A ficción amatoria de Eliza Haywood

 A dama solitaria. Fantomina

Eliza Haywood

Sotelo Blanco Edicións, Santiago de Compostela 2010, 234 páxinas.

    Medra paseniñamente pero con pulo firme polo de agora – agardemos que a crise non a estrague – a colección “As Letras das Mulleres” que Sotelo Blanco edita dende o ano 2004 e que reúne  a voz de mulleres tan significativas como Cristina de Pizón, Mary Wollstenecraft, Virginia Woolf, Jane Austen, Concepción Arenal, Olympe de Gouges, entre outras. Esas voces, recuperadas na colección, teñen a pretensión de se deixaren escoitar polo público galego en dúas facetas: o pensamento feminista e a creación literaria. Parafraseando a una das responsables políticas institucionais, que asinan a presentación de cadanseu libro, cómpre dicir que a colección quere achegarnos ao proceso creador en clave feminista, ás dificultades da escrita, cando o uso público da razón non se consideraba propio das mulleres.

   Tal foi o caso de Eliza Haywood, unha prolífica escritora inglesa do século XVIII, que se incorpora á colección con dúas pezas narrativas: A dama solitaria e Fantomina, ambas as dúas traducidas ao galego  con claridade e nun labor non doado por Fe González Fernández. A ampla  introdución de Jorge Figueroa Dorrego dá noticia suficiente da ricaz personalidade de Eliza Haywood: novelista, actriz, dramaturga, escritora de libros de conduta, tradutora, editora de xornais. A súa primeira novela, Love in Excess foi moi lida na primeira metade do século XVIII, un best seller da época, competindo con Robinson Crusoe e As viaxes de Gulliver. Son as súas, pequenas novelas encadradas pola actual crítica literaria na categoría de “amatory fictions”. No século XVIII denominábanse “ historias secretas” e son breves textos amorosos que mesturan diversos elementos ( eróticos, sentimentais sociais, fantasiosos ) e pretenden desculpar a sexualidade feminina e criticar a masculina.

   Máis que de feminista, a narrativa de Eliza Haywood acostuma ser cualificada como “feminocéntrica”, xa que pretende funcionar como experiencia vicaria para que as súas lectoras novas aprendan a cotexar as súas relacións cos homes, evitando así erros no seu comportamento. Non obstante, tamén cuestionan, e de xeito moi perspicaz , os daquela vixentes conceptos de xénero, facendo fincapé na naturalidade, e xa que logo, na inevitabilidade  do desexo feminino coa finalidade de liberar as conciencias de pesadelos e remorsos masoquistas.

Retrato de Eliza Haywood

   Con efecto, as dúas novelas agora editadas en galego, posúen ese carimbo “feminocéntrico”. En A dama solitaria o lector atópase cunha historia verbo das desgrazas que pode sufrir unha muller cando, inxenuamente e alimentada pola paixón, cre  todo o que o seu amante ou sedutor masculino lle conta. Malia as aparencias, non se trata to típico relato romántico de amores non correspondidos, senón da reconstrución persoal  logo dunha  experiencia traumática e do rexeitamento social. No desenlace o destino que Haywood lle outorga a súa protagonista, está afastado do que entón era o habitual para as mulleres abandonadas: o convento ou a prostitución. Con todo e aínda que se trata dun final feliz, non sería aceptable segundo os parámetros de hoxe, xa que supón unha renuncia total ao desexo heterosexual.

   En Fantomina  o que relata Eliza Haywood  son as estratexias – cambios de identidade – dunha muller “ de condición” para satisfacer os seus propios desexos, tanto sexuais como amorosos. A protagonista adopta diferentes identidades na procura do home devecido, afastándose así do paradigma de muller pasiva. Pola contra, segue ao home no que coida achar beleza e pracer. O interese e vitalidade do relato focalízase nas persistentes mascaradas, no recurso do disfrace  para cativar o seu amado e poder satisfacer as súas arelas, penetrando no xogo da sedución na que a muller desempeña á vez o rol de obxecto e suxeito do desexo. Quizabes o desenlace do relato ( a nai envía á protagonista a un mosteiro ) sexa decepcionante  para a mentalidade actual, malia que non hai arrepentimento nin condenas de comportamentos e para certa crítica feminista actual non é negativo nin a comunidade de mulleres do convento supón  unha restrición real da liberdade.

   Velaquí pois dous exemplos de ficción amatoria do século XVIII, moi avanzados para a época e rexeitados polo moralismo vixente a partir da segunda metade dese século. Recomendo a lectura destas dúas “historias secretas” de Eliza Haywood porque  exceden con moito todo o que unha muller  dixera no século XVIII sobre o desexo e a paixón amorosa. Mais que o lector non se engane, pois non son historias eróticas nin revelan a relación dunha muller coa sexualidade como se faría hoxe, como o fixo a muller que  asinaba co heterónimo de Pauline Réage ou como o autorretrato de sexo de Catherine Millet. Neste campo as distancias entre o século XVIII e os nosos días aínda son case que infinitas.

Advertisements

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Esta entrada foi publicada en Critica literaria, Narrativa estranxeira traducida. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s