Tres ataúdes blancos, de Antonio Ungar

 Tres ataúdes blancos

Antonio Ungar

Editorial Anagrama, Barcelona 2010, 284 páginas.

     Luns, 8 de novembro de 2010, as canles de TV, os xornais e blogs de medio mundo difundían a noticia: por primeira vez un escritor colombiano, Antonio Ungar coa súa novela, Tres ataúdes brancos, gana un dos máis prestixiosos premios literarios independentes do mundo hispanoamericano, o Premio Herralde de Novela, instituído fai máis dun cuarto de século pola Editorial Anagrama de Barcelona. Antonio Ungar, que estudou arquitectura na Universidade Nacional, exerceu mil oficios – coma se seguise os pasos de Roberto Bolaño – pero, por fortuna para a narrativa, só lle interesa escribir, “ser un especialista en dicir mentiras”. E ten razón porque se algo é fabular, é sen dúbida crear unha gran farsa, unha enxurrada de invencións. Non obstante, e a pesar de que o mesmo autor define a súa novela como unha farsa cun gran compoñente de humor negro e a súa acción se sitúa nun país imaxinario, a República de Miranda – nome tirado da película El discreto encanto de la burguesía de Luis Buñuel – e que así mesmo confesa que se inventa un país que non existe, pero moi semellante a algúns do continente Latinoamericano, e un líder que poderá ser lido en clave chavista en Venezuela ou en clave uribista en Colombia, o tenaz imperio da realidade e todas as pistas que aparecen no texto, inclinan sen dúbida o lector a ler este thriller político pensando en Colombia. E nun tempo non moi afastado do presente, non obstante a prolepse ou salto de dez anos cara ao futuro no tempo da historia que os lectores acharán nas páxinas finais.

Antonio Ungar

   Un thriller político entroncado coa novela de ditadores, un subxénero no que é tan fecunda a tradición literaria latinoamericana. Pero novela de ditador con trazos tan específicos que a fan única e totalmente diferente: sátira, humor negro, ironía, asociados ao horror extremo, non apto para todas as sensibilidades. A trama de Tres ataúdes brancos presenta, en breve síntese, as vicisitudes dun cidadán do común, absolutamente inocente respecto ao que realmente se move nas esferas do poder, que se ve forzado a suplantar o asasinado líder da oposición na desatinada aventura de intentar acabar co réxime totalitario de Miranda, gobernada dende hai varios lustros polo presidente Tomás del Pito, elevado ao poder en sucesivas eleccións formalmente democráticas, fundador do pitismo, un réxime corrupto que sobrevive sobre a base da asociación cos principais narcotraficantes titulares, cos seus homes de palla e cos seus Escuadróns da Morte. E en loita con guerrillas stalinistas desalmadas que reciben igualmente a feroz crítica do protagonista narrador. Unha inevitable historia de amor, tinxida así mesmo pola ironía, actúa de fío condutor da historia.

   A medida que a novela cobra corpo, o thriller convértese nun absurdo total, porque tanto o poder ditatorial coma os seus compañeiros da oposición, comprados polo pitismo, emprenden a caza do protagonista, que será eliminado finalmente. Pero antes, como imitador do líder morto, dinamita á ditadura simplemente coa reprodución caricaturesca dos lemas e discursos deste “capo dei tutti i capi”, que por exemplo defende a tortura porque a considera esencial para a pervivencia do estado de dereito ou que, nun ataque de misericordia, se ofrece a comprar a bo prezo as terras das viúvas e orfos cos que os seus sicarios ían regando o país. Un ditador ata tal punto carnavalizado e levado ao esperpento, que a caricatura o converte nun exótico ser anxelical. Serán outros, os paramilitares Escuadróns da Morte os que, de forma vicaria, actúen no seu nome sementando o terror e a morte entre os opositores e movementos indíxenas.
Sátira, humor negro e unha arquitectura narrativa aparentemente desordenada e convulsa para abordar a realidade ( en Colombia, confesa o escritor, tras unha matanza, esa mesma tarde xa hai un chiste ) e que estoura, no desenlace do relato, co horror e o espanto. Nun espectáculo terrorífico adubado con toda a brutalidade dunha ditadura exótica, corrupta e sanguinaria. Vexa o lector, se a súa sensibilidade o resiste, o retrato dos “currais” ou “carnizarías” descritos polos líderes desmolibizados dos Escuadróns da Morte. E unha afirmación estremecedora que o autor pon en boca da namorada sobreviviente: “son e serán sempre imposibles os relatos policíacos na República de xxxxxxxx. Tamén os vividos, porque en xxxxxxxx nunca hai probas, nunca hai culpables, nunca se sabe quen fixo que, porqué se mata ou porqué se morre,”

Advertisements

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Esta entrada foi publicada en Narrativa en español. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s