Amigos e sodomitas na Idade Media galega

Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media

Carlos Callón

Sotelo Blanco Edicións, Santiago de Compostela, 2011, 181 páxinas.

 

“A identidade homosexual, por exemplo, é un accidente sistemático producido pola maquinaria heterosexual e estigmatizado  como antinatural, anormal e infame en beneficio da estabilidade das prácticas de produción do natural. Esta maquinaria sexo-prostética é relativamente recente e, de feito, contemporánea á invención da máquina capitalista e de produción industrial do obxecto. Por primeira vez en 1868, as institucións médico-legais identificarán este accidente ‘contranatural’ como estruturalmente ameazante para a estabilidade do sistema de produción dos sexos opoñendo a perversión (que nese intre inclúe  todas as formas non-reprodutivas  da sexualidade, desde o fetichismo ao lesbianismo pasando por o sexo oral)  á normalidade heterosexual”. Este texto forma parte dun libro, reeditado recentemente en España, no que Beatriz Preciado, partidaria  dun transxénero pansexual, defende no ronsel das interpretacións simplificadoras de Michel Foucault, que ata 1868 non se falou de heterosexuais e homosexuais, termos formulados por Kertbeny. Antes desa data, había prácticas sexuais varias. A sexualidade, xa que logo, é unha elaboración histórica e social, non algo natural e inmutable.

O libro que comento, este estudo e ensaio, saído recentemente dos prelos de Sotelo Blanco Edicións e gañador do Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais 2011, contradí non o carácter contrutivista da sexualidade, senón a datación de Foucault e a dos lectores do pensador francés, que malinterpretan que a homosexualidade (desexos, prácticas ou relacións sexoafectivas entre homes ou entre mulleres) é un fenómeno contemporáneo. E Carlos Callón, seguindo o consello de Sherlock Holmes, non teoriza antes de ter os datos. Os seus están iluminados por textos de natureza literaria, historiográfica ou xurídica e demostran que a categoría homosexualidade non se construíu  no século XIX, senón que cómpre retrotraela á Idade Media, e que mesmo no século XI (ano 1061), tivo lugar un emparellamento institucionalizado solemnemente e con efectos xurídicos entre dous homes. Unha unión perfectamente rexistrada por documentos, como o que o autor reproduce, do Tombo de Celanova, no que dous homes estipulan mediante escritura pública e mostran a súa disposición a partillaren enteiramente as súas vidas, cun fondo de afecto, adxectivable ao termo homosexual, na terminoloxía de hoxe.

Carlos Callón tira proveito para a súa análise con vocación ensaística, sobre todo do corpus cancioneiril profano galego-portugués mediaval (século XII a mediados do XIV), non só moi expresivo no aspecto literario, senón tamén moi produtivo desde unha óptica histórica e antropolóxica, algúns de cuxos textos obrigan a revisar conclusións como ás que chegaron investigadores da importancia de Foucault ou John Boswell.

Carlos Callón

O estudo de Carlos Callón forma parte, sen pretendelo o autor, desa historia de amor, de amizade e de intimidade entre mulleres e entre homes na época medieval. A interpretación que fai das fontes documentais, semella acaída e imparcial e as súas hipóteses, temperadas pola prudencia e non precipitadas. As sínteses  conclusivas son, pola contra, nidias e moi clarificadoras, merecentes, xa que logo, de que, en breve resumo, recollamos algunha: A intolerancia absoluta homófoba, descoñecida  na Antigüidade, xorde   non antes do século XI. O pecado de sodomía, inexistente asemade nos primeiros mil anos do cristianismo, inventouse englobando todo o sexo non reprodutivo. Malia a homofobia, na Idade Media, hai unha continuidade de relacións afectivas masculinas intensas que non son vistas baixo signos homofóbicos ( compartir o leito, bicarse en público ou manifestar amor son comportamentos habituais entre os varóns).  As sátiras contra a homosexualidade da escola trobadoresca galego-portuguesa son moito máis indulxentes que os códigos legais e relixiosos que van emerxendo. O lesbianismo permanece moito máis invisible e tampouco existen documentos que constaten emparellamentos entre mulleres, debido sobre todo ao patriarcado imperante e xeneralizado. As únicas aparicións de parellas de mulleres son para condenalas. A persecución da sodomía converteuse nun concepto central para as novas monarquías absolutas, ata o punto de que a consideran como o pecado público por excelencia.

Achega de lectura agradable e sobre todo moi importante este estudo ensaio de Carlos Callón para reescribir unha historia da sexualidade sen as distorsións anacrónicas de moitas das investigacións precedentes e mesmo para documentar unha tradición previa, xa na Idade Media, do matrimonio entre homes e entre mulleres, desposuído de calquera connotación de pecado público.

Advertisements

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Estas entrada foi publicada en Critica literaria, Ensaio coas etiquetas , . Ligazón permanente.

2 Responses to Amigos e sodomitas na Idade Media galega

  1. De nada Carlos. O teu libro é unha moi interesante investigación e ademais de gorentosa lectura.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s