De consumo rápido*

Sevea Köt (carne sueca)

Domingo Tabuyo

Edicións Xerais, Vigo, 2011, 159 páxinas.

 

O bo poeta pontevedrés que é Domingo Tabuyo, decidiu no ano 2002 apostar tamén pola narrativa. Froito daquel desafío foi a súa novela Carmín, que sen pasar desapercibida, non levantou demasiadas paixóns lectoras. Tabuyo repite arestora con outra peza, enmarcable así mesmo no subxénero policial detectivesco. Mais, contrariamente ao que adoitan facer os narradores que en Galicia cultivan o xénero negro e o policial, D. Tabuyo non recunca co seu primeiro detective, senón que crea un novo investigador, o comisario cambadés Sindo Romero, xefe da sección de Investigacións Especiais. Como tal, vese enleado na resolución dunha trama criminal. A investigación do caso dun asasinato que semella estar conectado con outros dous máis, no eixo Madrid -Arousa -Toledo, con esquemas milimetricamente repetidos e con escenarios  tan cuspidos que semellan fotocopias.

Despois de dar moitos  paos de cego, por se soa a frauta e atopa a pista definitiva, unha repentina intuición de Sindo Romero, allea á esa lóxica das máquinas de pensar que acostuman ser os detectives más modélicos, permítelle resolver o enigma: unha conspiración de terrorismo biolóxico e terrorismo de estado, non por suposto a nivel dos responsables políticos do Ministerio de Interior, senón, como sempre, doutros mandos intermedios, que pensan que o fin xustifica os medios.

Domingo Tabuyo (Foto: Carlos Puga)

No haber da novela de Tabuyo rexistro as clásicas convencións do xénero detectivesco: a investigación como elemento estruturador, aínda que, como acabo de dicir, o éxito da pescuda é consecuencia dunha repentina intuición; o entretemento e a lectura fácil, unha certa narratividade e unha acaída atmosfera de suspense que tira do lector. Novela pois de consumo rápido, pero pouco máis. O “ultimísimo” desenlace seméllame precipitado. Os personaxes son planos e sen as complexidades dun ser real, agás eses lóstregos de señardade que, de cando en vez, prenden no comisario. É o único acontecemento que interrompe esta sorte de señorío da acción pola acción. Innecesarias  así mesmo parao desenvolvemento da historia e a caracterización dos personaxes, certas referencias gabanciosas –sería o mesmo se fosen de censura- a algúns persoeiros políticos da mesma militancia política que a do autor. Menos prescindibles, porén, o ausente retrato crítico da sociedade e a introspección psicolóxica dos personaxes, que son os elementos que converten un relato detectivesco en novela negra.

* Este texto foi publicado o día 16 de xuño de 2011  no Suplemento Faro da Cultura, páxina VI, do xornal Faro de Vigo

Advertisements

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Estas entrada foi publicada en Critica literaria, Narrativa galega coas etiquetas , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s