Frank Soutelo “sabuxea” en Galicia

 Lume de cobiza

Miguel Anxo Fernández

Editorial Galaxia, Vigo, 2011, 278 páxinas.

 

Enredo, entretemento, lectura fácil, altas doses de imaxinación, suspense, ambientes marxinais, noutras palabras “detectivismo”. Son as coordenadas que marcan o territorio polo que transita unha boa parte do que se publica hoxe en día en Galicia. Lume de cobiza de Miguel Anxo Fernández segue eses camiños. Ao escritor e crítico cinematográfico debémoslle a paternidade dese sabuxo, Frank Soutelo que, fillo de pais galegos, pero nacido en Norteamérica, é o heroe ou antiheroe  xa dunha saga de narrativa detectivesca (Un nicho para Marilyn, 2002, Luar no inferno, 2006, Tres disparos e dous friames, 2008) que se desenvolve por terras californianas. Mais, na cuarta entrega da serie, Lume de cobiza, Frank Soutelo amosará a súa experiencia como sabuxo en Galicia.

O detective chega a nosa terra coa intención de desconectarse do choio e para procurar unha paz absoluta. Corre o ano 2006 e unha vaga incendiaria arrasa o país e fai que o mesmo aire sexa irrespirable xa desde o comezo da novela. Frank Soutelo decátase moi pronto de que as súas vacacións xa terminaron, ao aceptar, por amizade, investigar a morte dun mozo falecido oficialmente por sobredose. A intuición do experto detective permítelle relacionar a morte do mozo coa vaga incendiaria que asola os nosos montes, coas especulacións inmobiliarias e as loitas dun grupo ecoloxista. A rota a seguir será, xa que logo, lume-ecoloxía-morte por sobredose. Un xoguete para un sabuxo disposto a divertirse! E como mandan os tópicos e esixen as leis da dialéctica do xénero policial, Frank Soutelo, acaba descubrindo os culpables dunha trama criminal incendiaria, motivada por intereses inmobiliarios.

De novo, pois, unha pescuda detectivesca, adubada con todas as convencións do xénero. Unha excelente novela policial que, porén, pouco ten que ver con esa outra fórmula narrativa, máis rica e complexa: a novela negra, na que a resolución do enigma corre parella co retrato crítico da sociedade e coa introspección psicolóxica do detective e do/dos sospeitoso/os.

Así, Lume de cobiza acumula no campo da acción a meirande parte dos acontecementos narrados. Nesta historia, de avolto detectivesco, hai pois predominio da acción, para alén da investigación e da dedución lóxica intelectual. O sabuxo Frank Soutelo, na súa constante itinerancia, converte a novela nunha road movie pola comarca do Salnés sobre todo. A resolución do caso acontece por puro accidente como confesa Soutelo (páxina 263). A acción manda sobre os monólogos interiores e a prosa, ateigada de terminoloxía itinerante, convértese en imaxe dinámica deste detective sempre en movemento.

Conta a historia o propio detective, un narrador autodiexético omnisciente, tamén segundo as demandas do xénero, para outorgarlle maior credibilidade e realismo á obra. O retrato que de si mesmo fai Frank Soutelo, obríganos a velo máis como un antiheroe que como un servidor da lei: emprega métodos afastados da legalidade e, sobre todo no desenlace, supera o gume non só da lei, senón tamén de calquera caste de moralidade. Emprega con moita frecuencia unha linguaxe machista e sexista, anda por Galicia adiante de paparotada en paparotada, os “xantares lustrosos” dos nosos tópicos, sobre todo nos meses de verán que é o tempo no que se desenvolve a acción. E, malia unha certa misoxinia, enléase nalgún episodio de alto contido sexual.

Chama así mesmo a atención que, nacido e educado Frank Soutelo en Norteamérica, empregue un galego coloquial, mesmo demasiado enxebre. Unha clara “deslocalización” idiomática.

Por remate, Lume de cobiza é un notable produto narrativo para pasar o tempo, escrito, por veces desde  a parodia e a ironía, cunha narración lineal, unha linguaxe áxil e clara, afastada de calquera flash de fantasía, que cumpre, asemade, coa función de facernos reflexionar verbo da corrupción e as tramas organizadas que a usufrutúan nas sociedades actuais.

Remato subliñando a oportuna pertinencia  desta novela para amosar como, con frecuencia, a realidade supera á ficción. Nunha das moitas tramas secundarias de  Lume de cobiza, o narrador fai referencia ao roubo na Catedral de Santiago dunha copia do século XVII do Necromicón, o ficticio grimorio ou libro grego dos mortos imaxinado por Lovecraft, e que Frank Soutelo atribúe a Sugar Jones, unha sorte de alter ego do detective, e ás relaxadas medidas de seguridade de Catedral ( páxinas 255- 256). Confesa Miguel Anxo Fernández que, cando amañaba a trama novelesca, pensou no roubo do Codex Calistino. Fixo o troco porque lle pareceu un roubo inverosímil  e pouco cribe. Mais, como digo, o sucedido nestas datas demostra que realidade vai moitas veces por  diante da ficción.

Miguerl Anxo Fernández

                                               

Advertisements

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Estas entrada foi publicada en Critica literaria, Narrativa galega coas etiquetas , . Ligazón permanente.

One Response to Frank Soutelo “sabuxea” en Galicia

  1. Pingback: paquete crítico de Lume de cobiza | ferradura en tránsito

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s