Cartas de amor intransitivo

 Benquerido Diego, abrázate Quiela

Elena Poniatowska

Tradución: María Fe González Fernández

Editorial Trifolium, A Coruña 2010, 67 páxinas.

 

   A escritora mexicana Elena Poniatowka, que ten acadado algúns dos máis importantes premios das literaturas latinoamericanas ( o Alfaguara de Novela, o Rómulo Gallegos e recentemente o Premio Biblioteca Breve ), acostuma escribir a partir de feitos e circunstancias reais, dos que tira os temas para as súas fabulacións. Elena Poniatowka, en efecto, tenlles dado voz nas páxinas das súas obras aos sen voz no seu pais, como tal a Josefina Bórquez, na ficción Jesusa Palancares de Hasta no verte Jesús mío (1969), unha lavandeira e medium que participa na revolución mexicana e que lle permitiu á escritora coñecer a verdadeira pobreza do México real. Mais a xornalista, dramaturga e narradora tamén lles presta a súa voz a outras mulleres non mexicanas ás que admira. Unha desas mulleres foi Angelina Petrovna Belova, máis coñecida como Angelina Beloff, exiliada rusa en Francia, pintora e parella durante dez anos do muralista mexicano Diego Rivera.

   Na existencia do pintor, Angelina Beloff ocupou sempre un espazo minúsculo. Ela, non obstante, foi a súa primeira muller e con ela tivo un fillo en 1916 que finaría un ano despois. A súa vida ao carón do artista, e nomeadamente despois do regreso de este ao seu pais, foi moi amarga e dolorosa naquel París frío, gris e pobre da posguerra. O mesmo Diego chega a confesar: “Angelina deume todo o que unha muller lle pode brindar a un home. Pola contra, ela de min recibiu toda a miseria que un home lle pode infrinxir a unha muller”. Diego Rivera marcha de París en 1921 e Angelina escríbelle cartas que nunca obterán resposta.

   Elena Poniatowca recrea o ficticio epistolario que ten  a súa orixe en Angelina. Un epistolario esteado en restos de escritura histórica. A dimensión temporal da comunicación, se así se pode chamar, vai desde o 19 de outubro de 1921 ao 22 de xullo de 1922. Dez meses sen ter noticias de Diego. Nin unha soa liña. Só remesas de diñeiro. Intercambio de palabras de amor por moedas, feito que contradí a simetría dos suxeitos emisor e receptor. Na única carta verdadeira escrita por Angelina, a do 22 de xullo, tomada por Poniatowka da biografía que do muralista escribiu B. Wolfe, a pintora rusa dille que preferiría unha soa liña aos cartos, pero sobre todo preferiría  o seu amor.

Angelina Beloff, retrato de Diego Rivera

   Trátase, xa que logo, dun caso patente de amor non correspondido, de amor intransitivo. Quiela atópase aloxada na carencia: do fillo, de calor, de diñeiro, do amante. A súa voz melancólica convértese na escrita de Elena Poniatowka nunha parodia do sufrimento a través da pasividade e mesmo dese renderlle un culto case que fetichista aos papeis e pinceis do pintor (“… benquerido Diego, os teus pinceis érgense no vaso, moi limpos como a ti che gusta. Atesouro ata o máis mínimo papel no que esbozaches unha liña” , páxina 13).

   Ao longo da correspondencia recreada en forma de ficción, o abalo afectivo amosa un carácter cambiante. Hai, porén, un denominador común que atravesa estas cartas: a lembranza nostálxica e doente e a imaxe idealizada do amado ausente, do que nunca recibe respostas, mais ao que incluso lle pide permiso e perdón por telo substituído pola pintura, por crear un espazo propio que ocupe o do outro. Desde as primeiras liñas, Quiela amósase como una muller alienada, ocupa o lugar da non – existencia fronte á evocación da figura xigantesca de Rivera que alimenta a sociedade patriarcal mexicana. Diego Rivera encarna  o modelo do artista revolucionario, o macho mestizo de sexualidade desbordante, que esixe mulleres “mexicanas” de perfís exóticos ( Frida Kahlo, Lupe Marín ). Fronte a elas, a “doce” e “esvaída” Angelina é a estranxeira, vencellada a un período gris da pintura de Rivera na “escura” e bárbara Europa. Así pois, na recreación da súa personalidade, esteada na biografía do personaxe histórico, Quiela,  a lánguida muller azul, tal como a pintou Rivera, identifícase cos trazos atribuídos ao perpetuo estereotipo feminino: submisión, dozura, dependencia, impotencia, melancolía, bondade, entrega absoluta. Non é de estrañar, en consecuencia, que o libro fora atacado pola crítica feminista.

   O desenlace desta novela – epistolario fragmentaria é certamente cruel. Sabemos, grazas á Nota final, que Angelina viaxou á terra que tanto arelaba. Pero alí non buscou o muralista e cando se cruzou con el nun teatro, Diego Rivera pasou ao seu lado sen a recoñecer. O amor incomprendido aguilloaría os últimos días da pintora. A súa dor obsesiva, a súa melancolía, as súas nostalxias foron recreadas con man mestra e un estilo de grande calidade poética, fuxindo, porén, do lirismo gratuíto, por unha das principais escritoras mexicanas, nesta ficción que demanda ser lida como verdade.

Advertisements

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Estas entrada foi publicada en Critica literaria, Narrativa estranxeira traducida coas etiquetas , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s