O real posible contra o real existente

Verbas no ar

Iria Morgade

Biblos Clube de Lectores, Cesuras (A Coruña), 2011, 176 páginas.

 

Hai por volta dun ano que Iria Morgade converteu en proxecto de novela a reflexión verbo do que acontecería se a contestación ao actual sistema capitalista acadara as dimensión dunha revolta a nivel planetario. Despois de buligar esa idea na súa cabeza, acordou transformala nun proxecto de novela que, no mes de maio de 2011, conseguiu  o recoñecemento do VII Premio Biblos-Pazos de Galicia, converténdose dous meses máis tarde na obra gañadora. Esta é a xénese de Verbas no ar que supón asemade o debut desta moza nas letras de noso cun texto editado. Con anterioridade fora a gañadora dalgúns certames de relato curto.

Biblos Clube de Lectores, coa colaboración desta volta de Xabier P. Docampo que actuou como titor, continúa así contaxiando o amor pola letras entre a xuventude, e descubrindo novas voces que, se as canseiras da vida non rachan ilusións, deberían garantir o porvir da nosa literatura.

A trama de Verbas no ar parte da constatación de que o mercado xa non é o incógnito mestre de cerimonias, senón a grande estrutura de poder, a guía do percorrido humano desde os catro puntos cardinais, coa pretensión de privatizar mesmo os nosos soños, xerando asemade unha inmensa enchente de corrupcións. Están presentes  no xerme da trama -ou iso supón este lector- as revoltas en varios países do norte de África e o descontento, a indignacións que se deixa sentir nos movementos de contestación social dos últimos tempos.

Estes son os referentes inmediatos, mais Verbas no ar non é unha novela sobre o15 M nin verbo da chamada primavera árabe, senón unha fábula en forma de utopía social, aínda que sen ningún deseño utópico concreto, nin á marxe da historia. E ten como caldo de cultivo a evidencia de que non estamos a vivir no mellor dos mundos historicamente coñecidos, como teimaba convencernos nos seus derradeiros anos Karl Popper, logo de sucumbir aos engados da “sociedade aberta”. Vivimos, pola contra nunha sociedade decepcionada, desfalcada, espoliada polos que manexan, tanto a nivel local como planetario, os fíos do poder. É iso precisamente o que provoca unha sublevación a nivel mundial  por parte dos que cren que outro mundo é posible.

Os diálogos que a autora establece na cabeceira do libro entre os versos de Celso Emilio Ferreiro (“I eu morrendo / nesta longa noite de pedra”) e un dos retruques máis coñecidos de Bob Dylan (“porque o perdedor agora / será o gañador máis tarde / porque os tempos están cambiando”) pon ao lector nos vieiros deste necesario levantamento planetario para facer ver o verdadeiro  rostro do capitalismo mundial. Unha revolución necesaria contra a forma tradicional de dirixir a política, contra as enganosas solucións de tantos tecnócratas que miden o mundo e a realidade social con parámetros enteiramente afastados do que é a realidade humana, as súas necesidades, a súa dignidade.

Iria Morgade

Os personaxes da novela, angustiados, combativos, escépticos, realistas, idealistas, esperanzados, vulnerados, alienados polo opio do mundo virtual globalizado dos poderosos, camiñan pola contra en comuñón con que é a cerna da humanidade. Loitan, cada un a súa maneira, contra os poderes fácticos, eses impasibles homes de branco.

Narrativa pois crítica, alternativa, escrita con vocación de estilo como salientou o xurado. Ganduxada con linguaxe directa, cunha organización do texto esteada en frases curtas, aguilloantes que, desde unha certa fragmentariedade, procuran moito máis suxerir que describir ou pontificar. E sobre todo literatura que supón unha nidia afirmación do real posible contra o real existente nun intre no que a anarquía banal e os paradoxos da orde social e económica globalizada estrangulan  toda forma de estar no mundo consoante á dignidade humana.

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Estas entrada foi publicada en Critica literaria, Narrativa galega coas etiquetas , . Ligazón permanente.

Deixar un comentario