Indignádevos, rebelémonos!

 Indignádevos!

Stéphane Hessel

Faktoría K de libros ( Editorial Kalandraka ), Pontevedra 2011, 47 páxinas.

    Estamos a vivir no mellor dos mundos historicamente coñecidos, como teimaba convencernos nos seus derradeiros anos Karl Popper? É algo que, se  pensa un pouco, non deixa de ser unha pura verdade, respondía o autor do obituario que a Popper lle dedicou  unha revista galega de pensamento. Si, What a wonderful world !  A canción de Louis Amstrong  resumía atinadamente,  hai xa máis de catro décadas, o perfil e máis o diagnóstico  que adoito temos, ou tiñamos, da era histórica que nos tocou vivir. Desde que a finais do século XVIII empezaron a se asentar as ideas de Hume e Smith, piares fundamentais da sociedade da liberdade natural e da absoluta seguranza no mercado, temos camiñado inexorablemente e ás alancadas cara aos lindeiros dese mundo dourado, triunfante e triunfalista no que os absolutamente pobres, os que dispoñen de menos dun dólar por día, son máis de mil millóns de persoas e o seu número medra cada día; a África subsahariana, con máis de quiñentos millóns de habitantes, produce tanto como Bélxica con dez millóns. E todo o que produce xa está comprometido. Todo, froito do primado da economía, da súa expansión permanente, da súa racionalidade.

   Mais como todo isto acontece no Sur, nese afastado horizonte perdido, no Norte seguiamos mergullados no soño dese mundo tan feliz. Ata que a xostregada plúmbica da crise comezou a azoutarnos como xamais antes o fixera. Pero aínda así seguimos inmersos  nos nosos soños, na nosa indiferenza, inmobilizados se cadra ante a magnitude do desastre. E tivo que ser un home de 93 anos, veterano  supervivente da barbarie nazi, fillo da Resistencia francesa e redactor da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, Stéphanne Hessel, quen intente espertarnos do marasmo fatalista e da confianza. Nun “opúsculo – alegación” que está a revolucionar o panorama literario e intelectual en Francia, convócanos a todos, e sobre todo á xuventude, para que cambiemos a indiferenza pola indignación e  pola insurrección.

   Nestas datas Faktoria K de Libros agasállanos coa tradución ao galego deste libriño. Son apenas corenta páxinas, prologadas por Manuel Rivas, que deberían actuar de fermento para provocar en todos nós esa indignación, que o mesmo autor identifica coa “revolta” que propugnaba Sartre.Unha indignación radical e unha insurrección pacífica para conseguir unha sociedade xusta. Stéphanne Hessel, descolocando a sociólogos e  a políticos, dálle forma escrita ao actual alporizamento xeral que flota nos ambientes do Primeiro Mundo. Despois de invocar os principios da Resistencia ( Seguridade Social para todos, unha auténtica democracia económica e social, primado do interese xeral sobre o particular, repartición xusta das riquezas, prensa independente, educación segundo os ideais da escola republicana, xubilación digna para os vellos traballadores ) a voz de Hessel dinos:

Stéphanne Hessel

   “Teñen o valor de dicirnos que o Estado xa non pode seguir cubrindo os custos destas medidas cidadás. Pero como pode ser que hoxe en día non haxa cartos para manter e prolongar estas conquistas, tendo en conta que a produción de riqueza aumentou de forma considerábel despois da Liberación, un período en que Europa estaba arruinada? Pode ser porque o poder do diñeiro, ao cal combatía a Resistencia, nunca antes foi tan grande, insolente e egoísta, cos seus propios servidores situados nas máis altas esferas do Estado. Os bancos, que agora están privatizados, preocúpanse sobre todo polos seus dividendos e polos elevadísimos salarios dos seus directivos, e non polo interese xeral. A brecha entre os máis pobres e os máis ricos nunca foi tan grande; e a carreira polos cartos, a competición, nunca se fomentou tanto” ( páxina 21 )

   Héssel en nome dos valores da Resistencia fai un chamamento ás novas xeracións para revitalizar a transmitir os ideais da resistencia. Non debemos rendernos nin deixarnos amedrentar “pola actual ditadura internacional dos mercados financeiros que ameaza a paz e a democracia”. Unha chamada, xa que logo, a rebelarnos. A insurrección pacífica segundo as mensaxes de Mandela ou Martin Luther King.

    A segunda metade do século XX contemplou avances importantes en todas as ordes, ata o punto de que en 1989 o pensador que amentei ao comezo, Karl Popper, podía escribir sen remorsos nin reprobacións xeneralizadas este panexírico do liberalismo: “…hai persoas na nosa sociedade demasiado ricas. Mais por que nos ten que importar; se hai recursos de abondo – e boa vontade – para loitar contra a pobreza e outros sufrimentos evitables?”. Os dez primeiros anos do século XXI están a supoñer un período de retroceso e de crise radical. Por iso a cólera contra a inxustiza debe de permanecer intacta. Debemos saír da crise xeneralizada que nos azouta, cunha ruptura radical do actual modelo, rachando  cunha orde económica que non é orde senón desorde porque permite, por exemplo, que nun pais como España haxa cerca de cinco millóns de parados. Unha ruptura con esa sociedade dos sen papeis, das expulsións e sospeitas respecto aos inmigrantes, na que se pon en cuestión a xubilación e os logros da Seguridade Social e os medios de comunicación están nas mans dos poderosos.

   E se somos capaces de dixerir o pensamento coherente e asemade revoltoso de Stéphanne Hessel e queremos afondar nas súas propostas, velaquí outra lectura imprescindible. Un libro editado  recentemente en España, fillo da fibra libertaria do seu autor, Michel Onfray, Política del rebelde. Tratado de resistencia e insumisión. Un texto ancorado no nietzscheanismo de esquerda (Foucoult, Deleuze, Bourdieu) e en cuxas propostas podemos atopar as armas acaídas para derrubar a orde – desorde establecida: instaurar a política como centro da vida social, desterrando o monoteísmo do económico para que o goberno da polis deixe de estar ao seu servizo. Enteira coincidencia pois  co chamamento deste antigo membro da Resistencia, con esas palabras vindicativas, “enfornadas con anovada liberdade” como escribe no prólogo Manuel Rivas.

Advertisements

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Estas entrada foi publicada en Critica literaria, Ensaio coas etiquetas , , . Ligazón permanente.

3 Responses to Indignádevos, rebelémonos!

  1. Luis di:

    Noraboa polo artigo, gocei moito léndoo. Eu tamén dinlle eco á publicación desde libro na miña bitácora, o certo é que España necesita unha revolución e rematar cos abusos da política e dos mercados. Agora mesmo somos escravos da economía, non libera, senón que somete e domina aos cidadáns.
    Non coñecía a segunda obra da que falas, teño que apuntala, gostaría poder lelos todos, seica hai unha renacente xeración de novos filósofos para abrirlle os ollos aos cidadáns.
    Un saúdo!

    • Grazas pola lectura desa entrada e polas túas palabras. O segundo libro ao que me refiro ao final, o de Michel Onfray, “Política del rebelde. Tratado de resistencia e insumisión” está editado en Anagrama, na colección Argumentos. A cartografía que fai da actual miseria, seguindo os círculos do Inferno de Dante, é realmente dantesca. Logo achega solucións baseadas nos fermentos do Maio do 68 e tamén no emprego de certa violencia” en violencia constitutiva da realidade”, Fixén unha reseña deste libro hai uns días noutro blog para libros en castelán que se chama, “Brújulas e espirales”. Coido que ti es o profesor do IES Valladares e que tamén fas un blog destas cousas. Un blog que eu tamén sigo. Un saúdo e grazas de novo por lerme.

  2. Pingback: Blog K» Archivo del Blog » 4ª EDICIÓN DE ‘INDIGNÁDEVOS!’

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s