Ollando a narrativa galega nas postrimerías do século

A narrativa galega na fin de século.Unha ollada crítica dende 2010

Dolores Vilavedra

Editorial Galaxia, Vigo 2010, 359 páxinas.

   Proseguindo cun loable labor de estudo, análise, taxonomía e por suposto tamén canonización, Dolores Vilavedra vén de publicar en Galaxia un manual sen dúbida importante, A novela galega na fin de século. Unha ollada crítica dende 2010. Un novo “afán de poñer a casa en orde “ – súas son estas verbas – que cómpre  inscribir na tarefa de historiar a nosa literatura, empeño que comezara  coa súa Historia da literatura galega ( 1999 ), enriquecida pola escolma ensaística Sobre narrativa galega contemporánea ( 2000), e sen esquecérmonos do seu traballo, ateigado de esforzo e riscos, na elaboración e coordinación  dos tres tomos do Diccionario da literatura galega ( 1995 – 2000 ).

   Na obra, como xa acontecía na Historia da literatura galega, Dolores Vilavedra adopta unha perspectiva diacrónica e desenvolve o seu traballo conforma á lóxica histórica. Criterio que pode ser discutido, pero que a autora xustifica pois que “permite entender a historia da literatura como unha ciencia das transformacións e non das sucesións” ( … ) e eludir o risco de situar  o texto literario nunha atemporalidade abstracta”

   O punto de partida desta ollada crítica é o ano 1981, ano da aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia, e inicio para a autora dunha nova etapa que contribuíu a normalizar a nosa narrativa como discurso  público. Elixe pois D. Vilavedra a etiqueta “postautonómica” para clasificar a literatura galega de fin de século. Fixa no ano 2000 o termo ad quem , a data de remate, unha decisión perfectamente arbitraria, xustificable unicamente por causas cuantitativas, se ben, por veces, traspasa esa fronteira e penetra de xeito puntual no presente século. Non hai na obra unha vontade expresa de sistematizar e menos de exhaustividade. Con todo, nos dous primeiros capítulos ( “Balance dunha etapa” e “A brevidade como fórmula anovada” ) ofrécenos a autora unha certa visión panorámica, fixándose sobre todo nos novos escritores que irrompen por primeira vez no panorama narrativo.

   Fican excluídos desta “cartografía” dous autores, Carlos Casares e Méndez Ferrín e o  subxénero da literatura infantil e xuvenil. Exclusións, na miña estima, discutibles, se ben a autora xustifica a primeira por gozaren os dous, ao entrar no período de análise, dun claro estatuto canónico; por seren inclasificables as súas producións, feito que as fai merecedoras de estudos monográficos independentes. A exclusión da literatura infantil e xuvenil obedece a causas máis prosaicas: as dificultades subxectivas á hora de definir tal corpus e pola carencia por parte da autora das ferramentas acaídas para achegarse aos textos. Porén, penso eu, que a narrativa galega do período estudado fica eivada sen a presenza de Ferrín e de Casares e, de forma    exponencial, coa ausencia da narrativa infantil e xuvenil galega, moi ricaz e de recoñecida calidade.

   Un primeiro achegamento ao texto de Dolores Vilavedra permite percibir  de contado a comprobada capacidade analítica da autora e a excelente documentación na que a obra se basea. Non renuncia, nin ten motivos para facelo, a súa teima de ter en conta na valoración de obras e corpus literarios certos aspectos extraliterarios ( biografía, adscrición política e ideolóxica, cargos, amiguismos… ). Na miña opinión, algún deles, como tal as erráticas peregrinaxes  editoriais, non son significativos para o público lector nin tampouco nunha panorámica da narrativa, aínda que esta pretenda ser unha “cartografía” sociolitararia. Porén, percibo nesta obra un talante menos radical que noutras ocasións e, sobre todo,tales dimensións extraliterarias non inflúen na valoración intrínseca das obras. Non pase por alto o lector o capítulo “O affaire Conde” ( páxinas 86 – 95 ) que confirma canto digo e nos dá noticia, aos que acostumamos andar nas verzas, de certos ruxe – ruxes que tamén forman parte do noso sistema literario.

   Unha obra, en resumo, de utilidade manifesta para os que queiran entender os vieiros por onde discorreu a narrativa galega nas postrimerías dun século e tamén para podermos comprender a globalidade do discurso cultural galego. A súa continuidade para analizar a última década, sen termos que agardar ata o ano 2020, será un galano ben recibido

Advertisements

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Esta entrada foi publicada en Critica literaria, Ensaio, Narrativa galega. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s