Un lúcido manifesto de Lois Pereiro

Modesta proposición e outros ensaios

Lois Pereiro

Edicións Xerais, Vigo 2011, 83 páxinas.

   Reitero o que escribín con ocasión da edición da única novela da autoría de Lois Pereiro: unha das consecuencias máis beneficiosas e perdurables do Día das Letras Galegas é a publicación de moitos textos escritos polo homenaxeado, inéditos un, outros editados, se ben espallados en revistas e xornais. No volume que comento, recolle Edicións Xerais a parte máis importante e significativa da prosa ensaística escrita por Lois Pereiro. En  Modesta proposición e outros ensaios recompila, en efecto,  Xerais dez textos ensaísticos do escritor monfortino, seguidos da derradeira entrevista (unha conversa entre Lois Pereiro e Manuel Rivas), e tres anexos nos que M. Rivas e Miguel Munárriz  esbozan o retrato de Lois Pereiro e analizan a súa obra.

   Pola súa dimensión, novidade e radicalidade do seu pensamento, estimo que o texto más relevante do presente volume é o ensaio en cuxo título Lois Pereiro non aforrou palabras nin intertextualidades: “Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia”. Trátase dun breve ensaio estruturado en seis secuencias, que foi publicado orixinariamente  no número 27  de Luzes de Galiza (ano 1996) e incluído ao ano seguinte por Espiral Maior en Poemas para unha Loia. A persoa que mellor coñece a vida e a obra de Lois Pereiro, seu irmán Xosé Manuel, testemuña que estas prosas foron escritas na época febril dos últimos meses da vida do poeta e dan fe da súa curiosidade e preocupación pola vida. Nun intre no que as utopías do pasado estaban esvaecéndose, Lois Pereiro non se limita a levitar por riba da situación social e política do mundo que lle tocou vivir, senón que amosa, malia o trasfondo escéptico que transuda, unha radical carraxe e unha semellante determinación de loitar polos ideais que deberían facer do mundo unha sociedade máis xusta.

   Un opúsculo – alegación, xa que logo, para espertarnos do marasmo fatalista. O escritor comeza exteriorizando o punto de partida: sigue estando de parte da Beleza e da loita polo que sempre foi considerado moralmente xusto e evidente, mais apandando con tantas traizóns e agresións na historia que non nos permiten ser inxenuos, porque a vítimas de antes pretenden ser agora verdugos. A súa situación ideolóxica, allea porén a calquera militancia política, nútrese coas mesmas ideas que cando tiña dezaseis anos. Os seus ideais aliméntanse  cos mesmos libros e autores,  a maioría deles cultivadores dun pensamento libertario de esquerdas. Ao analizar a situacións actual, o que atopa son malos tempos para a reflexión e a resistencia, sumidos nun “imperio zombie” de Microsoft mental e de autoestradas da información. E sobre todo, unha impoñente capacidade humana para crear horror e facer ilimitado o mal. Así pois, a eterna historia criminal do poder, que non pertence, como no caso de Borges ao campo da ficción, senón que é ben real: sempre houbo amos e escravos.

Lois Pereiro

   Desde estas premisas, Lois Pereiro anticipouse máis de tres lustros a Stéphane Hessel e cunha prosa de moita maior calidade, a convocarnos á indignación e á sabotaxe (páxina 19). O ensaísta tampouco elude dirixir a súa ollada sobre o seu propio contorno, sobre Galicia: “E aquí entre nos ‘os bos e xenerosos’ cos demais, seguimos a sufrir os nosos ‘tempiños’ coma sempre, neboentos, queixosos e inmutables, sen rebeldía activa, sospeitando da nosa propia sombra e das intencións dos demais”(páxina 21). Verdugos, pois, da nosa propia autoestima e dignidade.   Finalmente amosa o escritor o seu espírito libertario e rebelde sobre todo na súa militancia lingüística: “porque quero, me peta e me dá a gaña”.

   Velaquí algunhas das ideas desta chamada de Lois Pereiro. A lóxica do seu pensamento é inapelable. L. Pereiro estaba claramente da parte dos que intentaban non contribuír a esa rolda universal opresiva e maldita e mesmo nos propón armas para a loita: dinamita contra os seus futuros disfraces, ironía contra os seus enganos publicitarios. O Amén final desta pequena alfaia en forma de ensaio confirma de xeito solemne a vontade de non ser cómplice do que nos indigne ou avergoñe.

Advertisements

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Estas entrada foi publicada en Critica literaria, Ensaio coas etiquetas , . Ligazón permanente.

One Response to Un lúcido manifesto de Lois Pereiro

  1. Pingback: Crítica de Francisco Martínez Bouzas sobre «Modesta proposición e outros ensaios», de Lois Pereiro | Xerais

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s