Redescubrindo as pegadas de mares hiperbóricos

Ártico 2. 0

Xavier Queipo

Editorial Galaxia, Vigo, 2011, 160 páxinas.

 

No ano 1990 deu ao prelo Xavier Queipo este ramallete de relatos, rotulados daquela como Ártico e outros mares. Foi por volta daqueles anos, cando o mundo do mar comezou a se converter en protagonista dalgunhas achegas da nosa narrativa. Desas datas é a novela “experencial” de Valentín Carrera Riosil e tamén a colectánea de relatos coa que Xavier Queipo debutaba como escritor galego e que, arestora, para celebrar o seu vixésimo aniversario, reedita Galaxia nunha versión nova e ampliada do texto orixinal, que se fixo merecedor do Premio da Crítica española do ano seguinte. Comezou desta maneira a emendarse o deficit de mar na cultura galega, denunciado, entre outros, por Antón Vilar Ponte, Carlos Casares e Francisco Fernández Rei, que no discurso de ingreso na Real Academia Galega (setembro de 1999) concedía que o noso mar non está de todo ausente na poesía galega, desde as barcarolas de Paio Gómez Chariño ata o mar con ribeiras e desde o peirao de Ramón Cabanillas e ese mar irreal, “sen ribeiras nin costas” de Manuel Antonio. Tamén na narrativa galega existen algúns retallos de mar. Páxinas de autores como Álvaro Cunqueiro, Victor Freixanes, Martínez Oca, Alfredo Conde, Xavier Alcalá, Hixinio Puentes, Rosa Aneiros, Vázquez Pintor e Neira Vilas, entre outros, así o acreditan. Así mesmo os mares hiperbóricos de Xavier Queipo desta colectánea de relatos e, sobre todo, os da novela O paso do noroeste, na miña estima, ata arestora a mellor peza narrativa escrita na literatura galega sobre o mar, os navegantes e as súas aventuras.

Logo dun percorrido pola historia editorial do libro (as traducións frustradas, outras feitas sen contrato de dereitos), presenta Xavier Queipo esta nova edición, renovada, libre de grallas tipográficas, adaptada á nova normativa, mais conservando o “estilo desleixado e anárquico, de prosa aliterada e chimpos semánticos” da edición orixinal. E co engadido dalgunhas historias espalladas en publicacións periódicas que o autor agrupa na sección “Terranova”.

O lector atopa nestes relatos de Xavier Queipo esa caste de narrativa que tanto se está a prodigar na nosa literatura: a narracións de distancias curtas, o relato de tres, oito ou dez páxinas, que esixe do narrador unha constante disciplina para conxugar intensidade e brevidade. É a de Xavier Queipo unha escolma de relatos pseudorreais que narran aventuras fantásticas, reconstrúen ficcionalmente viaxes de navíos  por eses mares fríos e ignotos, o encontro con monstros mariños, os combates librados entre un narval e unha morsa, as vivencias experienciais dun temporal pechado, a repetición do rito sanguento e ancestral dos baleeiros ao avistaren un cachalote, que interrompe os enterros e tamén os orgasmos, ou describen sinxelamente novas especies de seres dos mares árticos.

Xavier Queipo

Con todo, as historias máis narrativas desta colección de relatos son aquelas que transcorren terra adentro. Tramas que nada teñen que ver co mar, senón con territorios e con personaxes que fan a súa cabotaxe polas rutas da terra (Londres, Compostela, Berchem, Dublin, Cork).

 

A literatura marítima, ou mellor dito, de navegantes -o mar visto e soñado non desde terra- segue a manter nos relatos de Xavier Queipo o engado da aventura  e un orixinal tratamento. Algúns destes relatos, posúen, como sinala D. Vilavedra, unha clara vocacións autorrepresentativa, propia da escrita postmoderna. Xavier Queipo delega, en varios dos relatos, a súa autoridade enunciativa, desintegrando deste xeito o territorio da súa propia identidade autorial.

O debutante Xavier Queipo do ano 90 pexa, porén, a lectura dalgunha destas historias cun exceso de divagacións eruditas, científicas e históricas -pseudo referencias intertextuais, atreveríame a dicir-, como se quixer xustificar  aquilo que escribe. Moi pronto o autor da aínda inédita Extramunde ceibaría estes lastres da súa ricaz sentina ficcional.

Advertisements

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Estas entrada foi publicada en Critica literaria, Narrativa galega coas etiquetas , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s