Aceptable “negra”*

Deus xogando aos dados

Fernando Méndez

Sotelo Blanco Edicións, Santiago de Compostela 2011, 289 páxinas.

 

Deus xogando aos dados é, ao meu ver, unha aceptable novela negra -da autoría de Fenando Méndez (1964), quen resultou vencedor con ela do Premio Risco de Creación Literaria 2010- mais cun mal comezo. Entre os seus ingredientes atopamos enredo, entretemento, lectura fácil, narratividade, altas doses de imaxinación, suspense, exploracións de ambientes marxinais e tamén esa dialéctica orde/desorde característica da novela negra canónica. Non obstante, o inicio do relato é deses que convidan a fuxir da súa lectura. Durante  a Segunda Guerra Mundial -esta é sen dúbida a idea-eixo da novela- unha manchea de cargamentos de ouro que os nazis extraeran das moas e outras pertenzas dos xudeus, viaxaron con destino a España para pagar o volframio que saía das minas galegas. Boa parte dese ouro chega, xa a principios dos 70, ás mans dun grupo nazi que, co diñeiro da súa venda, comezan a controlar o negocio da droga. Para finais do ano 98, catro escritores de renome mundial e con problemas nos seus países  de orixe chegan a Ourense, convidados polo alcalde para descansar e escribir un libro sobre a cidade e as súas xentes. Mais, sen eles pretendelo, vense mergullados no centro das loitas entre dúas organizacións rivais: o grupo nazi e outro de ideoloxía contraria. Vinte anos atrás, un cura galego desaparecera sen que ninguén saiba do seu paradoiro. Hai, porén, fundadas sospeitas de que o ten secuestrado a organización fascista. O grupo contrario pretende que os escritores atopen o cura e, deste xeito, acabar co grupo nazi e o seu control do tráfico da cocaína.

A partir de aquí comeza propiamente a acción e o xogo detectivesco levado a cabo polos catro escritores. Mais non resulta doado entender a presenza dunha manchea de consideracións alleas a trama (reflexións sobre o oficio de escritor, sobre os fundamentalismos relixiosos) que pexan a lectura das primeiras cincuenta páxinas.

Con todo, cómpre recoñecer que o autor soubo tirar bo xogo do inverosímil labor detectectivesco dos catro escritores. A investigación é o elemento estruturador de todo o relato. Os detectives literarios non son “máquinas de pensar” e na novela non predomina con exclusividade a resolución do enigma. Un retrato crítico da sociedade española (un país moi corrupto, con mafias infiltradas nas institucións estatais), sitúase no primeiro plano. Historia pois de avolto detectivesco con abondas doses de radiografía e crítica social.

* Este texto foi publicado o día 26 de maio de 2011 no Suplemento Faro da Cultura, páxina VI, do xornal Faro de Vigo.

 

                                            

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Estas entrada foi publicada en Critica literaria, Narrativa galega coas etiquetas , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s