“Non hai noite tan longa”*

 Non hai noite tan longa

Agustín Fernández Paz

Edicións Xerais, Vigo, 2011, 268 páxinas.

 

 

Algúns comentaristas dan por suposto que todas as reseñas que se publiquen sobre a nova entrega narrativa de Agustín Fernández Paz, han facer mención do feito de aparecer editada a novela nunha colección destinada a priori para adultos. Pero esta é “unha novela máis”. Iso si, unha excelente novela, como o son tantas outras coas que nos leva agasallando o escritor vilalbés, á marxe das fronteiras marcadas pola idade dos seus lectores. Xa hai abondos anos que, unha desas explicacións persoais coas que A. Fernández Paz acostuma arroupar os seus libros, permitiume tomar conciencia de que a literatura infantil e xuvenil é a que tamén poden ler os nenos. Un novo galano, pois, de Fernández Paz, un exercicio narrativo que se proxecta  cara ao pasado, un pasado escuro que recupera a memoria, neste caso non a da contenda bélica, pero si as das súas prolongacións na década dos 70 e que chega ata os nosos días, na figura de certos personaxes do relato, comprometidos coa xustiza e coa liberdade, que serán os que, ao final, consigan que non haxa noites tan longas e que nalgún intre escintilen as claridades da alba.

Na cerna da novela, a reparación das mancaduras da ignominia que, como a inocencia  e a indignidade, nunca prescriben, aínda que o poidan facer os delitos trinta anos despois. O protagonista é un home que, a idade de 50 anos, regresa desde París a súa vila natal, mergullado nun alude de lembranzas e co amargor da culpa e da covardía trabándolle a alma, porque desconfiara da inocencia do seu pai, detido, acusado, torturado e condenado pola violación dunha rapaza. Unha investigación ateigada de pistas que nunca se seguiron por desidia ou polo desexo deliberado de ocultar a verdade, convertérao a el, desafecto ao Réxime, na vítima propiciatoria. Na conciencia do fillo, soa a voz fantasmal do pai pedindo xustiza. Tirando dos escasos fíos do novelo, este atormentado personaxe acaba por descubrir a identidade do miserable violador.

Agustín Fernández Paz (Foto: Paco Vilabarros/Xerais)

A prosa limpa e xenuína de A. Fernández Paz, nun relato en primeira persoa cun ton persuasivo, enfeitada cos trazos de sempre (dominio do ritmo e da progresión narrativa, relampos cinematográficos, ecoloxismo, paixón polos libros…) achéganos unha moi interesante investigación da verdade, que se tinxe de tons shakesperianos e odiseicos; unha acaída  visión  daqueles tempos miserentos na Galicia de finais dos 60 e comezos dos 70. Ese optimismo esencial antropolóxico que caracteriza a súa escrita: a pesar das covardías, felonías, da tortura e do calvario dos inocentes, sempre hai homes e mulleres comprometidos coa xustiza e coa liberdade que lle dan razón ás palabras de Shakespeare no pórtico do libro: “Que non hai noite tan longa que non remate en día”

* Este texto foi publicado o día 18 de xuño de 2011 no xornal El Correo Gallego. Para ver o orixinal pinchar aquí.

Advertisements

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Estas entrada foi publicada en Critica literaria, Narrativa galega coas etiquetas , . Ligazón permanente.

One Response to “Non hai noite tan longa”*

  1. Pingback: Crítica de Francisco Martínez Bouzas sobre «Non hai noite tan longa», de Agustín Fernández Paz | Xerais

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s