Domingos de calcetíns brancos, retrato dunha xeración

 Domingos de calcetíns brancos. Retrato do cambio social na xeración de 1950

Manuel Pérez Rúa

Editorial Galaxia, Vigo 2010, 242 páxinas.

    Os alumnos de bacharelato saben, xaora, que por cambio social se entende as alteracións producidas nas estruturas sociais e observables no tempo e que afectan, dun xeito nin efémero nin provisional, ás pautas de comportamento e acción social, aos valores e aos produtos  e símbolos culturais. E os bos alumnos coñecen así mesmo que, fronte á revolución ou cambio violento, hai outro tipo de cambio social: a evolución social, é dicir, o conxunto de transformacións que experimenta unha sociedade durante un longo período de tempo, como resposta a algún tipo de desorganización social. E tamén, que un dos factores que interveñen no mesmo, é a evolución cultural e as mesmas actitudes intelectuais, sociais e políticas.

   Non son outras as armas conceptuais que se precisan para unha abordaxe proveitosa e mesmo pracenteira deste libro de Manuel Pérez Rúa, merecedor do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio no ano 2009, que analiza as características do cambio social nos nacidos arredor de 1950 na parroquia de Meira, do concello de Moaña. Eles viviron pequenas e grandes transformacións, das que formaron parte, moitas veces dun xeito inconsciente. Mudanzas que os levaron de vivir na súa infancia os derradeiros episodios dunha sociedade rural ou mariñeira, autárquica e domeada polo franquismo, á actual sociedade da globalización e da tecnoloxía. A morfoloxía das transformacións sociais que experimentaron é extensible a Galicia enteira, tanto rural coma urbana, dos últimos cincuenta anos.

   A investigación céntrase na traxectoria de cambio social dun grupo de nove homes de Meira, vencellados entre si e que funcionaban como un grupo de iguais ou “pandilla”. Persoas de procedencia socioeconómica humilde e de rápida emancipación e incorporacións á vida laboral. Eles aportan os principais testemuños. Mais tamén son testemuñas  outros dous grupos de persoas da mesma xeración que, quer  desde unha procedencia socioeconómica similar, quer como profesionais en campos relacionados coa socioloxía, amplían o horizonte á península do Morrazo ou a Galicia enteira.

   O autor, baseándose en entrevistas realizadas en distintas datas (1999, 2008 – 2009), analiza pormenorizadamente un amplísimo abano de indicadores nos que pescuda a transición destes grupos de homes (este é un libro de xénero masculino, advírtenos o autor na Introdución) desde unha infancia mergullada no nacionalcatolicismo e vestida os domingos con calcetíns de Punto Blanco para iren a misa, e unha mocidade rebelde, de pelo longo, estudos nos seminarios ou nalgún colexio e academia, ata o tránsito á idade adulta e o desenvolvemento profesional e laboral.

   Como digo, son abondosos e heteroxéneos os indicadores do cambio social que Pérez Rúa analiza e que estrutura en oito capítulos (O álbum da infancia; A pandilla; Escola e ensino; Pais e fillos; Desvelar o corpo máis abaixo da cintura; Cidades, traballo, gañar a vida; Urbanismo; Todo era política). Salientaremos dous deles.

Manuel Pérez Rúa

   En primeiro lugar, o carácter autoritario do ensino, tanto nas precarias escolas primarias, presididas por un crucifixo e os retratos de Franco e José Antonio, co reparto de bocadillos de queixo e leite americano en po, a Enciclopedia Álvarez e a pizarra e o pizarrín para combater o analfabetismo. E uns mestres que esixen respecto reverencial e empregaban como acaído método pedagóxico a vara ou os vergallazos. Unha educación que reflectía un estilo de vida e de cultura alicerzados na “hostiabilidade”. A maioría dos membros do grupo proseguen os seus estudos coa  secundaria. E é aquí onde os seminarios cobran un grande protagonismo, xa que contaron con grande demanda social porque  o seu custo barato era soportable para as familias. Os valores ligados a estes centros teñen que ver coa disciplina, responsabilidade, autonomía persoal, separación dos cativos da vida familiar e unha formación de calidade, sobre todo no eido humanístico. É sen dúbida unha carencia que neste indicador o autor non fixe a súa análise no ensino público, especialmente nos institutos. Certos institutos galegos  ofrecían eses anos un ensino libre e de calidade moi superior á dos centros privados e mesmo á dunha Universidade de Santiago anquilosada. Outros, pola contra, e aínda moitos anos despois, ficaban atenazados pola burocracia, por directrices autoritarias e por prácticas pedagóxicas herdadas da cultura oficial do tardofranquismo, a anos luz, por exemplo, do que, xa en décadas anteriores, era habitual no ensino público catalán. E diso eu mesmo son testemuña.

   A relación coa sexualidade foi para estes nenos e mozos da xeración dos 50, por unha banda unha ocultación por parte dos pais que potenciaba a curiosidade, e por outra, unha descuberta moi natural no seo da “pandilla”, que en cuestións de sexo xogou un papel socializador moi importante, fronte á miseria informativa daqueles anos. As masturbacións, as amantes de papel e o mironismo ou asexo actuaron como válvulas de escape e aliviadoiro dunha xeración cuxa primeira adolescencia define o autor como una mestura de bicicleta, masturbación e guateque (páxina 123), nun contexto no que a moral sexual dominante no pais, fixaba o matrimonio como porta de acceso sexual dos corpos. A partir da morte do ditador, tanto neste apartado como noutros, producíronse cambios substanciais, debidos á maior liberdade e ao contacto co exterior.

   En resumo: unha excelente radiografía dunha xeración que viviu o seu cambio social. Unha análise sociolóxica  acaída e mesmo entretida, de fácil e amena lectura, especialmente polos moitos testemuños tirados da fala que emiten os entrevistados, e cuxas incorreccións e non coincidencias coa normativa oficial de hoxe o autor respecta, ao meu entender, con bo criterio, pois son palabras vivas collidas da fala cotiá. Así eran, así falaban e así seguen falando.

Advertisements

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Estas entrada foi publicada en Critica literaria, Ensaio coas etiquetas , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s