Abeirado ao minimalismo*

Malas cartas

Manuel Pereira Valcárcel

Editorial Biblos, Cesuras 2010, 95 páxinas.

   A posguerra e as súas miserias deixaron pegadas indelebles en corpos e almas dos pobos galegos. Tamén no noso imaxinario colectivo, reflectidas a través da literatura. Xa non se trata unicamente de recuperar a memoria histórica. Eses anos indixentes, de lacerías e pauperismo tanto material como moral, están ateigados de feitos e sucesos reais – suicidios, asasinatos – que levedaron e seguen a inspirar pezas literarias nas que a ferramenta da ficción os fan máis cribles e os converten en “coñecemento narrativo” que perdura para alén do coñecemento histórico. Todo isto é o que o lector atopa nesta novela breve, Malas cartas, do escritor ouzandés, radicado en Madrid, Manuel Pereira Valcárcel.

Manuel Pereira Valcárcel ( Foto: La Voz de Galicia

   Unha prolepse (“Ceibaron a Suso”) inaugura esta historia que deu co escritor ao xeito dunha lenda rural, mais, neste caso, baseada nun feito real e do que foron vítimas persoas coñecidas polo narrador. No ano 1951, en Trevoedo, unha aldea galega do concello de Vilaio, aparece asasinada unha viúva de sesenta anos. Os gardas, buscando a solución máis fácil e rápida do crime, prenden a Suso. E aquí dá comezo o relato que se estea en tres centros de interese. O preso inocente sometido a torturas, a súa muller aflixida pero que está segura da inocencia do home, e o pobo que, ao xeito dun altofalante coral, expande e comenta as novas. É este último piar, sen dúbida, o máis importante na narración de Pereira Valcárcel, ata o punto de converter o relato nunha verdadeira novela coral. Porque o relato reflicte sobre todo o eco que  a detención do Suso ten entre os seus veciños: as forzas vivas que o consideran sen máis culpable e a xente do pobo que acredita na súa inocencia e non deixa de manifestar a súa xenreira contra os gardas, pero que respecta os caciques. Agranda así mesmo o argumento da novela a perfecta captación da paisaxe social do pais, nunha posguerra chea de miseria, odios, resentimentos e da obscena  fachenda dos ganadores da guerra, adeptos e adictos “al Régimen”.

   A escrita de Pereira Valcárcel abéirase conscientemente e á mantenta ao minimalismo, á expresión concisa e neste caso seguramente sen un “Captain Fiction” que, como nos relatos de Carver, pode os seus orixinais. Estilo minimalista, sobrio pola concisión do relato, pero tamén, pola perfecta descrición, ata os máis mínimos detalles, do que lle interesa á historia. Un escritor, pois, que conta o que cómpre contar, o esencial que marca  a historia e non a escurece.

* Este texto foi publicado o día 24 de marzo de 2011 no Suplemento Faro da Cultura,  páxinaVI, do xornal Faro de Vigo.

Advertisements

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Estas entrada foi publicada en Critica literaria, Narrativa galega, Uncategorized coas etiquetas , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s