“Chega un momento en que os vellos…”

Pacto de cabaleiros

Raúl Veiga

Biblos Clube de Lectores, Cesuras (A Coruña), 2011, 140 páxinas.

 

Este libro, editado recentemente por Biblos, non foi concibido como unha novela, segundo confesa o seu propio autor. É a adaptación ao formato libro dun guión de cinema. O guión de algo que se presenta na historia cun carácter único: unha arte humana bivalente. O cine danos a súa información cunha linguaxe ideográfica, que integra imaxes, sons, óptica e acústica, susceptibles de seren rexistrados nun guión no que  interveñen  a imaxe, o ángulo, o ton, o son, a música, o ruído, pero tamén a palabra, que no cine moderno non é un adorno engadido, senón un complemento que debe de estar convenientemente axustado: debe contar con todas as palabras necesarias, pero só coas suficientes. Todos estes elementos pasarán ao manuscrito, ao guión cinematográfico que, a súa vez, ten dúas vertentes: guión técnico e guión literario.

Hoxe en día un guión cinematográfico é un novo xénero literario. Unha obra total desde o punto de vista literario, aínda que o público, en xeral, non o valore, porque ve soamente a película e con facilidade  atribúe ao realizador o que é tarefa do guionista. O guión cinematográfico é ademais unha fórmula literaria autónoma e distinta da que podemos ver nunha novela ou nun libreto teatral.

Neste contexto cómpre analizar e valorar Pacto de cabaleiros, o guión do cineasta Raúl Veiga, a escenificación escrita dunha historia. Neste caso, unha comedia, cuxo eixo temático central non é outro que a desesperación ante o feito de envellecer, de non saber que facer coas mulleres, de non atreverse a ligar, de ter conciencia de que xa non se está en condicións de seducir a ninguén. Raúl Veiga dalle forma cinematográfica neste guión, no que fai desfilar diante dos ollos lectores, ás peripecias dun grupo de xubilados ou  a piques de se xubilaren, “que partillan un trazo: poderán estar cansados, mais non vencidos”. Endalí que acepten con contento e con entusiasmo a proposta dun deles: revivir os catro xuntos a xa afastada no tempo iniciación ao sexo dos seus anos mozos, visitando un local de señoritas. Pero son conscientes de que “chega unha idade en que os vellos…” e por iso buscan axuda nos medicamentos, na viagra, para arranxar a disfunción eréctil. Como recoñece un deles, facerse vello é como volver a ser neno, mais só para o malo. Con todos os inconvenientes e ningunha das vantaxes. Mais nada é doado e conseguir as pílulas, tampouco. Na lectura dese proceso, somos testemuñas dos moitos problemas e das poucas alegrías coas que se teñen que enfrontar a nivel familiar, sentimental e mesmo económico. Todos eles desexarían, como tal, unha paga extra anual na pensión para darlle unha alegría ao corpo.

Porén, a proposta inicial de iren de putas os catro homes “feitos e dereitos”, como cando tiñan dezaoito anos, aínda que sexa recorrendo a un viagrazo, supón un poderosos acicate para facer fronte aos problemas e dificultades da peripecia vital de cada un deles.

Raúl Veiga

Unha historia coral, con personaxes amables, no que funciona, sobre todo como anzol inicial, a trama cómica (o canivete que, para alén do seu significado sexual, é celebración da amizade e das ganas de seguiren vivos). Menos crible son as cores románticas que tinguen boa parte da historia, e sobre todo esa escena final, fundida non en negro, senón coas cores do amor, para empregarmos a terminoloxía do guión de cine. Raúl Veiga preséntanos con solvencia uns personaxes vivos e xenuínos, malia os seus anos, sen ter que describir os seus caracteres á maneira dunha novela, senón como seres existentes e con absoluta liberdade narrativa.

A reiteración deste xénero literario nas nosas letras sería non só desexable, senón tamén unha inequívoca sinal do fortalecemento e consolidación do cine galego, polo de agora aínda cunha estrutura débil e un desenvolvemento precario.

Advertisements

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Estas entrada foi publicada en Critica literaria, Guión cinematográfico coas etiquetas , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s