Teatro ou historias radiadas?

Teatro radiofónico. V  Premio Diario Cultural de Teatro radifónico

Xosé Manuel Pacho Blanco, Eva Freixeira, Rebeca Montero, Manuel Román

Edicións Xerais, Vigo, 2011, 77 páxinas.

 

Confesa a dramaturga Ana Vallés que, cando Ana Romaní lle propuxo a dirección da presente edición de teatro radiofónico (V Premio Diario Cultural), o primeiro referente no que pensou, foi a radionovela. E abofé que pensou ben, porque o teatro, considerado desde sempre a arte da palabra, está escrito para ser representado. O texto teatral non esgota por si só o feito teatral, xa que unha obra dramática non é teatro hasta que é representada. A obra teatral soamente adquire plena vixencia na representación que determina ademais o carácter distintivo da escritura dramática, con respecto aos demais xéneros literarios. Xa que logo, falando en puridade, non semella moi apropiado instituír un subxénero de teatro radiofónico. A radio é incapaz de vencellar vista e oído, segundo escribe John Cage, na acaída referencia de Ana Vallés. Historias radiadas, se a palabra radionovela non for do gusto dos  editores e convocantes deste premio, penso que sería un título máis apropiado para amosar  a natureza de textos que representan historias, mais non fronte a unha audiencia e sen esa combinación de discurso, xestos, escenografía, música, son e espectáculo.

Cabe, porén, falar de teatro radiofónico cando a historia non representada, pero si radiada, se converte en libro e, xa que logo, nun xénero literario que comprende as obras concibidas para seren representadas nun escenario. É esta a perspectiva desde a que leo as páxinas deste libro.

O volume recolle os textos do gañador e finalistas do V Premio Teatro na Radio que organizou o programa do mesmo nome da Radio Galega. E chegan ás mans dos lectores acompañados dun CD coas versións radiofónicas que se emitiron no seu día.

Xosé Manuel Pacho Blanco

O texto gañador, “Paraísos”, é da autoría de Xosé Manuel Pacho Blanco, que volve reivindicarse -xa o fixera pro primeira vez coa súa novela A choiva do mundo- como un innovador que trata de buscar novas fórmulas nos procesos de elaboración creadora. “Paraísos” é un acareo entre ficción e realidade. Cal é o sentido da realidade, de qué maneira podemos influír na mesma? Fóra dos paraísos dos nosos soños, atópase a crúa realidade e eses paraísos non son senón o que nós queremos que sexan. Así podemos imaxinar que morre o rei Juan Carlos, vítima dun accidente ou dun atentado e que, mentres a emisora está á espera dos boletín informativos, emiten unha imaxinaria entrevista con Roberto Bolaño, onde o escritor chileno se amosa realmente como Bolaño, como aquel transhumante que aconsellaba roubar libros, cristalizado máis trade no demiúrgo do que falara Borges. Bolaño marcando fronteiras entre ficción e realidade, entre escritor e escribidor, que gusta de Borrazás, que non coñece suficientemente a literatura galega, pero que tivera noticia de Rafael Dieste e do seu libro Testamento xeométrico, con que dá Amalfitano nunha librería de Santiago, que non é a Librería Couceiro, como pensa a ficticia entrevistadora, senón Follas Novas (Roberto Bolaño, 2666, páxina 241). Unha interesante reflexión sobre o concepto de paraísos, sobre  a necesidade de rebelarnos fronte á realidade, sabendo, porén, que “cando pasa o tempo esa hidra que se enxergaba na nosa realidade cando novos, eses sonos van esmorecendo e fica, núa, a vida”.

Tamén recolle o volume os textos finalistas. “Como eliminar as manchas de vómito” de Eva Freixeira, “Carne de canón” de Rebeca Montero e “Señora Carme” de Manuel Román. Temáticas distintas (a bulimia, a denuncia da marxinación e da precariedade, o valor da capacidade fabuladora), conceptualizacións estéticas así mesmo persoais e privativas, proxeccións realistas ou metafóricas, pero cun leitmotiv que os unifica: o de facernos reflexionar sobre o poder subversivo da palabra, verdadeiro antídoto contra a escravitude do cotián e contra esa manchea de borranchos nos que a miúdo se converte a vida.

Advertisements

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Estas entrada foi publicada en Critica literaria, Teatro coas etiquetas , , , , . Ligazón permanente.

One Response to Teatro ou historias radiadas?

  1. Pingback: Crítica de Francisco Martínez Bouzas sobre «V Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico» | Xerais

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s