Xulgar a Cunqueiro polas súas obras

 

MICRO ENSAIOS LITERARIOS

 

Unha verdadeira bategada de estudos, artigos, homenaxes, reedicións asolagaron o país, tanto no ano 2001 co gallo dos vinte anos do pasamento de Álvaro Cunqueiro, como no 2011, ao se cumpriren os cen anos do seu nacemento. Benvidas sexan estas augacións literarias, entre as que non carece de relevancia aquel Remuíño de prosas que publicou o Centro Ramón Piñeiro e que no seu día comentamos aquí. Publicacións en acordanza e honra,  a meirande parte delas, do señor das palabras máxicas, que abrollaron por todas partes.

Mais dentro das canles da nosa memoria fican aqueles episodios bochornosos, as protestas do ano 1980, cando Cunqueiro foi nomeado  doutor honoris causa pola Universidade de Santiago. E no máis fondo das nosas lembranzas tamén se asenta aquela valoración gratuíta que se facía por entón e en anos anteriores da escrita de Cunqueiro. Foi o que alguén naquelas datas chamou  o “purgatorio”, no que depurou os seus pecados Álvaro Cunqueiro. Por ser escritor bilingüe, por ter escrito ou pronunciado algúns eloxios ocasionais á figura do Ditador (¡como tantos outros para poder sobrevivir!). E nomeadamente por non escribir unha literatura nacionalista ou comprometida. Eran tempos nos que á literatura se lle esixía o que non lle corresponde. E desde estas medicións e paralaxes, a literatura de Cunqueiro foi vista necesariamente como literatura “evasionista”.

Esa gran referencia crítica da literatura galega que foi Carvalho Calero, ao final e malia non ter esquecido nunca o carné de prensa do escritor, entendeu a figura e as circunstancias vitais de Cunqueiro. Nos anos nos que Cunqueiro era tirado non ao purgatorio, senón aos avernos,  a ollada de Carvalho Calero soubo decatarse de que Cunqueiro era un escritor “profesional” e que daquela tiña que escribir en castelán, porque a profesión de escritor e xornalista en galego non daba, nin dá arestora, para vivir. Son moitos os escritores que escriben en castelán, prosegue Carvalho Calero: “Caxeque todos os escritores estudiados nesta Historia (a Historia da literatura Galega Contemporánea, 1975) teñen algunha obra en castelán (…) Cunqueiro é unha figura importante dentro da literatura en castelán, mais tamén o é dentro da literatura en galego”.

Na actualidade todos aqueles que tentan xulgar a literatura galega sen somergullala en padróns extraliterarios  (a miña mente vén o excelente estudo de Manuel Forcadela, Mecánica da maxia. Ficción e ideoloxía en Álvaro Cunqueiro, 2009), decátanse de  que a escrita cunqueirá non é evasionista, senón “unha aposta pola imaxinación, o soño e o mito como realidades superiores, capaces de liberar ó home do labirinto da súa existencia cotiá” ( Diccionario da Literatura Galega, I,160).

Cómpre pois reler a Cunqueiro desde o interior das súas obras, atendendo unicamente  ás leis internas da propia literatura. Os claroscuros que sen dúbida existen  na vida de Cunqueiro, non deberían influír á hora de valorar as páxinas por el escritas, a munificencia e a maxia  das verbas do fabulador do cotián, do trobador dos sentimentos, como alguén dixo nunha das homenaxes do ano 2001.

Mais o acontecido con Cunqueiro, amósanos, máis unha vez, que é necesario agardar  a paréntese que o acabamento dunha existencia pon entre vivos e mortos, para que o maniqueísmo, o sectarismo e todas as miserias humanas non contaminen os xuízos que decote facemos das producións literarias por cousa do persoeiro que está detrás das mesmas. A alcabala que hoxe se lle rende á obra literaria de determinados autores, situados en todos os espectros da vida política ou mesmo fóra da mesma, nada ten que ver coas antes amentadas leis internas da literatura, senón con xenreiras persoais, con desavinzas viscerais, cun manifesto partidismo, que en vez de facer un axuste de contas co personaxe, faino coas súas obras. E como é obvio, aquelas non se defenden, son mudas.

 

About these ads

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Estas entrada foi publicada en Micro ensaios literarios coas etiquetas . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s