Paul Auster,viaxe cara á desesperanza

Sunset Park

Paul Auster

Editorial Galaxia, Vigo 2010, 309 páxinas.

    Considérome un incondicional de Paul Auster, fan dun narrador que, na miña estima,  non só é xa un mito, senón o autor de novelas como Leviatán, El Palacio de la Luna ou La música do azar nas que achei dende a década dos 90 magníficos materiais para a didáctica da Filosofía. O escritor de Brooklyn, reputado por moitos coma o mestre posmoderno da narrativa, leva máis de tres décadas brindándonos notabilísimos mundos ficcionais, pero tamén impresionantes baixóns de calidade, froito quizais desa “relación adulterina” co cine, como comentou no seu momento Jorge Herralde, o seu editor en español. Sobre todo nalgúns dos seus últimos libros, que non obstante non o fixeron perder lectores incondicionais. Paul Auster segue estando de moda. En España, tanto Galaxia como Anagrama edítano como un autor de culto; en América, igual que o que acontece co seu compatriota John Updike, ségueno vendendo como o reverso da outra cara dos millonarios fabricadores  de best sellers 
   Regresa agora, traducido ao galego e ao castelán, con Sunset Park. Non é unha novela comparable a algunha das súas grandes creacións, pero paga a pena lela. Porque é unha boa novela. Unha novela que conduce á modernidade, como tantas outras producións súas e a que poida ser cualificado o seu autor como escritor de elites. El, non obstante, considérase simplemente “escritor universal”, debedor, como non podía ser menos, da tradición literaria doutras xeografías e doutras épocas. “Non teriamos a García Márquez sen William Faulkner, nin a Faulkner sen Joyce, nin a Joyce sen Flaubert” afirmaba o escritor de Newark. E retorna dende Brooklyn e a Brooklyn, o seu territorio sagrado. Dende o seu santuario, nun pequeno estudo do barrio newyorkino e ao corazón do mesmo barrio, onde se levanta a casa destartalada de Sunset Park, convertida en comunidade de ocupas e en cuxo centro e arredores se desenvolve toda a novela, con excepción dos tres primeiros capítulos.
De que trata a novela? Do que sempre interesou ao escritor, sexan cales sexan os seus argumentos: da condición humana, das arduas e difíciles relacións entre as persoas e con eses fíos invisibles gobernados pola ruleta azarosa da existencia que nos brinda camiños xamais imaxinados e que converte a vida en algo caótico, capaz de nos somerxer na máis profunda e tenebrosa soidade ou de agasallarnos con pequenos instantes de felicidade.

   Sunset Park está ambientada no aínda próximo 2008, no post 11 de Setembro e pre – Obama. E nunha breve sinopse argumental, diremos que segue as pegadas de Miles Heller, un mozo que leva anos afastado da súa familia, tras a morte accidental do seu medio irmán da cal se considera responsable. Agora, despois de deambular por varios estados, vive feliz en Florida. Forma parte dun equipo que se dedica a limpar vivendas de desafiuzados por insolvencia e non pagamento e propúxose documentar coa súa cámara as derradeiras pegadas desas vidas. Nun encontro puramente casual, coñece unha rapaza de orixe cubana, da cal se namora e coa que cohabita. Pero ela é menor de idade e unha das súas irmás ameázao con darlle o sopro á policía se non lle trae obxectos que os inquilinos expulsados deixaron nas súas casas baleiras. A chantaxe obrígao a aceptar o convite dun amigo ata que a súa noiva cumpra a maioría de idade. Regresa pois a Nova York e en Sunset Park convive cun grupo de amigos que ocuparon unha vivenda abandonada. A partir de aquí desencadéase verdadeiramente a trama novelesca que segue o guión das estruturas narrativas de Paul Auster e que lle fan xustiza dese cualificativo de escritor posmoderno.

Paul Auster

   Sendo como é Sunset Park unha narración de personaxes, convértese de inmediato nunha novela coral e metaliteraria, porque o encontro con cada un destes seres que poboan o relato, xera de inmediato outra nova historia e esta, outra. Cada personaxe do libro orixina a súa, pero estes pequenos bosquexos de historias amalgámanse e finalmente fóndense no borrador da historia do protagonista principal. Historias cheas de historias, un verdadeiro xogo literario no que se mesturan realidade e ficción. De todos os xeitos, en Sunset Park prodúcese un certo adelgazamento nos xogos metaliterarios e nos trucos que emprega Auster, especialmente no referente ao papel do azar. Ese mundo ateorizable onde os significados fortuítos se converten en destino, xorde apenas no primeiro capítulo, se ben o mesmo autor se encarga de definilo na páxina 60: “Outra tirada dos dados, pois, outra combinación da lotería tirada da urna negra de metal, outra casualidade nun mundo de casualidades e caos infinito”
   Pero pola contra o lector achará, e en abundancia, moitos dos eixes temáticos que xa vimos en anteriores obras: persoas cultas, vítimas de acontecementos dramáticos e complexos; un ámbito de elementos literarios e metaliteraios ( libros, editoriais, películas… ). Tamén os tópicos que adoita utilizar o autor: disputas e desencontros familiares, en especial os paterno – filiais; os relatos colaterais sobre o béisbol e os seus xogadores famosos, como estabilizador social de América e metáfora da vida. Mais o realmente novidoso desta novela reside no seu envoltorio temporal: ano 2008, unha época moi concreta na que a crise económica comeza a morder nos cidadáns das clases medias e baixas. Un mundo que se cae, atordado pola ruína económica e pola crise inmobiliaria e a rabia dos desposuídos, metaforizado todo, xa dende o comezo, polo traballo que realiza o principal protagonista: baleirar as vivendas dos desafiuzados que non puideron seguir pagando a súa hipoteca; rapaces cheos de ilusións e con excelente preparación académica, incapaces de facer fronte ao aluguer. Todos, e así pecha Auster a novela, están agora sen fogar, as construcións perdidas, as mans perdidas, un porvir no que non hai futuro e que o único que permite, é vivir o agora, o instante fugaz. Unha amarga viaxe, pois, cara á desesperanza, maxistralmente relatada

Advertisements

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Esta entrada foi publicada en Critica literaria, Narrativa estranxeira traducida. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s