Os engados do mercado e da globalización

O Mercado e a Globalización

José Luis Sampedro

Tradución de Mª Fe González Fernández

Editorial Trifolium, Iñás-Oleiros, 2011, 90 páxinas.

 

Máis unha vez, Editorial Trifolium, nesa colección “Musa pedestris” na que lles dá acollida a breves, mais relevantes galanos do pensamento da modernidade, agasállanos coa edición dun breve opúsculo de José Luis Sampedro, O Mercado e a Globalización. Mª Fe González Fernández achega unha tradución ao galego correcta e exenta deses erros lingüísticos que inzan con frecuencia outros textos. O libriño de Sampedro é un ensaio non só moi actual na presente conxuntura para permitirnos entender algunhas das raíces conceptuais dos movementos a prol da democracia real, senón tamén, esclarecedor de ideas e conceptos desa filosofía do mercado, a súa estrutura e evolución recente, que leva o nome de globalización.

José Luis Sampedro, cuxa categoría intelectual como economista, narrador, humanista… é indubidable, escribe estas páxinas para desenganar da liberdade do mercado ás persoas de boa fe. E faino cun sutil manexo da linguaxe, que ofrece ademais claridade e sinxeleza, sen renunciar, porén, á densidade e á intensidade do texto. É moi importante entender esa linguaxe, eses termos, as ideoloxías que agochan a estrutura complexa do mercado e da globalización, porque canto máis medra o desencanto, o desinterese político e a crise global que nos azouta, máis engorda a nómina dos políticos que nos presentan o mercado libre e a globalización económica como un ben indispensable e irrenunciable para a humanidade.

Os pensamentos e as teses de Sampedro significan, porén, e malia a brevidade do texto, un dos mellores e máis luminosos exercicios de crítica ao vulgar e mentirán sistema político e económico no que somos gobernados.

No opúsculo, José Luis Sampedro, despois de expoñer as teses opostas dos Foros de Nova York e do Foro Social de Porto Alegre, dedica unha primeira parte a analizar o mercado e a súa evolución  e outra segunda na que explica a globalización. Sampedro acércanos aos funcionamento do chamado mercado “libre”, baseado na oferta e na demanda, segundo as teorías liberais clásicas, así como as neoliberais de máis actualidade. A doutrina smithiana da “man invisible” como misterioso axente regulador dos mercados, que desemboca  nunha das manipulacións máis frecuentes dos nosos días é a equiparación terminolóxica entre liberalismo político (cada persoa encarna un voto) e liberalismo económico (o voto corresponde a cada unidade monetaria e non a cada cidadán).

José Luis Sampedro

A razón racionalizadora neoliberal de aspiracións prometeicas considera a globalización como a mellor forma de mercado, por mor da grande facilidade de comunicacións que existe no mundo e os constantes avances tecnolóxicos. Sampedro concede que o termo globalización é certamente moderno e moi atractivo, ao suxerir algo global, común a todos. Unha humanidade solidaria. Mais desgraciadamente non é a solidariedade a actitude predominante por parte dos globalizadores: “..na barca do globo non se eleva máis que unha minoría de globalizadores, mentres que en terra fican os millóns de globalizados que dependen deles” (páxina 61). Esta abismal desigualdade confirma que a globalización económica é totalmente antidemocrática. A conclusión que necesariamente se tira de todo isto, é que outro mundo é posible e esoutro mundo é ademais seguro.

A mellor carta de garantía da racionalidade e do acerto deste libriño é o feito de estar considerado como o “libro pésimo” por revistas ultraliberais, como La ilustración liberal que agasalla ademais a Sampedro e as súas teses con cualificativos como “fatal reducionismo”, “torpe ignorancia, “unívoco discurso” que anda á procura dunha orde mundial de goberno único, de coacción e do pensamento único, no ronsel do máis puro e descarnado nazismos: Ein Volk, ein Reich, ein Führer. As desvantaxes do ensaio de Sampedro, poucas pero desafiuzadoras: infelizmente todo o que o autor afirma é verdade.

Advertisements

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Estas entrada foi publicada en Critica literaria, Ensaio coas etiquetas , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s