As pequenas historias da historia de Yashmina Shawki

Fundación Libélula

Yashmina Shawki

Xerais, Vigo 2011, 95 páxinas.

   Nada en Vigo de nai galega e pai kurdo iraquí, Yashmina Shawki medrou nun berce familiar no que se falaba galego e castelán. Ela, graduada en Dereito e Historia contemporánea na Universidade de Santiago, exprésase nas dúas linguas. Escolleu o galego para esta novela breve porque pensa que á historia lle vai mellor o galego polo “seu aquel doce, morriñento e musical que se presta mellor para algunhas historias”. Rexeito, e penso que cómpre rexeitar tal criterio, porque é unha manifestación máis da diglosia. Pero esa é a súa escolla, ou mellor dito, as súas declaracións aos medios de comunicación.

   A novela curta que acaba de saír dos prelos de Edicións Xerais é, á vez, unha denuncia social e unha chamada á esperanza e á solidariedade. Denuncia da explotación das mulleres, trabadas en situación precaria. Mulleres violadas, escravizadas por proxenetas no calvario da prostitución forzada, como é o caso dunha das protagonistas, ou que viven un inferno no seo da propia familia: maltratadas física ou psicoloxicamente pola propia nai ou pola sogra, feito que leva á autora á consideración de que a violencia contra as mulleres é transxenérica.

  O libro dá comezo cun punto final á xeito de reflexión e inicio, a primeira vista contraditorios, porque ese punto final é a narración do calvario polo que teñen que pasar as tres vítimas – protagonistas. Mais tamén un comezo dunha nova vida. E de contado, atopámonos coa historia de Gladys, unha rapaza colombiana que chega a España soñando en paraísos, e o que atopa é o secuestro e a escravitude nun bordel. Coa de Helena, a rapaza menor de idade que á vez que estuda, ten que manter a catro irmáns e a unha nai drogadicta, prostituta, cunha enfermidade mental e que arrastra a súa familia ao inframundo. E coa de Laura, que chega todos os días á casa rebentada de traballar, casada cun lacazán e legón e baixo a férula dunha sogra que converte o seu fogar nun  abismo.

Yashmina Shawki ( Foto: AGENCIAS )

   Pero de socato e case que de xeito accidental, aparece o anxo salvador na persoa da avogada María Xosé Muradas, defensora de xente con cartos. Un personaxe singular á que a autora coloca nunha situación de enfermidade terminal, como metáfora de que a vida renace día a día, malia que tamén esmoreza a deste personaxe.

   A novela está tinguida polas cores da esperanza e da superación. Velaí o tema de fondo que se pode resumir neste parágrafo: “( … ),a vida non é dos más fortes nin dos más listos. A vida é dos que caen, máncanse, choran, sofren e despois levántanse coa carraxe e volven pelexar” ( páxina 78 -79 ).

   Como ser humano seméllanme moi loables todos os esforzos, tamén os literarios, para acabar coa explotación e os malos tratos dos e aos máis débiles. Como analista dun produto literario, coido que non abonda con gabar as boas intencións dos que está ateigada  esta novela curta de Yashmina Shawki. Mérito seu é fuxir do melodrama, dunha escrita sensibleira, contarnos historias  reais que acontecen cada día nas nosas cidades. O que boto en falta, é un tratamento más complexo, profundo e ricaz que reflicta como é realmente a realidade. Comprendo, con todo, que noventa e cinco páxinas non dan máis de si.

Advertisements

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Esta entrada foi publicada en Critica literaria, Narrativa galega. Ligazón permanente.

One Response to As pequenas historias da historia de Yashmina Shawki

  1. Pingback: Crítica de Francisco Martínez Bouzas sobre «Fundación Libélula», de Yashmina Shawki | Xerais

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s