Milena Agus
Faktoría K de libros ( Editorial Kalandraka ), Pontevedra 2010, 94 páxinas.
Milena Agus é un profesora de Lingua e Historia nun Instituto de Cagliari ( Sardeña ). Considérase unha persoa normal, pero os seus amigos comezaron a facerlle notar a súa “tolemia”. Foi entón, cando para sandar, decidiu escribir, porque a súa non era unha loucura que esixise medicamentos ou internamentos psiquiátricos. Amósase unicamente coma unha necesidade de “crear”. Mal de pedras é a súa segunda achega narrativa e confirma o éxito obtido no seu debut con Mentre dorme il pescacane. A forza da escrita de Milena Agus reside precisamente na sinxeleza do seu narrar, no frescor das súas descricións, na naturalidade coa que nos abeira aos personaxes, na fidelidade coa que retrata a atmosfera e os ambientes sardos, potenciada coa forza das formas dialectais que a tradución de Carlos Acevedo respecta nalgunhas ocasións ou reflicte con notas a pé de páxina.
Quizais non se trate dun relato autobiográfico, como confesa a autora, pero certamente aseméllao. Milena Agus, empregando a primeira persoa, debulla con tenrura e una enorme complicidade, a vida da avoa. A ollada adulta da neta, que escribe mentres prepara o seu casamento, permite que nos mergullemos no particular universo da avoa. Trinta anos, romántica, namoradiza, na procura do amor ideal. Mais os pretendentes foxen dela porque lles escribía ardentes poesías amorosas que mesmo facían referencia a porcalladas. Increpa a Deus por que é tan inxusto como para negarlle o amor. Cásana cun home recollido no fogar pola familia tras os bombardeos de maio de 1943. Pero non o ama e dormen coma irmáns, acurrrunchados cada un nunha esquina da cama. E un día a avoa dille ao avó que no gaste o diñeiro nas mulleres da casa de citas, xa que ela lle vai facer todos eses servizos. Convértese así na puta do avó, xogando á casa de citas. Se o amaba ou non, iso non importaba. Ata que viaxa ás curas termais e alí atopa o Veterano do que se namora perdidamente, sen medo a ningún inferno. E a partires de entón, a súa vida divídese en dúas partes.
A novela, pois, intérnanos na eterna e desesperada pescuda do amor con maiúsculas, esa obsesión que estará na raíz de todos os acontecementos da vida desta muller, que mesmo provocará que a familia e mais os amigos a traten coma unha verdadeira tola e que pretendan internala nun manicomio, circunstancia da que a liberou o feito de que Italia entrase na guerra.
Recoñezo que Mal de pedra é unha sinxela novela costumista, mais tamén é certo que, segundo avanza, a autora vainos desvelando matices e claroscuros dos personaxes e o mesmo relato gana en profundidade. Ademais a autora sabe explotar con man mestra a escenografía, o curioso e adorable entorno da avoa, a Sardeña do vento mistral e mar brillante, a sociedade semi – rural sarda, na que as relacións semellan ser aínda as propias dos grupos primarios. Un relato quizais insubstancial para algúns lectores, para outros, un verdadeiro galano para os sentidos. E unha nidia mensaxe: nas tolemias amorosas cómpre encomendarse á maxia, pois non hai maneira de aplicar regras.