Vítimas e vitimarios

 A memoria e o esquecemento. O franquismo na provincia de Pontevedra

Gonzalo Amoedo López

Edicións Xerais, Vigo 2010, 534 páxinas.

 

   Inestimable a importancia desde libro de Gonzalo Amoedo e impagable o seu esforzo e afouteza, así como os de Edicións Xerais ao editar unha obra destas características nun tempo no que a non derrogación da Lei de Amnistía de 1977 impide que os xuíces acometan esa causa xeral contra o franquismo e os seus crimes nefandos. Mais no tribunal da historia escrita e polo que respecta á provincia de Pontevedra, faino arestora Gonzalo Amoedo nesta obra de máis de cincocentas páxinas, exhaustivamente documentada e na que se atreve  a dar a nómina completa de represores e represaliados a nivel provincial. Un libro pois de pescuda e de recuperación da nosa memoria histórica, escrito, como digo, con rigor e afouteza, pois aínda no están moi afastadas, nin tempo, nin na intención de certas persoas, as querelas presentadas por familiares de represores contra historiadores e xornalistas acusados de calumnias por citar os nomes e apelidos dalgúns dos que participaron na tarefa de represión en Galicia. O autor lembra no Preámbulo e máis adiante na páxina 207 as denuncias formuladas contra Dionisio Pereira, Alfredo González Ruibal e contra o xornalista Fernando Ramos, xa en xullo de 1981. Ataques  “en toda regra… para frear a posibilidade de que pouco a pouco vaian saíndo máis e máis traballos deste cariz en todo o país”.

   Coa intención de que aqueles crimes horrendos, cometidos hai setenta anos, non pasen ao esquecemento, escribe este libro Gonzalo Amoedo, un investigador cunha longa e acreditada traxectoria neste tipo de estudos. Con este libro, sen dúbida o máis completo publicado ata o momento verbo da represión franquista nunha provincia galega, o autor pretende estudar a fondo a xénese e desenvolvemento daquela cadea de horrores que provocou unhas tres mil mortes na provincia, para que non volvan ocorrer. A exhaustividade  da súa análise leva ao autor non só a dar conta do nome da vítimas e vitimarios e dos lugares onde se produciron os asasinatos, senón tamén a tomarlle o pulso a aquela sociedade, e tamén a súa herdeira, que permitiu de forma activa ou pasiva que foran masacrados os que uns poucos consideraban roxos ou separatistas.

   A idea – eixo que se expande a través da obra, é a de que as mortes e persecucións que tiveron lugar durante a Guerra e a  ditadura franquista non foron a consecuencia de axustes de contas entre particulares, senón froito dun programa perfectamente pensado e planificado,  no que participaba a Falanxe, o exército, a Igrexa e o capital, contra a Segunda República e os seus partidarios, con independencia da cor da súa adscrición política ou ideolóxica. Desde este norte analiza Gonzalo Amoedo os comportamentos, expectativas e reaccións que provocou a chegada de república. A consolidación do fascismo, coa Falanxe como grupo minúsculo, pero que proporcionou un substrato ideolóxico aos golpistas e que se nutriría do Partido Galeguista e da súa escisión, Dereita Galeguista, “xente que era galeguista de maneira ben morna”. Esta masiva integración do Partido Galeguista pontevedrés na Falanxe durante a Guerra, é algo no que, por respecto ás grandes figuras galeguistas, non se ten afondado. O autor pensa que xa é hora de afastar a palla do centeo e proba a súa tese con numerosos exemplos documentados. Moitos galeguistas, en efecto, mudaron o seu nacionalismo galego por outro e convertéronse en elementos significativos no exercicio represivo. Tamén algúns vellos militantes de esquerdas fixeron o cambio pola Falanxe española, a maioría para pasar desapercibidos e congraciarse co novo réxime.

Gonzalo Amoedo

   Porén, a parte máis ousada da investigación de Gonzalo Amoedo é  a relación con nomes e apelidos daqueles que como asasinos, vitimarios, delatores ou cómplices participaron na denominada represión paralegal, eufemismo que o autor traduce polo máis apropiado de ilegal e que a memoria popular lembrará cos nomes de sacas, claudias, raposas, carreiras de coellos ou sinxelamente paseos. A participación da meirande parte da Igrexa, tamén da galega, con honrosas excepcións como a de Vicente Enrique y Tarancón, en Tui ao comezo da Guerra. Estuda así mesmo con rigor as figuras paradigmáticas de dous asasinos moi comprometidos co poder: a do médico pontevedrés Víctor Lis Quibén  (“un asasino de bo berce”) e o caso de Ramón Bao (“a parábola do asasino de mal berce”). É igualmente salientable o capítulo no que revisa o papel da intelectualidade galega que se sumou aos golpistas dun xeito ou doutro. A relación é ampla, con nomes como Jesús López Suevos, José María Castroviejo, Luis Moure Mariño, Álvaro Cunqueiro, Noriega Varela, Filgueira Valverde, Álvaro das Casas, Hipólito de Sáa Bravo, Vicente Risco, Otero Pedrayo, Torrente Ballester entre outros.

   O libro completase cun interesante capítulo  e algunhas reflexións. O autor revisa o comportamento dos que mandaban á chegada da Transición: a súa reencarnación a través dos primeiros comicios electorais en demócratas de toda a vida, co que aseguraron o continuísmo político, un notable déficit democrático no Estado español, contradicións, dobre moral e unha gran mentira, “que ten os seus alicerces básicos precisamente na guerra de 1936, unha guerra onde os de abaixo pretendían sacudirse parte da opresión que recibían e os de arriba non estiveron dispostos a torcer absolutamente nada” (páxina 350).
Advertisements

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Estas entrada foi publicada en Critica literaria, Ensaio coas etiquetas , . Ligazón permanente.

2 Responses to Vítimas e vitimarios

  1. Pingback: Crítica de Francisco Martínez Bouzas sobre «A memoria e o esquecemento. O franquismo na provincia de Pontevedra», de Gonzalo Amoedo | Xerais

  2. Pingback: Crítica de Francisco Martínez Bouzas sobre «A veiga é como un tempo distinto», de Eva Moreda | Xerais

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s