Alén dos homes*

Elisa y Marcela. Más allá de los hombres

Narciso de Gabriel

Prólogo de Manuel Rivas

Libros del Silencio, Barcelona 2010, 478 páginas.

 

 Alén dos homes forma parte do título co que o catedrático da Universidade da Coruña, Narciso de Gabriel, rotulou a que, en palabras de Manuel Rivas, constitúe unha das máis extraordinarias historias de amor de todos os tempos. A historia de amor e o matrimonio entre Elisa Sánchez e Marcela Gracia, que tivo lugar na igrexa coruñesa de San Jorge. Foi, sen dúbida, o primeiro precedente de matrimonio homosexual en Europa do que se ten constancia. E non aconteceu nos tempos actuais, senón en 1901. Elas foron as pioneiras  en casar, más de cen anos antes de que a lei o permitise, para se adaptaren á normalidade daqueles  tempos. O seu caso deu a volta ao mundo, aínda que xurdiu a polémica verbo se a prensa debía informar sobre este tipo de sucesos. A máis conservadora optou polo silencio, pero os grandes xornais informaron cumpridamente e rivalizaron por reproducir a fotografía de Sellier que retratou á parella trala voda. O caso prestábase a grandes titulares: noivos de contrabando, voda sáfica, matrimonio sen home. Ata Emilia Pardo Bazán interveu na polémica, eloxiando a personalidade de Elisa e recoñecendo que nunca tería sido capaz de imaxinar unha novela semellante.

A historia ten aparencias de novela, pero non o foi. Marcela e Elisa coñecéranse mentres estudaban  maxisterio na Coruña. A súa amizade deu paso a unha relación máis íntima, ata que decidiron vivir xuntas na aldea de Calo e despois en Dumbría, onde Marcela exercía como mestra superior. No ano 1901, Elisa, sen dúbida hermafrodita, adoptou un aspecto masculino e inventou un pasado ateo en Inglaterra. O párroco de San Jorge, preocupado pola difusión do protestantismo na Coruña, bautizouna co nome de Mario e posteriormente casou á parella. A investigación de Narciso de Gabriel demostra que o casamento tivo lugar para darlle un pai a un neno, pois, como froito da vida marital en común, Marcela Estaba embarazada. Descuberto o engano, a parella foxe primeiro a Portugal e posteriormente a Bos Aires. A partir de 1904,  a prensa deixou de ocuparse do caso e pérdeselles a pista.

Foi a raíz da aprobación dos matrimonios homosexuais en España cando Marcela e Elisa comezan a ser reivindicadas como as grandes precursoras das unións matrimoniais entre lesbianas. Precursora, porén, dunha historia non tanto de sexo como de xénero. Narciso de Gabriel deu coa historia sen buscala, e froito de longos anos de investigación é este libro, publicado orixinalmente en galego e hai uns meses en castelán por Libros del Silencio, a editora barcelonesa que amosa unha especial querenza por Galicia e as súas letras. 

* Este texto foi publicado o día 21 de maio de 2011 no xornal  El Correo Gallego. Para ver o orixinal, pinchar aquí

Narciso de Gabriel diante da igrexa coruñesa de San Jorge onde tivo lugar o casamento de Elisa e Marcela

Advertisements

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Estas entrada foi publicada en Critica literaria, Narrativa en español coas etiquetas , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s