As inexorables regras da vida

As Médulas

Silvia Bardelás

Edicións Barbantesa, Cangas do Morrazo 2010, 235 páxinas.

 

As Médulas é una novela cun elevado grao innovador, tanto na súa forma como no seu contido. Ese xorne innovador e experimental e o feito de ter sido editada por una pequena factoría literaria, que edita libros á antiga, como exemplares únicos, pero afastada quizais dos circuítos comerciais, operan como é de supoñer: descoñecida practicamente pola crítica e tamén polas poucas e mirradas canles de distribución e promoción do sistema literario galego.

É certo que a novela de Silvia Bardelás renega das concepcións convencionais e canónicas á hora de narrar. En  As Médulas hai moito de vangardismo e de experimentación. Tampouco se debe esquecer que a súa lectura demanda lectores con riles poderosos, lectores activos que non queiran ver unha pexa nin na disposición do texto, sen capítulos, practicamente sen puntos á parte, e, sobre todo no contido narrativo, que medra entre as fronteiras da literatura e da filosofía. Hai críticos e analistas que confesan ser escépticos  cada vez que se fala dun novo xeito de narrar. Mais ignorar eses novos camiños chamados posmodernos ou simplemente experimentais, equivale a descoñecer que o mundo se move constantemente cara á algunha parte. A literatura e as demais expresións artísticas non teñen máis remedio que acompañalo.

Polo que me atinxe, confeso que lin esta novela de Silvia Bardelás tendo sempre presente o que afirma un reputado estudoso da narratoloxía: “a novela é o reino da liberdade, liberdade de contido e de forma, e por natureza resulta ser proteica e aberta” (Dario Villanueva). Non metamorfosea certamente Silvia Bardelás o caracter novelesco nesta súa proposta narrativa, pero cómpre recoñecer que é arriscada tanto no seu contido como na maneira de plasmalo. A escritora achéganos as vivencias e inquéritos de dúas parellas que viven un profundo desencontro emotivo e relacional. Unha verdadeira crise existencial percorre os latexos vitais da que forman Sara e Juan. A súa afectividade non medrara o que tiña que medrar e, por iso, séntense moi afastados. A outra parella, Flora e José, proveñen do mundo da emigración e, sobre todo o personaxe feminino, unha musulmana á que o mundo lle cambia o nome para poder facerlle un oco, é unha muller inadaptada. O azar fai que se atopen en Voces, unha pequena aldea moi próxima a As Médulas. E alí, nesa paisaxe idílica, pero que tamén actúa como una muralla envolvente (as paredes – montañas das Médulas cortan o infinito), intentan levar a cabo o proceso de revisión das súas vidas, o que obriga a Sara a abandonar a casa e facer unha viaxe.

O relato das súas experiencias vitais, coa recuperación dun pasado, en continuas analepses, que inflúe no presente, constitúe o argumento da novela. O que acontece nesas semanas de convivencia é insignificante. Mesmo o adulterio, narrado de forma que o lector apenas o percibe, é algo circunstancial, irrepetible, que non dispara ningún drama.

Silvia Bordelás

Ao meu ver, As Médulas é un bo paradigma da novela introspectiva, cimentada en innegables transferencias filosóficas. Sen apenas intertextualidade con pensadores – as únicas citas son breves referencias a Maslow, Heidegger e Sarte – ousaría dicir que As Médulas é unha das novelas máis filosóficas, quizais a máis existencial da literatura galega. Actuando como portavoz omnisciente das conciencias dos personaxes, a narradora relata formas de estar no mundo, reflexiona sobre a orde para volver á realidade, sobre o peso do destino, sobre esas regras que ten a vida que non coñecemos, pero que funcionan inexorablemente. E sobre todo, verbo da crise existencial, a angustia e os posibles camiños para saír da mesma.

A respecto dos trazos formais da novela, salientaría neste comentario o carácter poliédrico da narración, o xogo narrativo con personaxes modelados que evolucionan e a súa evolución convértese no sámago do relato. E de maneira moi significativa, a aposta da autora pola linguaxe, que conflúe nunha minuciosidade descritiva, por veces pouco menos que ferinte e insultante. Hai sobreabundancia de descrición de obxectos e de accións, feito que convida a comparar a escrita de Silvia Bardelás cos autores do “Nouveau roman”. Mais, a diferenza do obxectivismo de Robbe – Grillet e compañía, na escrita de Silvia Bardelás, o lector pode entrever horizontes estéticos e axiolóxicos e non é a nada o destinatario do seu discurso.

Advertisements

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Estas entrada foi publicada en Critica literaria, Narrativa galega coas etiquetas , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s