Ficción e utopía

Ricardo Piglia

MICRO ENSAIOS LITERARIOS

 

En 1986 nunhas lúcidas reflexións, o excelente narrador e crítico arxentino Ricardo Piglia respondíase a si mesmo sobre a esencia e os lindes da ficción. Sostiña Ricardo Piglia que non existe un eido propio e específico para a ficción e que todo pode ser obxecto da acción ficcional. Calquera curruncho da realidade por intranscendente que nos semelle, está ateigado de substancia ficcional  e pode, xa que logo, ser ganduxado por fíos ficcionais e ser trasladado doadamente aos libros que desenvolven fábulas. Ricardo Piglia puña como exemplo ou modelo onde se pode facer o transvasamento, á propia realidade arxentina durante os anos da ditadura militar, un bo lugar, dicía, para espreitar ata que punto o poder adquire frecuentemente a forma dunha ficción criminal, se ben engadía que a ficción non é o lugar da verdade.

É xustamente nesta encrucillada de camiños entre a verdade e a falsidade onde a ficción xoga as súas cartas. Todo o que é literatura de creación -pensemos sobre todo na novela, no relato e no teatro- é pola súa propia natureza unha grande fábula, unha grande mentira, por moito que se nutra nos mananciais do cotián ou corra parella á realidade.

O escritor de ficción é pois  un visionario que se instala no futuro e constrúe o que non existe, o novo, con materiais que lle ofrece o presente. Ou como dicía Ernest Bloch, “a literatura é unha festa e un laboratorio do posible”. Non fai falla que a ficción estea feita de algo extraordinario. Neste sentido tiña razón Michel Foucault cando afirmaba que a literatura non está feita de algo inefable. Endalí que con toda xustiza se lle poida chamar fábula, no sentido estrito e orixinario do termo.

G. Lukács

Non nos deben entón estrañar os inquéritos que verbo do futuro da novela formulaba hai anos George Steiner: ¿que novela pode hoxe competir en condición de igualdade coa mellor reportaxe, coa narrativa inmediata? Unha apreciación semellante á que chegara tamén outro grande escritor, V. S. Naipul: a novela non sobreviviu ao seu momento histórico, xa non desempeña un papel útil e será substituída pola simple narración obxectiva.

Non se trata de cuestionar a calidade  da creatividade moderna. Xa no século V antes de Cristo xurdiu a pregunta sobre se pagaba a pena copiar en custosos pergameos historias tan caóticas e carentes de emoción como as contadas na Ilíada e na Odisea. O que cómpre é determinar o seu status. E este non é outro que o seu carácter utópico. De novo volvo a unha cita de Bloch: “O caracter esencial da literatura é tratar o que aínda non se ten manifestado como existente”. Xa que logo, poida que sexa este seu carácter utótipo e non a narración inefable o que en última instancia salve a ficción nas súas constantes apostas coa morte ao longo dos séculos e converta en verdade o que expresou Lukács, o máis grande crítico marxista: “Ningunha novela ten un final  desgraciado”

About these ads

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Estas entrada foi publicada en Micro ensaios literarios coas etiquetas , , , . Ligazón permanente.

2 respostas a Ficción e utopía

  1. E. Gutmir di:

    Paréceme atopar estes erros: 1º parágrafo: que no (non) existe un eido propio, 2º, é por a (pola) súa propia natureza, 4º: simplenarración.

  2. Prezado amigo ou amiga: Tes razón. Son erros obvios e evidentes debidos a non ter relido o texto. Agradézoche a túa observación.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s