Historias dun “prosador ficcionista”

 

Contos da terra da tarde

Bieito Iglesias

Editorial Galaxia, Vigo, 2011, 311 páxinas.

  

Dezasete relatos de desigual extensión compoñen a última achega narrativa de Bieito Iglesias. Estes Contos da terra da tarde que desde hai uns meses nos ofrece Galaxia na súa colección Literaria. Relatos breves dun excelente “prosador ficcionista”, creador dunha literatura en puridade, como teño deixado escrito  ao comentar outros libros do escritor ourensán. Relatos cos que Bieito Iglesias non racha coa coherencia da súa escrita anterior. Ás avesas, estes dezasete relatos de arestora sutúranse no grande macrotexto formado, xaora, pola escrita “beitina”: o relato curto e a novela de non demasiada extensión.

Un macrotexto marcado pola rúbrica -quizais neste caso ferrete- da casa. Unha literatura xenuína, sen trapelas, cun alto grao de riqueza e de complexidade que retrata en clave expresionista a Galicia dos nosos días e o perfil dalgunha das súas alfaias, personaxes singulares ou do común.

Achégase así a escrita de Bieito Iglesias, tamén nestes contos, ao esperpento, de xeito que, fusionadas convenientemente estas dezasete, pezas, podemos gorentar cun grande friso, á vez carnavalesco e realista da nosa terra e sobre todo das súas xentes.

As olladas mordaces e á vez ateigadas de humor do escritor pairan e detéñense na sombriza experiencia vital de ducias de persoeiros que, desta volta, pouco teñen de saibos marxinais. Bieito Iglesias agasállanos pois con mundos ficcionais abondo variados e que o lector sospeita que transcenden a ficción e entran de cheo no concepto de mímese: a ficción e a realidade reflectíndose mutuamente nestas dezasete historias. Teño para min que, en boa medida, para o escritor ourensán lembrar é revivir e imaxinar é recordar. Acordanzas seguramente parciais, pero que, amalgamadas e carnavalizadas no maxín do escritor, chegan a nós ateigadas de luzadas de vida, de frescor e de exultante e intelixente ironía. Son o millo verde que o escritor confesa que tiña no cacipo da súa memoria e experiencia vital.

Relatos, porén, moi narrativos, onde todo é pertinente, mais non demasiado “novelescos”. Con finais abertos en xeral, aínda que hai excepcións, e que como en obras anteriores teñen que ver case que todo eles con personaxes tirados dos arrabaldes ourensáns, con emigrantes do subproletariado ou con persoas da clase media.

Bieito Iglesias

Literatura, pois, en conexión coa vida  cotiá, a única real, que nos remite ao mundo da eutanasia; do erotismo dun crego rodrigado polo arxón do celibato que parodicamente  confesa e culpa dos seus males ao bispo; á emigración dos anos sesenta, á deserción e abandono do rural, aos abusos e avasalamentos do poder no Ourense franquista, á visións caricaturescas das novas pedagoxías, aos incendios forestais ou as viravoltas do turismo sexual en Cuba.

Mundos que por veces superan a realidade por medio da recreación carnavalesca xa amentada e polo emprego dun singularísimo rexistro lingüístico -outra marca da casa- que reflicte a fala da xente, ateigado á vez de enxebrismo, de termos da propia colleita, de neoloxismos e de castelanismos empregados case que sempre á mantenta. Recursos lingüísticos pertinentes en relatos que transmiten historias poboadas por personaxes que empregan a lingua oral, un galego seguramente dialectal  que potencia o saibo irónico o e a virtualidade esperpéntica destes relatos.

About these ads

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Estas entrada foi publicada en Critica literaria, Narrativa galega, Relato breve coas etiquetas , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s