As feituras da alma e as súas xeografías

 Ela, maldita alma

Manuel Rivas

Editorial Galaxia, Vigo 2011, 158 páxinas ( 3ª edición)

   Editorial Galaxia acaba de reeditar Ela, maldita alma, aquela escolma de relatos, publicada en 1999, que contribuiría a facer do escritor coruñés un dos máis importantes do panorama narrativo galego. Esta terceira edición aparece corrixida e ampliada polo mesmo autor. En efecto, dous novos relatos, “O espertar da criada” e “O misterio de Uz” completan esta edición. O primeiro literaturiza o fragmento do cadro de igual nome de Eduardo Sívori (1887) que ilustra a capa. A brevidade do segundo ten o seu intre de sedución  no remate do mesmo.

   Reproduzo a seguir, corrixindo algún erro, o texto co que comentei a primeira edición de Ela, maldita alma, publicado no suplemento “Revista das Letras” do xornal O Correo Galego o día 22 de xullo de 1999.

                                                               ……….

   Ela, maldita alma é unha compilación de relatos unificados polo título dun deles e por unha persistente e témera pescuda desa zona secreta do ser humano que lle chamamos alma e que rebule e se estremece coas súas mil faces nas páxinas deste libro. Innumerables almas a boquexar os aires e os bríos das prosas de M. Rivas. Unha alma larpeira que habita no estómago, e non no corazón, pola súa amplitude. A alma de Demócrito que é como una mota de po  e deixase ver grazas ao dardo da luz de Ana, a muller que vivira fraternalmente feliz durante anos con Fermín, un cura progre, guía dunha comunidade de base, que pensa a alma como val verde con río cinguido de bidueiras, mentres, sentado no leito do motel da estrada, espera que Ana se lle desvista por primeira vez. E logo, á media noite, ao fuxir coma marido puteiro acosado por un remorso viscoso, a alma convérteselle nas pedras amoreadas da catedral. E finalmente, ao beber do sangue de Cristo, na maldición que fai tremer o seu labio inferior.

   Trece relatos de desigual calidade, claro que si, pero que, no seu conxunto, lle dan corpo a un libro moi digno e por veces engaiolante, aínda que non lle engada nada novo á narrativa de M. Rivas. Salientaría, por riba de todos os demais, o que lle proporciona o título ao libro. Un relato no que, de lonxe, semella que ecoan a marea carnal e o drama do pecado de Julien Green. Un relato ateigado de forza e de tremor, como se a alma se fixese visible nos momentos cruciais para pedirlle contas ao protagonista, e no que o lector atopará intres narrativos que conxelan o vento. Como cando o petrucio lle espeta ao bispo de Fermín: “Temos un bo cura, señor bispo. Mágoa que non estea capado como os bois.

Manuel Rivas

   Bos relatos, moi líricos, moi sentimentais son igualmente “A barra de pan”, “O Mero”, “Charo A’Rubia” e “A rosa de pedra”, o relato máis étnico da colección, pero á vez moi moderno. Outros, para reencher o libro. Mais, como diciamos, nas prosas de Ela maldita alma non vai o lector atopar un Manolo Rivas descoñecido e inédito. Á avesas, o Manolo Rivas deste libriño seméllase a si mesmo, ao autor de textos narrativos precedentes, cos mesmos tics e as mesmas teimas narrativas de sempre: a maxia do cotián, a nostalxia, a tenrura, o lirismo, o humor, a axilidade e contemporaneidade descritivas.

   Relatos moi sentimentais, pero frescos, nos que se aposta forte polos valores, pola ambrosía do amor, que mesturan ficción e realidade, cheos de vida, de fermosas frases, de linguaxe poética, de formalidades estilísticas da lingua, ofrecidas en forma ricaz e, ao mesmo tempo, intelixible.

   Contos intranscendentes algúns, de pouca trama e gordura, pero que xuntados cos máis rexos, forman un libro apetitoso, porque a gran máquina imaxinativa de Rivas e o seu dominio do oficio converten os relatos de Ela, maldita alma en literatura para hedonistas ben temperados.

Advertisements

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Estas entrada foi publicada en Critica literaria, Narrativa galega, Relato breve coas etiquetas , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s