Orlando pendurado
Goretti Fariña
Edicións Xerais, Vigo, 2012, 78 páxinas.
Pendurado a tres pisos de altura, o operario Orlando Valiñas vese fóra do mundo, no limbo de bruma, escoltado por gaivotas e sobre todo pensando en Alexandra, na loura compañeira de ollos de brión e abelá. É un dos parágrafos iniciais desta pequena peza narrativa, ganduxada cunha fermosa prosa que abala constantemente entre a sorpresa do meiró literario e a orixinalidade retranqueira, e que lle dá forma a este Orlando pendurado co que Goretti Fariña gañou a III edición do Concurso de Novela Curta “Cidade Centenaria de Riveira” o pasado año.
En apenas oitenta páxinas a autora ten espazo e sobre todo enxeño e pragmática narrativa para achegarnos unha historia dun feito real ou imaxinado, derivado dun accidente, dunha situación límite: os pensamentos do pendurado protagonista, os avisos nos que cre, os compromisos que promete se consegue saír vivo daquel pesadelo, o seu pasado inmediato de ex-seminarista, carne do rural, os inicios da mutua aventura entre el e a súa moza, Alexandra, que entra na súa vida como unha “súbita preamar moi arborada” (páxina 32), as encrucilladas compartidas, cando o amor fuxe polas xanelas e as mil voltas e reviravoltas na trama avesía das súas vidas. Pendurado do cable, o operario Valiñas descóbrese como un monicreque que só en aparencias está intacto. Mais, unha vez que descolgado pisa no chan, vese doutro modo e, aínda que confuso, experimenta todo o peso e o saibo do fracaso.
Mais coido que é lícito ler este relato existencial tamén baixo as claves dun substrato ideolóxico, como friso do noso tempo e parábola do desastre e da frustración que arestora se ceba e asaña con tanta xente moza, da idade dos protagonistas.
En efecto, a teor do conto dos avatares da parella, a autora amósanos un rodapé retranqueiro, ateigado de plasticidade, a imaxe dunha sociedade caciquil, manipulable e comesta pola corrupción. Unha visión carnavalesca dun país e das alfaias que moran no noso eirado autonómico onde a teoría da relatividade en proveito propio se aplica desde sempre e o olfacto no tocante aos cartos funciona de xeito admirable.
De por parte, e con máis compaixón que retranca, Goretti Fariña achéganos a figura deste operario Valiñas, que nunca atopara tempo para algo que non fose ir tirando na terra de ningures, como exemplo paradigmático de tanta xente, de mozos e de mozas da súa xeración que arestora se atopan igualmente no aire, pendurados dun presente sen futuro ou cun futuro, e por veces tamén cun presente, terriblemente esganados.


Pingback: «Orlando pendurado», de Goreti Fariña: prosa fermosa e retranqueira. Crítica de Francisco Martínez Bouzas | Xerais