A sombra dos teus soños
Anxo A. Rei Ballesteros
Galaxia, Biblioteca Rei Ballesteros, 2ª edición, Vigo 2011, 132 páxinas.
Volve Rei Ballesteros. Regresa á arte da palabra escrita para habitar os noso soños e incendiar, se cadra, as nosas escuridades. Despois dunha longa paréntese: Loaira (1992), unha grande e múltiple novela, era a súa última incursión na escrita. E retorna aos eidos literarios obrigado, apremado tal vez compulsivamente, pola potencia catártica e liberadora desa doenza interior que empuxa o creador a inventar mundos, sabendo, non obstante, que o espazo literario, non é o real. “Todo auténtico escritor arela non escribir máis libros, senón calar” xa lle dixera no ano 94 Rei Ballesteros a Vicente Araguas, nunha atinada reflexión que deberían facer súa os que viven a literatura baixo o espellismo de glorias, fumes e vaidades.
Volve, pois, Rei Ballesteros, porque non lle queda máis remedio, gurrando detrás dun fermoso libro de relatos. E, como neste noso tempo de exultante nihilismo e de déficit de ser, os soños están mortos, o espectro ordénalle a Xurxo Bugallal, un dos personaxes principais de Loaira, que escriba sobre a sombra dos seus soños.
emprego dunha escrita na que transitan xuntos harmoniosamente unha grande riqueza léxica, un galego coloquial e unha gramática de amplos rexistros que ata se podería propor como lección e exercicio paradigmático dun uso dos tempos verbais, infinitivos conxugados e futuros de subxuntivo especialmente.
Lendo algúns destes relatos, ao atopármonos cun verdadeiro ballón de forzas fabuladoras e de primores formais, un ten a sensación de entra na universal corrente das augas da vida, dos ineludibles fluxos da morte, e non certamente na esvaída palidez das súas sombras, colocados, sen decatármonos, nese asañado abalo e marusía. Porque o autor é capaz de empurrar a linguaxe, as súas estruturas, os seus recursos todos, galas e enfeites ata aquela fronteira na que as creacións humanas se converten en arte. Seguramente que cando todo isto lle sobrevén a un escritor, unha forza oculta e inconmensurable non lle permite estar calado e o verdadeiro escritor vese empurrado a escribir.
É parca en títulos a obra literaria de Rei Ballesteros, un autor afastado dos ouropeis do mundanal ruído e do que mesmo os dicionarios se esquecen. Sen embargo, o contacto cos seus textos fortalece o noso convencemento de estarmos diante dun dos autores fundamentais da literatura galega contemporánea. Este seu regreso de agora con A sombra dos teus soños converte a opinión en certeza e seguranza.
* Este texto, con leves correccións de erros gráficos e ortográficos, foi publicado o día 17 de agosto de 1998, no Suplemento “Revista das Letras” do xornal O Correo Galego. A segunda edición do libro de relatos de Rei Ballesteros converte en oportuna a súa reprodución nesta entrada.