi poucas liñas. “Retornos” de Anxos Sumai, “Ushuaia” de Rosa Aneiros e “Sweet dreams” de Antón Lopo son para o meu padal as prosas máis gorentosas. Mais, abofé que en xeral o celme das restantes non desmerece dos axustados parámetros da arte da compresión e das ingrávidas e afiadas ocorrencias, trazos que caracterizan a gramática dos formatos breves.

Advertisements

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Estas entrada foi publicada en Cociña e literatura, Critica literaria coas etiquetas , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s