Federica Montseny en Galicia

Impresións dunha viaxe por Galicia en 1935

Federica Montseny

Tradución: Enrique Sánchez Rodríguez

Ilustración da cuberta: Ánxela Pérez Meilán

Editorial Trifolium, A Coruña 2011, 77 páxinas.

“Fume de Leña” é o nome co que Editorial Trifolium rotula unha colección de libros de viaxes nos que Galicia aparece como destino. Á mesma engádese, neste comezo de ano, un texto singularísimo, por ser a súa autora Federica Montseny, a propagandista e ideóloga libertaria, figura cimeira na historia do anarquismo ibérico, a primeira muller que acadou a condición de ministra na Europa Occidental. Federica Montseny vén a Galicia nunha viaxe organizada polo Comité Regional da Confederación Regional Galaica da CNT. Unha xira que se desenvolveu entre o 3 e o 16 de decembro de 1935, visitando as cidades de Betanzos, A Coruña, Ferrol, Cariño, Santiago, Lugo e Ourense. Como fixera con ocasión doutras viaxes a distintas partes de España, Federica Montseny escribe un relato do que vira e do que experimentara, que se publicou por entregas en “La Revista Blanca” a comezos de 1936.

   O texto que agora recupera Editorial Trifolium, chéganos precedido por unha Introdución contextualizadora, asinada polo historiador e especialista nestes temas, Eliseo Fernández; un limiar que nos dá noticia das dificultades nas que se realizou a viaxe por mor da situación de ruptura cos socialistas, consecuencia dos enfrontamentos nos primeiros anos da República. E tamén pola división interna no seo da CNT, entre moderados e radicais, fileira na que se aliñaba Federica Montseny e que se fixo notar sobre todo no acto que Federica  protagonizou en Santiago.

Federica Montseny

   O relato de Federica Montseny, condensado e á vez moi vivo, é unha amalgama de relato de viaxe, de homenaxe reiterado quizais en demasía á paisaxe galega, ao espectáculo  do mar e da terra en conxunción permanente, de descricións e louvanzas do movemento libertario en Galicia, anécdotas e curiosidades de cada unha das vilas e cidades que visita, e mesmo de consideracións, tópicas por veces, sobre o carácter e idiosincrasia  galega. E tamén, un canto á muller galega, “a gallarda muller galega”, “sas e fortes como carballos”.

   Comeza o relato cunha crítica á compañía do ferrocarril, a súa rapacidade que aforra os vagóns de terceira clase para obrigar os viaxeiros a sacaren billetes de segunda (páxina 23). E remata cunha loanza á camaradería do movemento libertario galego, “unha anarquía á antiga usanza” (páxina 76).  Entremedias, algunhas consideracións que non deixan de chamar a atención. Federica Montseny semella descoñecer a obra na que Rosalía de Castro denuncia a situación social de miseria, a emigración que padece Galicia e, sobre todo, o asoballamento ao que foron sometidos secularmente os galegos na emigracións a Castela. Ao contrario daqueles galegos que ían a Castela por pan e saramagos lles deron do poema rosaliano, F. Montseny presenta unha España ( “a España que pensa e sente”) que ama a Galicia ata sen a coñecer (páxina 24). Outro trazo a subliñar, é a análise sociolóxica que fai do carácter galego, na que se deixa levar por tópicos. Ve a muller galega como una copia exacta – “resurrección” é a súa palabra –  do tipo de campesiña rusa tal como a retratan as novelas de Tolstoi. Pero xa no primeiro contacto coa xente galega en Betanzos, se decata de que Galicia é un pais patriarcal. Na mesma mentalidade dos seus compañeiros de ideoloxía libertaria, a muller fica arredada da vida pública e encerrada no fogar. Percibe asemade a muller galega como allea aos escrúpulos pecaminosos verbo do amor carnal e da sexualidade en xeral. Finalmente non deixa de sorprender e mesmo de abraiar a súa descrición do carácter dos galegos: “unha atractiva mestura de enxeño, bonhomía, afouteza e puerilidade” (páxina 28). O que demostra que todos somos fillos do noso tempo e permeables, moitas veces en demasía aos lugares comúns, trivializacións e argumentos estereotipados.

Advertisements

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Estas entrada foi publicada en Critica literaria, Relato breve, Relato de viaxes coas etiquetas , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s