Sobre fragmentarismo, metanovelas e novelas transgresoras ( II ): Metaficción*

Unha historia que non vou contar

Cid Cabido

Xerais, Vigo 2010, 267 páxinas.

   A estas alturas da sesión non resulta novidoso para ninguén, achegado as nosas letras, nin desacougante para o mesmo autor, a constatación de que Cid Cabido é seguramente o narrador máis singular, insólito e inclasificable do sistema literario galego. Pouco ou nada visible nin adicto  aos aparatos e afagos extraliterarios, deixase ver unicamente a través das súas obras, desde Días contados e Panificadora ata Blúmsdei, sen esquecernos daquela novela tan transgresora como é Grupo abeliano. Na mesma dirección  sorprendente alíñase a súa última entrega, Unha historia que non vou contar,  que non é certamente unha historia de colmos nin de evidencias primarias ou seres marxinais e surrealistas, senón unha verdadeira trama, unha diexese, malia o que di o título, pero cunha forma interna rachadora e experimental en boa medida. Por iso, os receptores deben de ser fieis ao pacto narrativo co autor para a cabal comprensión desta obra, entremedias entre o xénero detectivesco e a novela negra, pero que se permite os luxos dunha construción literaria que pon en cuestión os mesmos lindes da ficción.

Cid Cabido

   A novela abéiranos ás figura dun escritor, un tipo raro, “incomunicativo” e cun alto nivel de nugalla que, a finais do 2005, comeza  a investigar un crime cometido en Vigo e que circulou como lenda urbana no ano 1974. Pártese, xa que logo, dun caso real, o asasinato do conserveiro Antonio Alfageme – na novela Antonio Alfaren -, relátanse así mesmo as grandes liñas do caso Reace, no que todo quedou tapado e ben tapado e que serve como contexto social e político deste crime pseudo – pasional, para completar un puzzle no que a maioría das interpretacións que xerou, seguen a ser nesgadas e inconsistentes. Mais a investigación permítelle ao escritor confirmar algunhas certezas, nomeadamente as do carácter corrupto do franquismo que provoca formas de vida anquilosadas, sordidez e mediocridade que nin as persoas máis poderosas dunha cidade como Vigo eran capaces de superar.

   Cid Cabido dispón da rara habilidade de suturar no desenvolvemento dunha intriga que  sen dúbida tira do lector, materiais moi diversos: narracións puramente ficcionais xunto con outros que están antes ou despois dos lindes da ficción: relatos de feitos reais, testemuñas, conversas, noticias dos xornais,  pequenos esbozos gráficos e mesmo reflexións sobre o propio acto creativo. Metaficción en definitiva. Un universo literario pois selvático e  polifónico, con abondosas pegadas do cinema, que conforma unha novela cen por cen viguesa. Un rexistro coloquial baseado na oralidade é unha vez máis o instrumental deste provocador iconoclasta das nosas letras, dono dun territorio literario persoal, rico  e moi especial.

* Este texto foi publicado o día 14 de xaneiro de 2010 no Suplemento “Faro da Cultura” do xornal Faro de Vigo

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Esta entrada foi publicada en A arca da avoa, Critica literaria, Narrativa galega. Ligazón permanente.

1 Response to Sobre fragmentarismo, metanovelas e novelas transgresoras ( II ): Metaficción*

  1. Pingback: Crítica de Francisco Martínez Bouzas sobre «Unha historia que non vou contar», de Cid Cabido | Xerais

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s