O vicio nefando, de Xosé Manuel Martínez Oca

 O vicio nefando

Xosé Manuel Martínez Oca

Baía Edicións, A Coruña 2009, 318 páxinas.

    Non é unha novidade editorial acabada de saír dos prelos. É simplemente unha novela de Xosé Manuel Martínez Oca. E falar deste autor  significa para min palabras maiores, desde que ficara engaiolado polas súas viaxes na procura do amor, pola frustración cando a existencia semella que non nos ofrece saídas, polas demencias pautadas día a día, por aqueles náufragos en terra nos sequeiros conxugais do desamor. Nesta ocasión, Martínez Oca, un narrador desafortunadamente esquecido e mesmo ninguneado do noso sistema literario, en boa medida porque el non vive disto, non frecuenta o mundo dos escritores e os seus parladoiros, foxe das xiras promocionais e achégase á escrita como se fose un pasatempo. Nesta ocasión, digo, non é o monoteísmo do amor e as súas aberracións o tema da novela editada en marzo de 2009 por Baía Edicións  e que hoxe saco da arca da avoa, senón o vicio nefando. Mais que non se trabuque nin perturbe o lector porque amplo é o índice de vicios nefandos. O máis coñecido, ese vicio do que as palabras dos poderosos teñen dito tantas cousas: que se te quedarás cego de tanto practicalo; que se te estiñará o cerebro; que te efeminarás ou converterás nun desviado e logo non saberás como relacionarte dunha forma natural. Gravísimo pecado, máis grave que o incesto e agravado se hai sacrilexio, como argüía, “more escholatiscae dicendo”, o Doutor Anxélico. Os menos graves, pero igualmente proveitosos, son os secretos e nefandos vicios da lectura e da escritura. Ambos os dous, depravados, nefarios, impíos, execrables…para certas gobernanzas ( palabra ben relambida pero moi de moda ) do mundo.

   Do solitario vicio da escrita trata a ficción de Martínez Oca. Na novela prodúcese unha verdadeira tematización do acto da escritura e, sobre todo, dos pasos que seguen a tal acto: o laborioso e arduo feito de publicar. As dúas citas que abren o texto, son xa de entrada, ben reveladoras ( “Escribes porque estás fodido, para que despois, polo que escribiches, te fodan os editores, os críticos, ou o público”, “Ó penetrar no inferno literario, vai vostede coñecer os seus artificios e o seu veleno” ). En efecto, o protagonista, Cosme Damián Ferro Barreiro, fracasado e desafiuzado  na súa arela de obter una praza como funcionario docente no ensino medio e así non traballar máis ( sic ), sen ningunha outra opción persoal e coa libido polo chan, decide dedicarse á escrita e redacta unha novela que lle viña roldando pola cabeza. Logo, a tarefa de buscar editor. O inferno do que falaba a cita inicial de Cioran e que a narración de Martínez Oca conta de  xeito maxistral, mergullándose  nese mundo ( submundo por veces ) que rodea o feito propiamente literario.

X. M. Martínez Oca

   Se coubese a clasificación, e aínda que semelle redundante, eu non tería reparo en aplicarlle a esta novela o apelativo de “meta – post – discursiva”, pois que nos amosa por dentro o taller do escritor e, sobre todo, o longo camiño que vai dende o acto de escribir ata o seu cume: ver o texto publicado en letra impresa. O narrador non só nos presenta acontecementos, senón que os interpreta e comenta. Atreveríame a dicir que Martínez Oca actúa nesta novela como un agochado narrador autodiexético que conta episodios da súa propia historia, se ben os fabrica co traxe dun alter ego. E faino desde o humor, por veces non exento de sarcasmo.

   Pero hai algo máis que pode incentivar o apetito lector. O vicio nefando, coido eu, é unha novela en clave. Baixo a carauta da ficción, o autor está contando historias verdadeiras. A súa propia e a de non poucos protagonistas do noso mundo ( submundo ) literario, amalgamando axeitadamente cores, caras vestimentas e tamén fachadas para que ninguén se identifique. Entremos pois no pacto narrativo co autor, nesa retórica que nos leve a pensar o mundo da novela como real, porque a realidade, a crúa realidade dunha sociedade que idolatra o becerro de ouro da banalidade e do insubstancial, está ben presente e representada na ficción de Martínez Oca. O seu mundo ficcional non é diferente do mundo de fóra.

Advertisements

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Esta entrada foi publicada en A arca da avoa, Critica literaria, Narrativa galega. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s