Aníbal Otero…”anucíuse de tristura e señerdade”

 Aníbal Otero. Lingüística e política na Guerra Civil e no franquismo

Xesús Alonso Montero

Xerais, Vigo 2011, 412 páxinas.

 

   Dá cumprida noticia da vida de Aníbal Otero (1911 – 1974) este libro de Xesús Alonso Montero. Unha vida na que Esmoriz, o seu alter ego na novela do mesmo nome, sae da cadea, retorna á casa e alí, empregando o termo dialectal  que só se atopa no Vocabulario de San Jorge de Piquín, “anucíuse de tristura e señerdade”. Unha biografía imprescindible para entender a obra lingüística dun home moi pouco coñecido en Galicia, pero amplamente citado fóra da nosa terra polo seu labor no Atlas Lingüístico de la Península Ibérica, realizado desde o Centro de Estudios Históricos de Madrid nos días da Segunda República (1934 – 1935); polas súas enquisas lexicográficas en Galicia en no territorio portugués a partir de 1949. E mencionado sobre todo porque para eses investigadores e nas versións orais que circulan por Galicia, Aníbal Otero foi un mártir da Filoloxía durante a Guerra Civil. Unha biografía necesaria igualmente para comprender o traballo truncado polas adversidades da persoa que hoxe sería sen dúbida a maior autoridade en dialectoloxía e lexicografía de Galicia.

   Asómome a esta obra de Alonso Montero coma un pagano, alleo ás tarefas lingüísticas, mais penso que esa condición non impide ler este libro, así como os outros cos que Xesús Alonso Montero ten documentado a nosa memoria histórica dos últimos cincuenta anos. Ler este libro con desconcerto, con emoción e cunha grande xenreira diante da barbarie e o infortunio do que foi vítima Aníbal Otero.

Xesús Alonso Montero

   Como se dunha crónica novelada, e ao mesmo tempo atormentada, se tratase pero alicerzada nunha inxente documentación, Alonso Montero agasállanos cunha biografía paradigmática, dificilmente superable nos vindeiros anos. O estudo biográfico propiamente dito vén precedido por una cronoloxía, unha autoetopea, unha etopea e unha crestomatía  de xuízos sobre Aníbal Otero como lingüista, recolledor de romances, poeta e novelista. A continuación, unha primeira parte que nos traslada á orixe de Aníbal na aldea de Barcia (Ribeira de Piquín), fillo de solteira e pai atípico que nunca casou coa nai, malia os nove fillos que con ela tivo; os estudos e o inicio da súa carreira como dialectólogo, vencellado a Ramón Menéndez Pidal e a Tomás Navarro Tomás, dúas autoridades da Filoloxía Hispánica, na elaboración do Atlas Lingüístico de la Península Ibérica. As súas incursións na poesía e na narrativa, a novela Esmoriz fundamentalmente.  Unha segunda parte que Alonso Montero rotula como se dun cantar de cegos se tratase: a arbitraria detención en Portugal,  entrega aos sublevados franquistas en Tui, “ a súa indefensión e o seu calvario xudicial na Galicia dos vencedores,…onde se resumen as  lendas orais que circularon na posguerra, sobre  os motivos da condena a pena de morte; onde se examinan as 207 páxinas da Causa  809/36…”. As investigacións de Alonso Montero e sobre todo o seu acceso á causa xudicial desmontan de vez moitas lendas  e versións orais que sobre o proceso de Aníbal Otero circularon por Galicia. Aníbal Otero foi secuestrado pola policía salazarista  por escribir nun caderno as transcricións fonéticas das súas enquisas lexicográficas que interpretaron como a linguaxe críptica dun espía ao servizo da República. Transferido de inmediato aos militares españois rebeldes, foi condenado en consello de guerra, mais non a morte, senón a “reclusión perpétua”. Os cargos contra el non foron os signos do alfabeto fonético, senón outros, polos que o consideraron desafecto ao novo Réxime. Indultado  aos cinco anos, regresa a Barcia e foi alí onde “se anucíu de tristura e señerdade”. “Sin medios de investigación y lejos de toda biblioteca, yo lo único que puedo hacer es lo que hago: traballar os meus leiriños” (Carta a Otero Pedrayo, rexeitando o ofrecemento para escribir un resumo da gramática histórica do galego para a Historia de Galicia)

   Colaborará, porén, na continuación do Atlas Lingüístico, investigando en pobos do norte de Portugal. Na súa comarca e noutras de Galicia recolle así mesmo material léxico. Elixido membro numerario das Real Academia Galega, Aníbal Otero, o lingüista – labrego, magoado e deteriorado psiquicamente e sen posibilidades de consultar nas bibliotecas, carece de azos para redactar o preceptivo discurso de ingreso.

   Este é Aníbal Otero, un lexicógrafo galego de primeira magnitude que “non se esforza en emitir signos galeguistas de ningunha índole,… que responde en castelán a cidadáns galeguistas que lle escriben en galego”(páxina 308). A réplica á biografía coa que Alonso Montero remata o seu traballo, é un soño do que puido acontecer e non aconteceu, debido a tres datas fatídicas: o 5 de agosto de 1936 (detención, secuestro, incomunicación); o 5 de marzo de 1937 (consello de guerra no que o fiscal solicita a pena de morte); 9 de decembro de 1949 (nacemento do seu fillo cunha doenza incurable para a ciencia da época).

Advertisements

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Estas entrada foi publicada en Critica literaria, Ensaio coas etiquetas , , . Ligazón permanente.

One Response to Aníbal Otero…”anucíuse de tristura e señerdade”

  1. Pingback: Crítica de Francisco Martínez Bouzas sobre «Aníbal Otero. Lingüística e política en España na Guerra Civil e no franquismo», de Xesús Alonso Montero | Xerais

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s