Desmitificación das misións humanitarias

 O bebedor de rakia 

Xesus Manuel Marcos

Xerais, Vigo 2011,174 páxinas. 

Xesús Manuel Marcos, o autor desta novela, O bebedor de rakia,  semella ter unha manifesta querenza polos personaxes perdedores. Así acontecía nos relatos das súas dúas entregas que teñen como marco imaxinario a Esperante, ese lugar fantasmal, morada onde a morte acostuma ganar sempre e os seus moradores soen ser presentados case que sempre nos momentos das súas derrotas.

   Coa lembranzas daqueles contos, cicelados con grande eficacia, con tramas con moita gordura diexética e unha literaturiedade  envexable, achégome a esta súa última entrega, unha novela de non moitas páxinas, pero de grande intensidade. Seguramente que este relato de Xesús Manuel Marcos é un dos primeiros que se mergullan de cheo, e sen cadeados na pluma, nas interioridades das misións de paz, no que de verdade acontece nesas misións así chamadas, nas que ten participado desde hai anos o exército español. A novela ofrece unha imaxe moi realista da forma na que se desenvolven esas intervencións do exército español, motivadas moitas veces por urxencias non humanitarias senón políticas – como tal, acadar unha cadeira no Consello de Seguridade da ONU – e ateigadas de mentiras, actitudes mesquiñas e, sobre todo, dunha incontable cantidade de odios, crueldade, aldraxes, brutalidades… que os tafures da propaganda oficial saben disimular.

   Se todas as guerras acostuman deixar amargas herdanzas de síndromes nos que nelas participan, as guerras “humanitarias” (o sen sentido desta palabra é evidente falando de guerras), non son unha excepción. E esa é, na miña estima, a mensaxe desta novela.

Xesús Manuel Marcos

   O relato de Xesús Manuel Marcos aborda  as pegadas que a participación das tropas da misión española na guerra de Bosnia deixou nun soldado profesional que actuou na mesma durante sete meses. A estrutura da novela descansa sobre a alternancia de dúas voces que tiran dun so fío narrativo. A do protagonista que, quince anos despois, e nun memorable monólogo interior no silencio espeso do calabozo, lembra as feridas do corpo e as da alma recibidas en Bosnia. As primeiras non se encetan, as segundas non sollan xamais. E a voz dun narrador omnisciente  que sutura a súa  experiencia “bélica – humanitaria” cun presente de desencanto, fracaso, desexos de autodestrución, violencia que perdura anos despois do regreso daquel inferno. Mentres espera sentado no calabozo a que o suban perante o xuíz, aquel mozo que nos Balcáns cumpriu vinte anos, retrocede no tempo  nun soliloquio, que semella dirixido a súa irmá, o único membro da familia que lle dá agarimo. E na súa mente estoura todo o horror do que, en misión de paz, foi testemuña: os leiróns, gordos como coellos, devorando corpos nas beirarrúas de Mostar e Saraxevo, a muller que guinda o naipelo acabado de parir pola súa filla adolescente ás frías augas do río Neretva, o primeiro miliciano que mata, o odio contaxioso que percibe por todas partes, unha guerra que é vista como un inmenso mercado no que se poxa a vida e a morte e do que non se fala nos xornais. Finalmente, a rakia, esa augardente  de herbas de corenta graos “que era como unha granada anticarro lanzada á blindaxe do cerebro”  e que remata por destruílo, converténdoo nun bébedo ata que toca fondo e proxecta a súa  autodestrución  sobre a propia familia.

   Penso que Xesús Manuel Marcos desenvolve estre proxecto literario con gran valentía e sen ningunha rémora no tratamento dun tema no que se afasta do politicamente correcto. Cómpre salientar o realismo e a verosimilitude coa que describe o horror do que está tinguido ese escenario dos Balcáns e que vai destruíndo o protagonista. O estilo da súa prosa é moi elaborado. Algún erro gramatical non empece que se deba rexistrar no haber da novela o emprego dunha grande riqueza léxica, vizosa e xenuinamente galega (endoutro, xalundes, asura, filandón…), cada vez más ausente do galego literario. Unha razón engadida para gorentar con esta novela.

Advertisements

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Estas entrada foi publicada en Critica literaria, Narrativa galega coas etiquetas , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s