“Era el”, na intrahistoria de “A pregunta perfecta”

  Premios Pedrón de Ouro. Certame de Narración Breve Modesto R. Figueiredo, XXXIV e XXXV

Varios autores

Ediciós do Castro, Santiago de Compostela 2010, 356 páxinas

   Este volume que recolle os textos premiados na trixésima cuarta e na trixésima quinta edición do certame de Narración Breve Modesto R. Figueiredo, é seguramente a derradeira publicación co copyright  de Ediciós do Castro, a casa editorial que, sen excepcións, viña publicando os relatos premiados nas anteriores convocatorias. A xenerosidade de Isaac Díaz Pardo  fixo posible que o carimbo Xeración do Pedrón de Ouro se empregase para agrupar os autores galardoados ao longo dos últimos trinta e cinco anos. Ediciós do Castro, aínda que segue sendo da titularidade de Isaac Díaz Pardo, ficou asfixiada polos actuais directivos da empresa do Grupo Sargadelos. O Padroado da Fundación do Pedrón de Ouro, como tributo de gratitude a Isaac Díaz Pardo e autofinanciándose, decidiu publicar este novo volume dos premios do Figueiredo co selo de Ediciós do Castro.

   A publicación recolle, como xa dixen, as colleitas do Pedrón de Ouro dos anos 2008 e 2009. Os relatos dos dous gañadores, Iván García Campos ( 2008 ) e Juan Tallón Salgado ( 2009 ); os  dos acceses, Chelo Suárez Muiños, Alberto G. Aneiros, Manuel Quintans López, Fernando  R. Lavandeira Suárez; e aqueles que o xurado recomenda publicar, cuxos autores son Mª Carme Caramés Gorgal, Luís Pérez Díaz , Xosé Luís Vázquez Somoza e Clara Isabel Rodríguez Giráldez.  Debido a súa calidade e a que é algo así como o prólogo da intrahistoria de A pregunta perfecta, esa novela que, na miña estima, fixa fronteiras, detéñome no relato “Era el” de Juan Tallón.

Isaac Díaz Pardo ( Foto: El Correo Gallego )

   O protagonista deste relato, o arxentino Ramón Salgado, mantense placidamente. Sobrevive impartindo clases de francés e inglés nunha academia e fai traducións. Pero, aínda nesas circunstancias e con moita escaseza de tempo, é escritor. Tamén é escritor “porque xa hai moito tempo que as súas novelas se perfeccionan en calquera contexto”. Non  procura un traballo mellor remunerado porque iso suporía o abandono da literatura tal como el a entende: como unha enfermidade incurable. Comeza varias novelas e, a medida que estas avanzan, convértese nun letraferido monotemático. Ráchaas e empeza outras ata que finalmente acha un título convincente no seu terceiro intento: O caso Aira – Bolaño. Unha misteriosa historia que vinculou durante un tempo a César Aira e a Roberto Bolaño. O escritor debe facer fronte non só a unha fascinante historia, senón tamén á obsesión por escribila. E así, cando consegue escribila, recorre ao formato de novela suma de diario e relato. Un diario e un relato porque o acosaba a historia, pero tamén a obsesión pola mesma, as tubaxes invisibles que ían de Bolaño a Aira e desde eles a outros autores ( relato); e o diario do relato, é dicir, aquilo que lle acontece ao escritor durante o tempo que se dedica á redacción do relato. Porque a literatura comeza más alá da escrita dos libros. Todo está incorporado no relato e detrás do mesmo atópase todo o seu vivir cotián. “A literatura non nace senón de decenas de imputs que atacan precisamente cando non se está escribindo”. O instante decisivo que bota a andar a súa novela foi unha pregunta sobre a obra de Roberto Bolaño que alguén lle ficho a César Aira nun taller literario na Universidade Internacional Menéndez Pelayo en Santander. Remata a novela e  esta vez a obra sobrevive ás tendencias  destrutivas do escritor.

   E de socato, nunha librería de Buenos Aires atopa  un libro que leva o mesmo título da súa novela. O nome do autor: Xoán Tallón. A simetría entre ambos libros é absoluta. Dous libros clónicos. Mais non só iso: a súa biografía e a de Xoán Tallón, as súas experiencias vitais son idénticas. A busca de Xoán Tallón tráeo  a España e en Santiago de Compostela  convértese nunha extenuante obsesión arraiana á alucinación. O relato remata como cumpría que rematase: cun desdobramento de personalidades e poñendo en cuestión o principio de identidade.

Advertisements

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Esta entrada foi publicada en Critica literaria, Narrativa galega. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s