A póstuma furia amatoria de Lois Pereiro

Conversa ultramarina

Lois Pereiro

Edicións Positivas, Santiago de Compostela 2010, 118 páxinas.

    Foi Piedad R. Cabo a que fora parella e “cómplice ata o final” de Lois Pereiro, quen decidiu que tiña que ser Positivas a que editara este diario – carta inédito do poeta monfortino. E o editor, Francisco Macías, aceptou encantado. E non só porque Positivas foi o selo que editou os dous únicos libros que Lois Pereiro escribiu en solitario (Poemas 1981 – 1991, Poesía última de amor e enfermidade 1992 – 1995), senón sobre todo pola empatía que en vida e despois da morte semella existir entre unha editora pequena, “heterodoxa”, refuxio dalgúns dos malditos do sistema literario galego, e un poeta como Lois Pereiro que recibiu cualificativos coma estes: “poeta da disonancia e da paixón” (Chineses 7 / 6/ 1996), “ conduce ao lector polos camiños da poesía da experiencia. Poesía como un arreguizo, poesía dura e descarnada” (Helena González), poesía “con resonancias metálicas, frías, que cumpren a función necesaria para plasmar un mundo caótico” (XGG).

   Lois Pereiro, membro dunha xeración perdida na que el mesmo se inclúe, cunha vida a tumba aberta, escribiu estes textos de Conversa ultramarina entre os meses de marzo e xuño de 1995. Unha longa carta, concibida a xeito dun diario e dividida en dúas partes. Dirixida á muller que sempre amou aínda que xa había tempo que deixaran de ser parella. Nunha “Nota á edición”, asinada polo filólogo Hugo Martínez, dáse noticia da orixe, datas e vicisitudes da obra, así como dos criterios de edición destes textos que Lois Pereiro escribiu con absoluta liberdade, mesturando idiomas (galego, español, inglés), e nos que prevalece non a corrección lingüística, senón a necesidade de comunicación coa persoa cuxas almas considera que son pouco menos que siamesas.

Lois Pereiro ( Foto: Nacho Santás )

   Tanto o editor como o prologuista coidan que Conversa ultramarina pode lerse como o limiar de Poesía última de amor e enfermidade. Lois Pereiro está a experimentar por aquelas datas a segunda oportunidade que lle dera a vida. É consciente deste seu segundo renacer, mais tamén da precariedade do momento. Xa que logo, concéntrase en amar (“conxugando as verbas vivir e amar / en primeira persoa do plural / reducidos ás formas do presente” (…)  “mentres bordeo a fronteira entre dous mundos”, Poesía última de amor e enfermidade, páxinas 35, 45 ). Esa mesma obsesión amorosa aparece nunha entrevista que, asinada por Dario Janeiro, foi publicada o 25 de xaneiro de 1996. Confesa Lois Pereiro que escollera a forza da vida despois dun proceso autodestrutivo  máis mental que físico. A súa resurrección leva o nome do libro de poemas que acaba de ver publicado. Logo fai referencia a un texto de Raymond Carver que en boa medida define  a teima que está vivir o poeta monfortino: “Raymond Carver escribiu xusto antes de que a morte o levara: ¿E conseguiches o que querías desta vida? Conseguino, si. ¿E que querías? Considerarme amado, sentirme amado na terra. Se escribimos, se rimos, se nos vestimos todas as mañás é simplemente para que nos queiran”.

   Os pequenos fragmentos desta carta – diario amosan sobre todo profundas vivencias, as intimidades e reflexións dunha persoa con inmensas ganas de vivir, que escribe á marxe de calquera sentido lóxico e que necesita facer patente as súas necesidades de amor. “Cando non podo estar con quen amo, intento amar a quen está comigo. Non sei se está ben, e non sei se está mal, pero así de momento, non vou perdendo altura e me manteño nas alturas”. Nunha escrita fondamente existencial e fragmentaria na que fan acto de presenza todos os referentes artísticos e literarios de Lois Pereiro e na que a mesma diversidade lingüística enriquece o texto, porque non é algo caótico, senón que responde, en efecto a un “patrón vivencial” (Hugo Martínez), que Lois Pereiro ten en conta en función da destinataria das entradas (castelanfalante) ou da expresión das súas propias experiencias e do diálogo consigo mesmo.

   Velaquí pois un texto imprescindible para coñecer o poeta. O testamento vital dun home que venta o alento da morte, pero que aínda cre na vida e que estaba a punto de escribir o seu memorable e estremecedor epitafio: “Cuspídeme enriba candos pasedes / por diante do lugar no que eu repouse / enviándome unha húmida mensaxe / de vida e de furia necesaria”

Advertisements

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Estas entrada foi publicada en Critica literaria, Narrativa galega coas etiquetas , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s