Cara B, un debut prometedor

Cara B

Ignacio Silva

Edicións Xerais, Vigo 2011, 203 páxinas.

   Vivimos tempos difíciles  para un debut literario. A crise xeral asáñase tamén co mundo da edición. A deriva de lectores está a provocar que os selos editoriais máis importantes do pais sexan moi precavidos á hora de poñer na rúa novos libros. Velaí, pois, o dobre mérito de Ignacio Silva, do que Edicións Xerais vén de publicar este volume, Cara B. José Ignacio Silva (Carballo 1978) ten recibido diversos galardóns polo seu labor como narrador. Premios convocados por distintas entidades, xeralmente para a mocidade. Ningún,porén,entre os máis coñecidos do noso sistema literario.

   Cara B, editado na colección de Narrativa de referencia de Xerais, acolle tres deses textos, novelas curtas galardoadas en tres certames diferentes. Tres novelas breves certamente de lectura agradable e con temáticas moi interesantes. Un común definidor engloba os tres textos: as caprichosas veleidades do destino que se asaña cos protagonistas de cadansúa historia, facéndolles adoptar comportamentos agochados no interior das súas personalidades, condutas que nunca imaxinaron que habitaban no seu interior e que conforman esa escura e inexorable cara B.

Ignacio Silva

“Cela aberta” é o primeiro dos relatos co que se atopa o lector, gañador  no seu día do VII Premio Valle Inclán da Asociación Amigos do Museo Valle Inclán da Pobra do Caramiñal. Un relato sobre a destrución da dignidade humana nunha ditadura que tortura sistematicamente os disidentes. Un prisioneiro que nin sequera lembra os anos que leva detido no cárcere secreto dun réxime ditatorial, relata en primeira persoa as torturas ás que foi sometido sen que conseguisen vencelo, ata que a maldade sen límites do torturador logra o noxento triunfo perseguido. De súpeto un día, melloran as condicións de vida  na falcona, recupera  parte da súa vitalidade física o que fai que nel xurda o desexo sexual, ata chegar a violar a rapaza con el engaiolada, vítima igualmente da destrución física e psicolóxica. Cando recupera a liberdade, lembra o seu comportamento e séntese deshumanizado, corrompido e destruída a súa dignidade. Un desenlace inesperado pero moi efectivo ponlle o ramo a un relato que a este lector lle fixo lembrar aquelas palabras de André Malraux no Panteón de franceses ilustres: “Entra aquí Jean Moulin; e contigo, os que nunca falaron nas mans da policía francesa e da Gestapo alemá; e tamén aqueles outros que non resistiron a tortura e falaron”. Piedade e compaixón diante dos seres humanos destruídos polas atrocidades da tortura sobre todo cando esta é capaz de corromper a dignidade humana.

   “Vértixes”, II Premio de Novela Curta da Cidade de Riveira (2009), é a novela que vén a continuación; a que soporta o peso do volume ao menos no referente á extensión das súas páxinas. Podería rotularse desta maneira: o amor como desvarío. O autor desenvolve no seu relato as vicisitudes da relación amorosa entre dous mozos, Ana e Daniel. Unha relación que se dilucida nos arduos compromisos  dunha guerra diaria. O cirio da paixón recompensa aos dous amantes con momentos moi felices e gorentosos, mais tamén con días tormentosos, porque a atracción que Daniel sente por Ana, é irrefreable. Amor pois como “delirium tremens”, como una intoxicación, como adicción psicolóxica, como tolemia  ante a posibilidade de separación da persoa amada o que provoca dúas mortes: a do amigo que pretende axudalos e o suicidio do protagonista. En resumo, o vandalismo determinístico de destino.

   Este relato demanda un lector activo, un lector que recompoña mentalmente os capítulos da historia, xa que o narrador xoga coa anacronía. O tempo da historia e o tempo do discurso non coinciden e, xa que logo, o lector deberá ter en conta esta estrutura descontinua para non se perder nos saltos cara ao pasado no tempo da historia.

   O protagonista do terceiro relato, “Escintileos”, galardoado así mesmo co II Premio de Micronovela do Concello de Soutomaior, é vítima dunha enfermidade que lle fai esquecer todo aquilo que, ante os demais, o pode facer aparecer como alguén negativo,. Non posúe, pois, personalidade real e monta unha historia moi peculiar. Nun intre de risco inminente para a súa existencia atopa na nai cega dun asasinado por el,  a súa protectora. O relato sutura psicopatías, vidas marxinais, corrupción, violencia e grandes doses de truculencia. Coa morte que chega así mesmo sempre puntual á cita.

   Ignacio Silva veste as fantasías que agroman e levedan nas súas historias, cun rexistro léxico ricaz e con requintes estilísticos que fan da súa escrita un engaiolante galano. Verbo da lingua, cómpre admitir que nestes textos hai certos erros ( castelanismos, usos gramaticais incorrectos). Non son, con todo, máis nin máis graves dos que acostuman viciar moitos dos textos narrativos que saen daquelas casas editoras onde non hai correctores ou, se os hai, fan a vista gorda ou non traballan co rigor que o seu labor demanda. Non é unha xustificación, mais coido que neste mundo, tamén por suposto no da edición, todo é relativo.

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Estas entrada foi publicada en Critica literaria, Narrativa galega, Relato breve coas etiquetas , , . Ligazón permanente.

1 Response to Cara B, un debut prometedor

  1. Pingback: Crítica de Francisco Martínez Bouzas sobre «Cara B», de Ignacio Silva | Xerais

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s