Álvaro Cunqueiro: os soños dun eterno soñador

Tesouros novos e vellos

Álvaro Cunqueiro

Editorial Galaxia, Vigo, 2011, 124 páxinas.

 

Na Biblioteca Álvaro Cunqueiro, que Galaxia creou co gallo de se cumpriren cen anos do nacemento do autor de Merlín e familia e que se nutrirá coa reedición das súas obras, aparece arestora Tesouros novos e vellos. O texto reproduce o discurso que o pai do noso realismo máxico pronunciara o día 21 de abril de 1963, cando Álvaro Cunqueiro ingresaba como membro numerario da Real Academia Galega. O libro que reedita Galaxia, vén precedido dun prólogo (“Consellos para atopar tesouros”) de J. Rof Carballo, péchao o discurso de resposta de Francisco Fernández del Riego e está fermosamente  ilustrado con obras de Urbano Lugrís.

Álvaro Cunqueiro era, por volta daquelas datas, o autor con más competencia para falarnos dos tesouros dun país  como o noso, esposado coa meiguería. A insondable capacidade fabuladora e o seu coñecemento profundo da tradición mítica da nosa terra son avais suficientes e de primeira calidade para enmeigarnos con esa “arte” de atopar tesouros, nos que o escritor mindoniense afirma crer, localizándoos  na soterra do noso país: “(…) escusados nos castros, asolagados nas lagoas, enterrados aquí e acolá, e cáseque sempre ben gardados por mouros, enanos, xigantes, fadas, cobras…Son os que chaman encantos” (páxina 39). Un feixe de noticias sobre tesouros dos que Cunqueiro ten noticia lendo aquí e acolá, falando coa xente ou -e sen dúbida este é o gran manancial deses tesouros- cavilando no problema dos mesmos. Falar de tesouros escondidos significa que está viva en nós a ledicia imaxinativa, e soñar con ese peite de ouro que quizais teña unha fada na súa man, quere dicir que, na aspereza da vida e malia a nosa pobreza, aínda somos ricos.

Velaquí pois un acaído receitario, non do folclore galego, como interpreta este texto Dolores Vilavedra (Historia da literatura galega, páxina 247), senón do noso imaginario, da nosa phantasia no seu sentido máis clásico, esa forma indirecta de que dispón a nosa conciencia de representar o mundo. Representar o mundo mediante as imaxes, mediante os mitos aos que xa Platón no Filebo lle concedía a función de soster as esperanzas. O imaxinario nunca nos achegará un coñecemento obxectivo, xa que xamais acada un obxecto, mais, como afirma Gilbert Durand, é suficiente en si mesmo e leva no seu interior a mensaxe inmanente dunha transcendencia nunca explícita, senón ambigua e a miúdo redundante (La imaginación simbólica, páxina 21).

Malia as ofensivas da razón tecno-científica, das hermenéuticas reductivas, o imaxinario mantense e xoga un papel primordial na vida humana. Como dixo Bacherlard só pode ser estudado por medio da imaxe, “soñando imaxes tal como se compoñen na ensoñación” (La poétique de la rêverie, páxina 46). Desde esta perspectiva, a obra de Álvaro Cunqueiro é unha mostra requintada da conciliación entre razón e imaxe.

Álvaro Cunqueiro

Os consellos que nos regala Cunqueiro para atoparmos tesouros insírense  no rol biolóxico da imaxinación, niso que Bergson denominou “función fabuladora”, en canto rección contra o poder disolvente da intelixencia e contra o desazo. Evasión da dura realidade cotiá, mais non opio negativo.

A importancia do imaxinario na obra cunqueirana  e en concreto neste discurso, está perfectamente reflectida no texto de Manuel Forcadela, quizais o estudoso máis conspicuo do mundo imaxinario do autor de Merlín e familia. Mellor non se pode dicir: “Hai un dato máis que debe ser obxecto de reflexión á luz de todo o exposto nestas páxinas: o discurso ‘Consellos para atopar tesouros’ que A. C le no acto de entrada como membro numerario da RAG é, en realidade, unha paráfrase do conto de Vicente Risco: ‘A Trabe de Ouro e a Trabe de Alquitrán’. En ambos os dous destaca a defensa do Imaxinario e a concepción do home como un ser que vive, non no Real, senón no Imaxinario. Como sinalaba Siegfried Schmidt (1997): ‘non hai razón para pensar que as estratexias lingüísticas e estilísticas que empregamos para construír a realidade dentro da ficcion son distintas das estratexias que utilizamos para construír a realidade dentro da non ficción’.

Cunqueiro soubo isto e converteu isto no eixo da súa vida. Levou o soño e a imaxinación ata os límites do imposible e soubo que por ese camiño estaba o único porvir de esperanza. O soñador por antonomasia en que se converteu deixou ben clara a súa mensaxe: soñemos( Mecánica da maxia. Ficción e ideoloxía en Álvaro Cunqueiro, páxina 177).

Advertisements

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Estas entrada foi publicada en Critica literaria, Narrativa galega coas etiquetas , . Ligazón permanente.

One Response to Álvaro Cunqueiro: os soños dun eterno soñador

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s