Soños de cor laranxa*

Resurrección

Lea Tobery

Edicións Xerais, Vigo, 2011, 267 páxinas.

 

Seguramente que esta novela de Lea Tobery está a ser un libro multitudinario. Con todo, coido que non era urxente a súa tradución, ao menos para aqueles que seguimos sendo fieis ao curso da materia e estamos certos de que non hai cousa por riba das cousas, como escribiu o noso poeta. Porque boa parte desta novela é unha mística alienación, cun aceptable remate que de algunha maneira converte ese mundo dos seres do máis alá nun relato de formación. Non cuestiono a necesidade das editoriais de entenderen o seu labor tamén como un proceso produtivo sometido aos ditados do mercado. Soamente pretendo dicir que esta tradución nada lle engade a nosa literatura.

A trama argumental, aínda que ten un punto de partida interesante  -a idea da morte aparente- somérxenos decontado nesa mística alienación á que acabo de aludir. Emma, a protagonista, unha rapaza de dezasete anos, morre e salta sen máis á outro mundo, un mundo de cor laranxa, onde coñece un rapaz que esperta nela a paixón do verdadeiro amor. Mais, como non estaba realmente morta, resucita ás catro horas do seu esvaecemento. A partir de aquí, sucédense as experiencias paranormais. A obsesión levaraa  a recorrer a médiums, espiritistas, visitar cemiterios, con tal de atopar de novo a imaxe dese ser ideal e o mundo laranxa da brétema. Ata que unha viaxe, buscando o que parecía o amor da súa vida, acabará de forma sorprendente. É o proceso de maduración que ocupa unicamente as últimas páxinas do texto e que se converte na verdadeira e particular resurrección da protagonista.

Aínda deixando á marxe esas experiencias paranormais, coido que a novela peca de pouco cobizosa. O que na mesma impera son capítulos curtos ateigados de acción, con descricións concisas e esfameadas, que semellan escritas coa finalidade de recrutar lectores adictos á superficialidade. Os personaxes son planos, sen trazos que os individualicen, e a explicación racional do fenómeno fantástico, pouco crible. Respecto da tradución, penso que esta obra é recomendable nos cursos de galego dos Celgas ou dos institutos para localizar, coa axuda dun profesor experto, certos erros lingüísticos moi reiterados que cómpre evitar. Unha novela pois á que lle falta corpo e fondura e cuxas virtudes máis salientables residen no feito de que non é moralista, puritana nin hipócrita no tema sexual e no da droga. Pouca bagaxe, porén, para formar parte desa literatura que tamén poden ler os rapaces, ao menos aqueles rapaces cun certo sentido crítico e sensibilidade literaria.

* Este texto foi publicado o día 9 de xuño de 2011 no suplemento Faro da Cultura, páxina VI, do xornal Faro de Vigo. Con posterioridade á publicación do mesmo, a tradutora do libro, Ana Boullón, púxose en contacto co autor do mesmo e manifestoulle que os erros lingüísticos aos que se fai referencia no texto (cheismos co verbo querer), son escollas lingüísticas polas que optou a mantenta, porque considerou que o seu uso é máis apropiado nun contexto coloquial e están admitidas no estándar gramatical. Dou fe do seu parecer para salvagardar a súa profesionalidade. Porén, os lectores deste libro poderán valorar por si mesmos a lexitimidade e oportunidade das devanditas escollas.

Advertisements

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Estas entrada foi publicada en Critica literaria, Narrativa estranxeira traducida coas etiquetas , . Ligazón permanente.

One Response to Soños de cor laranxa*

  1. Pingback: Reflexións de Ana Boullón, tradutora de «Resurrección», de Lea Tobery, sobre a lingua nas traducións | Xerais

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s