Sobre fragmentarismo, metanovelas e novelas transgresoras, I: A deconstrucción da novela*

 A choiva do mundo

Xosé Manuel Pacho Blanco

Galaxia, Vigo 2008, 240 páxinas.

   Xosé M. Pacho Blanco, avogado e profesor da Universidade de Vigo, realiza con esta novela, A choiva do mundo, o seu debut literario. E faino co aval do Premio de Narrativa Torrente Ballester e no medio dun certo balbordo provocado pola mesma natureza dun texto literario complexo e de non doada definición. O xurado que lle outorgou o galardón, cualifica a súa obra como a máis vangardista da literatura galega e, ao mesmo tempo, coma “un mosaico esnaquizado, difícil de entender”. O mesmo autor, logo de calibrar a novela coma un xogo literario que pretende recorrer todos os xéneros, reivindícase como un innovador que trata de buscar novas fórmulas nos procesos de elaboración creativa, porque, afirma, non se pode seguir escribindo como o facían Lorca ou Faulkner hai setenta anos.

   Á marxe da calidade dos textos de Pacho Blanco, a súa lectura obriga ao lector a se interrogar sobre o estatuto da novela. Xa hai anos que se puxeron de moda as estructuras fragmentarias na arquitectura novelesca. Obras como 2666 de Roberto Bolaño marcan fronteiras e abren camiños. A estética da subversión convertida en hipertexto: infinitas historias, infinitamente ramificadas. A prevalencia, en definitiva da así chamada “non fiction” sobre a ficción ou narrativa tradicional. A  esta receita, selo distintivo da modernidade, apúntase de forma convincente Pacho Blanco. Sen dúbida o mérito máis salientable desta novela desde o punto de vista formal é un labor de agulla, feito da unión de fragmentos de teas e materiais de moi diversa índole. Ese lector superactivo  que demanda a novela do escritor ourensán, atopárase con trinta e nove textos de natureza moi diversa: micronovelas sen rematar, diálogos sobre a complexidade do ser humano, prosas poéticas, retallos de pezas teatrais, diarios, esbozos biográficos… e mesmo críticas literarias e títulos de crédito que, coido, teñen que ver coa mesma novela.

   Todos estes materiais conforman A choiva do mundo, a historia dun editor que recolle e publica distintos relatos como unha metáfora de que o mundo se constrúe coas historias de todos nós. É unha choiva de historias o que configura a sociedade actual. ¿Algo que suture todos estes materiais? Quizais un certo aire de familia pesimista e negativo que sobrevoa sobre case todos eles e que o autor/editor define como o crisol da tristura do mundo.

Xosé M. Pacho Blanco ( Foto: La Región )

   Non se cuestiona a calidade das prosas de Pacho Blanco, o perfecto xogo de voces narrativas que se alternan e xustapoñen ao longo do libro, o emprego de rexistros estilísticos tan variados. Tampouco a capacidade de encerrar nas poucas liñas dun relato arrepiante como “As tatuaxes da alma”  toda a crueldade humana. Resulta así mesmo correcta a integración de referencias literarias alleas a xeito de paratextos. Así mesmo penso que é encomiable unha audacia experimental tan heterodoxa. Pero o que se pon en dúbida é que todo isto forme unha novela. As novelas esteadas no fragmentarismo constrúense como as matrioskas: novelas encaixadas noutras novela e esta a súa vez noutra novela. Estructuras arborescentes, ramificadas, con infinitas historias que se espallan dun xeito caótico, pero arredor dun “centro oculto” que lle confire unidade a todo o texto. Esta ligazón de tanto material narrativo é o que botamos en falta na obra de Pacho Blanco. Daquela que nos atopemos con algo que o mesmo autor recoñece: “Unha novela que se nega a si mesma. A deconstrucción da novela tal como foi entendida desde que esta existe.

* Este texto foi publicado o 9 de outubro de 2008 no Suplemento “Faro da Cultura” do xornal Faro de Vigo.

Advertisements

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Esta entrada foi publicada en A arca da avoa, Critica literaria. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s