Os compases e as corcheas do erotismo

Organoloxía

Eva Moreda

Edicións Positivas,Santiago de Compostela 2010, 97 páxinas.

    De Luis G. Berlanga, que presidiu de forma vitalicia o xurado de “La sonrisa vertical” e dirixiu a colección do mesmo nome en Tusquets, son estas palabras: “Queremos dar aire que respirar, xa que o desexo é saúde e sobre todo queremos recuperar o culto á erección, ao hedonismo, ás fértiles colleitas que unha boa e gozosa literatura pode ofrecernos”. Benvidos sexan pois todos os medios, tamén os galardóns literarios, que lle dean pulo dentro do noso sistema literario ao que se acostuma chamar xénero erótico. Pois poucos, e apenas sen nome, son os templos onde se lle rende culto á erótica, esa afección tinguida de desexo que ten que ver coa recuperación dos corpos silenciados e transgresores, que agachaban no seu interior todo o que a cultura patriarcal coas súas prácticas prohibiu durante tantos séculos. A boa literatura erótica non se alimenta con aqueles libros que, consonte coa definición de Rousseau, o lector lee cunha soa man. Nútrese, ás avesas, coa donación absoluta ao lector, e non só da corporalidade física, senón con outra moito máis delicada e sutil.

   E é importante que a literatura, que xamais desaproveita nada, non se esqueza do amor e do erotismo. Fíxoo desde  a antigüidade ata os nosos días, malia que entre nós e nos ámbitos veciños, a verdadeira literatura erótica é hoxe practicamente inexistente. Quizais teña razón Vargas Llosa: xa non é a censura o que cómpre franquear, senón a barreira da banalidade e do estereotipo. A permisividade fixo que todo resulte aceptable, volatilizouse o efecto escándalo e o erotismo é hoxe algo previsible, mecánico, carente de refinamento estético.

   Na nosa literatura o xénero erótico aínda está por inventar, malia algúns fitos puntuais, como foron os premios do certame “Máquina de Vapor” dos anos 90. Tamén certos produtos doutros xéneros que teñen connotacións e concomitancias co erotismo. E nomeadamente a liña editorial “Narrativas Quentes” que no ano 2002 abriu Edicións Positivas cun premio de literatura erótica que leva o mesmo nome e que na súa V convocatoria gañou Eva Moreda co título Organoloxía.

Eva Moreda

   A autora, licenciada en Filoloxía clásica e en Musicoloxía, amalgama nas páxinas deste libro as súas dúas paixóns, a música e a literatura. Organoloxía está escrito no ronsel dos grandes mestres do xénero, Boccaccio e Chaucer. A protagonista relatora volve como profesora ao conservatorio onde estudara e tivera a oportunidade de relacionar cada tipo de polvo cunha modalidade de música. Dedos áxiles, pero vida sexual aburrida en canto ao uso dos mesmos. De súpeto un día atópase pechada no edificio xunto coas súas compañeiras de docencia. A deusa Afrodita parecera conxurarse contra elas ou ao seu favor. Para pasar a noite, deciden dar renda solta as súas fantasías sexuais. E así, a partir dun instrumento musical, van debullando historias, soños eróticos ou experiencias de sexo. Unha verdadeira bebedela de amigas e xorden espontáneas as fantasías sexuais. Desde a compañeira que, lembrando a Bach, confesa que, como muller moderna e liberada, lle gustaría foder cun fascista, con José Antonio ou cun capitán das SS, ao ritmo da Suite Inglesa nº. 2 de Bach, e remata facéndoo cun chulo  neoliberal de ultradereita, ata a do “Saxofón alto” fantasía na que a relatora xoga co aparelliño sexual que, como unha sordina, é unha excelente compañía para os solos.

   Xa que logo, un verdadeiro festival de confidencias improvisadas. A autora explora literariamente as posibilidades eróticas de varios instrumentos musicais. E faino con acuidade e grande habelencia, que xa se advirte nos acaídos xogos de palabras que inzan o texto. Eva Moreda e Edicións Positivas, coa edición deste libro e os outros da colección “Narrativas Quentes”, empurran e promoven o galego. Porque o erotismo é hoxe en día unha das linguaxes máis importantes e debe de ser empregada para o espallamento da nosa lingua. O lume do erotismo é un excelente motor de arrinque para vivir e tamén para calquera manifestación estética. Oxalá, pois, que a literatura erótica en galego se consolide de vez e se converta en consumo masivo, porque iso contribuiría de maneira importante á consolidación da nosa lingua.

Advertisements

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Estas entrada foi publicada en Critica literaria, Narrativa galega coas etiquetas , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s