A ateoloxía de Bertrand Russell

 Por que non son cristián

Bertrand Russell

Tradución de Mª Fe González Fernández

Editorial Trifolium, Iñás – Oleiros 2011, 67 páxinas.

 

   Un minilibro de Editorial Trifolium, editado dentro da súa colección “Musa pedestris”, permítenos gorentar en galego dun inapreciable galano, froito do enxeño dun pensador de primeira liña, unha icona do racionalismo para moitas  xeracións. Seguramente o filósofo máis influinte do século XX, ao menos nos países de fala inglesa. Trátase da tradución  que Mª Fe González Fernández fai de Why I am not Christian, o texto dunha conferencia que Bertrand Russell impartiu en marzo de 1927 en Battersea e que fai que debamos considerar a Russell como un dos grandes agnósticos ou ateólogos da modernidade. Penso que son máis apropiados estes apelativos que o de herexe en moral e relixión, empregado polo compilador dos seus escritos en temas relixiosos, Paul Edwards. O mesmo pensador, aínda que coidaba que a relixión era pouco máis que unha superstición, en 1949 amosaba nun discurso as dificultades verbo de chamarse a si mesmo ateo ou agnóstico. Diante dunha audiencia filosófica, comenta, tería a obriga de describirme como agnóstico, mais fronte á xente común da rúa tería que dicir que son ateo, “porque cando digo que non podo probar que non existe Deus, debería igualmente agregar que non podo probar que non existen os deuses homéricos (Collected Papers, vol.11, páxina 91).

   No panfleto no que se distribuíu o discurso de Russell, para algúns analistas un exemplo do “estragador do poder da fría lóxica”, discútese  a validez de diferentes argumentos a favor da existencia de Deus. O da causa primeira, un argumento moi antigo, con precedentes en Aristóteles e Avicena entre outros, pero formulado como tal por Tomé de Aquino, é para Russell unha falacia; o da lei natural, favorito de Newton, ao que desbota porque para a ciencia actual non existen leis naturais, senón simples medidas estatísticas que xorden  do azar. A idea, por outro lado, de que as leis naturais implican un lexislador débese á confusión entre leis naturais e leis humanas. O argumento do plan descualifícase  con tan só acudir a parodia da que falaba Voltaire: o nariz deseñouse para soster os lentes! De xeito semellante rexeita Russell os argumentos morais, nomeadamente o que se presenta na formulación kantiana, e o argumento do remedio das inxustizas. Con todo, neste discurso, Russell pasa por alto o argumento ontolóxico que lle semellaba coherente nos seus anos de estudante.

   Debido a que o panfleto comeza cunha discriminación dos elementos esenciais e diferenciais  do cristianismo, e un deles é a crenza en Cristo como ser divino ou, ao menos, como o mellor e o máis sabio dos seres humanos, Russell efectúa así mesmo unha lectura, baseada na hermenéutica da razón, dos evanxeos e conclúe  que certas máximas ou preceptos de Cristo nin son novidosos, nin semellan proceder dunha persoa moi sabia, Ademais, algúns deles, como o anuncio da súa segunda vinda, non se cumpriron. Cristo, por outra banda, non pode ser o mellor e o máis sabio dos homes posto que cría no inferno.Unha persoa profundamente humana non pode crer nun castigo eterno. Asemade, a figura de Cristo que describen os evanxeos, é a dun ser reiteradamente vingativo e cruel. A súa doutrina sobre o castigo por ter pecado é cruel e ademais trouxo a crueldade ao mundo ao longo dos séculos.

Bertrand Russell

   A conclusión que tira Russell, é que a xente acepta a relixión non en base a argumentos, senón por factores emocionais. “A xente non cre en Deus debido a argumentos intelectuais, senón porque se lles ensinou a facelo dende a súa máis tenra infancia” (páxinas 38 -39).

   Rexistro unha conclusión de Russell que non se axusta de todo á verdade. O pensador acusa a Igrexa católica de ter declarado como dogma que a existencia de Deus pode probarse mediante a razón sen axuda. É certo que o Concilio Vaticano I anatematizou, xustamente contra os librepensadores,  a todos aqueles que defendesen que Deus non pode ser coñecido con certeza coa luz da razón mediante as cousas que foron feitas. Porén, o mesmo Concilio afirmou que a revelación divina resulta moralmente necesaria no estado actual da natureza caída do home. O tema pois da existencia de Deus é algo que pertence ao campo da fe e non ao da razón. Polo demais, este pequeno texto amosa a clarividencia dun eximio intelectual, a súa fina ironía, a intelixencia dun home cuxa linguaxe é facilmente comprensible, pero que non se arreda de afirmar, por exemplo, que canto máis intensa foi a relixión en calquera período e máis profunda a crenza dogmática, maior ten sido a crueldade e peores as circunstancias.

Advertisements

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Estas entrada foi publicada en Critica literaria, Ensaio, Narrativa estranxeira traducida coas etiquetas , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s