Iria
Anxo Angueira
Edicións Xerais, Vigo 2012, 327 páxinas.
Entro nesta Iria de Anxo Angueira e a súa substancia e feitura fan abrollar reminiscencias daquel canto á solidariedade que son os versos de O valo de Manselle e das historias de Pensa nao das xentes de Sernanselle, a aldea desde a que se enxerga o río Ulla enchendo e devalando coas marés da Arousa. Iria é outra novela poderosa que amplía o escenario e nos leva a horizontes temporais máis próximos a nós, a finais dos anos sesenta. Outro libro comunal e novela igualmente de inmersión, de esperanzas, loitas, epopeas.
Tres fíos narrativos conflúen no romance: a narración das navegacións do Iria, un vello galeón, no que fai vida o seu patrón que se nega a meter motor, e fende os lombos do Ulla, vibra e funga contra a fervura ou a negrura do mar da Arousa. As
navegación do Iria, símbolo do protagonismo coral dos homes e mulleres do mar, desas mulleres sobre todo que como Maria a barqueira son emblema de todas as resistencias. O contrapunto son os traballos e os traballadores dos canais de
regadío nas marxes do Ulla. Unha obra inútil da colonización interior, ladroízo que lle come o pan e as leiras aos labregos e explota os operarios. Entre estes dous bloques e punteando a sucesión de acontecementos ata a folga dos obreiros, a revolta d
os labregos e a celebración do Día da Patria Galega, as historias de afogados. O autor, falando en primeira persoa, achéganos aos afogados no río, no mar de area e no mar da Arousa. Traxedias que enloitan os fogares de humildes mariñeiros e cuxa terrible m
úsica tocan as campás do Ulla e da Arousa. Confórmase así un inmenso friso literario no que as comarcas do Ulla e da Arousa aparecen reflectidas en toda a súa autenticidade labrega ou mariñeira, con todos os seus oficios, soños, traxedias, amores, loitas. Homenaxe pois á “intacta forza comunal”. Iría convértese así no grande romance das terra do Ulla e da Arousa, grazas tamén a narrativa fondamente lírica dun texto que zumega literatura, transgride a norma mergullándose de cheo nos dialectalismos e usos e variantes gramaticais da fala popular das terras de Laíño . Un galego enxebre que estoura nas mans do autor nun festival de topónimos, sons naturais, insólitas metáforas, intertextualidade, recorrencias. Unha regalía para o entendemento, o corazón e os sentidos
* Texto publicado o día 24 de maio de 2012 no suplemento “Faro Cultura”, páxina VI, do xornal Faro de Vigo

