Os mapas dos soños e das lembranzas

 As palabras que move o mar

Xaime Toxo

Edicións Xerais, Vigo 2011, 181 páxinas.

 

   Non deixa de chamar a atención que, en tempos de crise e dificultades, tamén para o sector editorial, unha das máis importantes casas editoras deste pais, estea a facilitar a estrea, na súa colección de referencia, de narradores debutantes. Narradores que non son precisamente novos na maioría dos casos e que se estrean con decoro e con obras de calidade. Pode ser algo aleatorio, pero ao meu ver,  é significativo e louvable que, no eido de escrita, non existan esas barreiras que marcan os anos. Aos nomes de Ángel Vázquez de la Cruz, Manuel Portas, Ignacio Silva, únese arestora Xaime Toxo. Xaime Domínguez Toxo achega neste volume catro pezas narrativas desiguais, non tanto pola calidade, como pola temática e arquitectura das mesmas. As tres primeiras están esteadas na memoria, na recuperación das lembranzas xeracionais, e acubilladas polos recendos, marusías e bravezas do noso mar. A última é unha viaxe ao horror da ditadura pinochetista. A estrutura das tres primeiras xoga cunha temporalidade anacrónica. O tempo da historia non coincide co do discurso. Pola contra, no último relato a orde cronolóxica propia do tempo da historia e a orde textual do tempo do discurso concordan entre si. Desentoa, xa que logo, a súa publicación neste volume que quere ser “un dique contra o que bate a marusía gris e invernal do esquecemento”.

   “O alcume das pedras” inaugura esta escolma. O relato é unha revisión persoal do mapa sentimental dunha xeración que semella coincidir coa do autor. Comeza cunha prolepse coa que se enfronta o lector: a morte do pai da protagonista, o desenlace da historia. Berta, a filla, mentres agarda no tanatorio a incineración, olla cara ao pasado e dálle forma, contándollo a un amigo, a ese mapa sentimental que, desde nena, foi medrando na súa mente, ateigado de experiencias e vivencias emocionais. A educación sentimental da meniña – adolescente, a súa aprendizaxe da vida, mesturando a realidade cotiá co pano dos soños nos que a figura paterna, que un día deixa o fogar familiar para irse a cidade coa Muller – Cine, aparecen como o grande referente que lle permite a nena xogar coa ilusión de estar no corpo do pai cando viste a súa gabardina. Como tecido de fondo,  a maxia do mar, esa xeografía sentimental que nos configura.

   Outra prolepse inaugura “Cartografías”, unha narración que se vertebra como unha novela breve. Nun monólogo interior, Clara dá conta da ruptura co seu mozo. Desde ese sentimento de perda e de esgazamento, recupera o pasado amoroso da parella, ancorado nas contornas íntimas da súa memoria. O relato deita as súas experiencias vitais como mestra en Esteiro, a súa vida sentimental e sexual con Carlos, as súas diferentes formar de enfrontar a vida. Os personaxes que se reflicten no espello das súas existencias, nomeadamente nese capítulo entre esperpéntico e goliardesco, no que se nos achegan as argalladas do alcalde para facerse coa puta brasileira, unha moderna versión do dereito de pernada, cunha combinación perfecta: comer nunha casa e foder noutra. O referente da revolución dos cravos, que volve tolo ao mozo de Clara e acaba por separalos, contextuliza esta historia de dores e paixóns, na que tamén o mar, o mar de Esteiro e os seus penedos cheos de sorpresas orgánicas, amorna esta recuperación dun pasado sentimental.

Xaime Toxo ( Foto: Otto Roca )

   “A casa dos alicerces mariños” repite a mesma arquitectura circular. Todo comeza coa morte do fillo de Rubén, cuxo cadáver contempla o pai e, desde ese intre, desátanse as súas lembranzas e rememora o pasado, a relación coa súa muller – dous corpos como pedras no medio do deserto -, e cos amigos, Pedro e Luísa. O pasado de todos eles, coas súas infancias, os primeiros amores e paixóns  xuvenís, a morte do amigo, vítima da droga. Desde o presente, pois, o relato regresa constantemente ao pasado, vinte anos atrás, para esfollar a morna carne dos recordos e das soidades na casa dos alicerces mariños.

   No cuarto dos relatos, como xa dixen, cambia a xeografía, a temática e a orquestración estrutural. Xaime Toxo mergúllanos, nunha narración lineal, nos espantos da represión no Chile de Pinochet. Os esbirros da morte gozan torturando xente, sobre todo se de intelectuais se trata, aos que lles queiman os libros nos fociños e rebaixan á altura do betume. Alternan o  martirio ao que someten o preso xudeu, comunista e maricón, cos movementos do xogo nun xadrez que viñera da Alemaña nazi. Sen dúbida un bo calidoscopio para non esquecer as barbaries das que é capaz esa especie do “homo sapiens sapiens”.

   Sorpréndeme gratamente  o estilo da prosa de Xaime Toxo. Un estilo elaborado, co emprego dun galego vizoso, un rexistro léxico xenuíno, sobre todo no referente á linguaxe mariña e das construcións rurais. Ateigado de calidade poética, modismos apropiados, mais sen caer no lirismo gratuíto ao que se prestan estas rememoracións das cartografías sentimentais.

   Verbo la lingua, rexístranse algúns erros. Moitos deles inapreciables para quen non posúa unha notable competencia lingüística. E, aínda que non debemos “filoloxizar” a crítica, penso, con algún outro comentarista, que certas incorreccións, como tal “cortarte as pelotas”, son realmente tan vexatorias para o noso idioma que non se comprende como pasaron a peneira dos correctores dunha editorial que tanto contribúe na difusión da nosa lingua. Agardemos que esa lingua non sexa ese “castelgalego” que está a engulir cada vez máis o galego, idioma de seu, non dialecto.

Advertisements

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Estas entrada foi publicada en Critica literaria, Narrativa galega, Relato breve coas etiquetas , . Ligazón permanente.

3 Responses to Os mapas dos soños e das lembranzas

  1. Pingback: Crítica de Francisco Martínez Bouzas sobre «As palabras que move o mar», de Xaime Toxo | Xerais

  2. Magnífico este blog de lecturas pausadas e acertadas e críticas honestas. Unha forte aperta.

    • Agradezo a túa apreciación, sobre todo tendo en conta a categoría intelectual da persoa que a escribiu. Eu penso o mesmo de “O Ximnasio de Academo”: un blog pausado, penetrante e de grande fondura poética e intelectual

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s