“Seara”, os versos de media vida de Vázquez Pintor

Seara

Obra poética (1971-2011)

Xosé Vázquez Pintor

 Edicións Espiral Maior, Culleredo (A Coruña), 2011, 314 páxinas.

 

Unha salutación para este libro-compilación de corenta anos de dicir poético que chega en sazón, maduro, nostálxico, tenue por veces, claramente combativo as máis delas, ao que me achego con temeridade, estremecemento e emoción, porque acercarse á voz lírica convertida en verso por Xosé Vázquez Pintor, é tamén abeirarse á grande verdade, ao grande milagre do mundo que dirían os nosos clásicos.

Este polifacético domador de palabras (narrador,ensaísta, dramaturgo, poeta) que talla cada liña que escribe cun rexistro literario vigoroso, ateigado de tensión, forza, emotividade, sorpresa, ergue no eido da lírica “a memoria que reconstrúe un mundo” como rotulou a súa tese verbo do escritor da Terra do Medio e da beiramar a moza e profesora cubana Yanelis Velazco Fajardo (“Mocina que nos sabes na maxia do solpor”).

Velaquí pois, editados con galanura, os versos desa media vida, escritos coas palabras que o poeta máis quere, para turrar sempre dos soños contra as esperas. Dez poemarios amalgamados polo rótulo desa “Seara”, a palabra que nos fai pensar no pan, sendo como é de terra de montes, pero que une as dúas xeografías vivenciais do escritor: a Terra do Medio, a dos seu Melide natal e a da beiramar.

Lemos os versos da primeira andadura: Gándaras (1971), Terra e pan (1975), O espertar tamén é noso (1977), vítimas daquela inxusta sentenza, pronunciada polos que pretenderon señorear o canon: “…hoxe están excluídos de calquera atención ou xuízo valorativo reseñable” (Dicionario de Literatura Galega, I, Autores, paxina 602). Gándaras, o libro iniciático (“a primeira illa dos soños”) no dicir poético do escritor, “a partida de nascemento” como escribiu o prologuista, Varela   Buxán, do que hoxe Vázquez Pintor confesa que ía “analfabeto de metáforas”, mais non de ousadía reivindicativa que provocou aquela condena de prosaísmo de orientación social e onde podemos gorentar de novo daquel poema “Eu bebín nunha cunca” que lle deu ao poeta o seu primeiro éxito literario:premio nos Xogos Florais de Guimarâes.  Terra e pan, igualmente sospeitoso, é homenaxe igualmente a quen  resiste e ama. O espertar tamén é noso, libro teitado por un ricaz espazo que acubilla as memorias da infancia. Son os poemarios dos anos 70, dese socialrrealismo tan deostado, nutridos, porén, de enerxías, de chamadas á resistencia, mais tamén de vehemencias emocionais.

Con Ofidios de diario (1984) prodúcese a viraxe na forma e no contexto dun quefacer poético que agora asenta a súa cerna nas isobaras dun mundo fastástico, ensoñado (“un soño de amor e do ofidio”) cicelado ao ritmo das imaxes brunidas con palabras. Unha andaina que prosegue  Na vertical da noite (1990) e No corazón mancado (1990), universos poéticos nos que goberna a ensoñación, “a lucería  das horas no mar-ceo”, as descubertas exteriores “para axotar os medos e bicar as intemperies”.

Os dous últimos poemarios editados, Rotación violeta (1996) e Banzados (2001) significan unha volta a outras etapas vitais ateigadas de ousadía, rachando os medos da luxuria, camiñando por veces no territorio dos loucos e do destempo. De novo os versos de Quian, onde aínda rebrinca o golpe contra a infamia e a covardía.

Xosé Váquez Pintor

Completan o volume dous inéditos: Anuncian as aves e Os versos do zapateiro. O primeiro é un exercicio desa habilidade escritural de Vázquez Pintor, da que podo dar fe porque fun testemuña dunha xesta semellante. Un poemario deliñado na súa meirande parte nunha noite pecha do ano 1991 na Casa da Cultura de Agolada, diante das pezas dos escultores e pintores do Deza, dialogando con elas o poeta, bebendo co granito e cos óleos. Pecha o volume Os versos do zapateiro, versos escritos por encarga para homenaxes e outros acontecementos. Memoria dos últimos anos dun eu lírico que se manifesta sempre cunha grande vitalidade e se expresa con palabras de liberdade, revoltosas coas faixas dos canons, con linguaxe que sutura preguntas e respostas, as lembranzas da infancia, a ollada sobre os obxectos e acontecementos. Tamén as soidades e illamentos, os saberes, arelas e querenzas da nosa tribo.

Mergullarnos neste libro recompilatorio de Vázquez Pintor   confírmanos nesa seguranza de que a función poética, algo pequeno na súa configuración gráfica, é paradigma de fermosura. E o que aínda é máis relevante: que  a poesía é forte (Michel Deguy), sobordante de fulgores e bríos máxicos.

…………………….

Poemas de Vázquez Pintor

 

“AFIADOR  DA BRÉTEMA

que vas polos camiños converxentes da saudade

cun bocado de paxaro na boca:

levita-me no espazo e na mensura,

dime da voz da aurora e do solpor, di-me do frío

da navalla no duodeno de esmeril.

Cóntamedas risas, de enguedellos, maldicer

de meigas na premonición dos sapos.

Afía-me de amor

ao quente do sol, na praza

exagonal da cibdá vella,

coma se fose en Cuzco ou en Venezzia

a moza inquisidora do deu paso en rotativa

no cilindro dos decámetros”

(Ofidios de diario, páxina 96

…..

 

“¿COMO FOLLAR, MEU AMOR, SEN TOLERANCIAS

sobre este niño de víboras a espreitar a mañá

cando nos vexan? Anda

vámonos, que aquí non teño o encoro predisposto.

Necesito o acougo da sabana, nunca a entrega:

esa tal rutina de rotos alamares que se abren.

Non. Así non sei eu trebellar. Por eso lévame

cara outros territorios, lonxe das bocas, lonxe

dos ollos e as envexas

porque quero avivecer contigo das moitas maneiras

DE AMAR COMA UN INVENTO”

(Rotación violeta, páxina 206)

…..

 

“MOITAS VECES QUERO DEFINIR CUNHA PALABRA

ese cumio de gloria miserábel

no que o tempo se vai e nos abate o cansazo

por outra desmedida.

Todas as glándulas semellan bocas

abertas a papar ese eterno que soñamos

pero non, que hai que regresar rectos aos inicios.

todas as febres son

cordas de violino predispostas por Mozart

no seu reino de luces.

E o sangue entra no que eu chamo o ritmo do tam tam

coma as tribos que percuten a terra.

e disme cando entro no caudal e corro espeso

e morno sobre a dalia interior que mora en ti:

sigue sigue sigue sigue sigue sigue sigue

E ROMPE O CEO AQUEL CANDO CHEGAMOS

( Rotación violeta, páxina 211)

…..

 

LAXEIRO: UN SÉCULO

A Laxeiro, pintor e galano, sorrindo a Nosa Lingua

 

“BRINDES, NOSO AMIGO DA NAVALLA PARA  A BARBA!

Que aínda cumpras centos máis nas feiras de alemparte

e veñas armado co pincel na guerra fría

deste tempo de cairos e soberbia.

 

Estás aquí onde nos chama a liberdade e somos

tantos no teu vaso e no teu colo dos pasares

cando o río vai teso de fartura

e labra un asubío.

 

Velaí estás na pedralxe da ponte

co chapeu de lenzo e bota de botos

no romaría que arde en arestoras

coma besta e boi de teu no cadro dos magníficos

do tempo que cómpre preguizar para saber

en ti a terra matria.

En ti.

 

E digo pepe e outeiro e abeledo

coma nun vaso de cristal que arde en adubíos

no teu soño diario  de amencida cando vou

e veño en paso descuberto pola ribeira

dos bravos aturuxos coma soles do noso

na galaxia das tabernas e no café de vigo

onde aínda estás en vida e sempre esperas.

Sempre.

(Os versos do zapateiro, páxina 301-302)

…..

 

IANELIS

                                   Aí vai a xove,

                                     a dos pés descanzos

                                     que recibe os versos dun zapateiro

                                     e amence na cúpula da cidade”

                               

                                    Yanelis Velazco

                                    A virxe e o espello, Habana, 2010

 

“COMA BRIS E LABIO NA ILLA MÁIS QUERIDA

Dos galegos soñas e camiñas primaveras

Para esta lingua amada de sempre polos séculos.

 

Mociña que nos sabe na maxia do solpor

Cando as avenidas das estrelas son chegadas

Para irmos contigo a navegar nos paraísos.

 

Somos esa voz e o canto sempre en romaría

De soñar así nos universos da distancia:

A maré en avenidas do mundo que nos ama.

 

E agora sabes, mociña, como somos teus

Amigos e conversas e pronuncias seara

Coma un remo para que o mar nos deixe

 

Felices, bicar terra”

 (Os versos do zapateiro, páxinas 307-308)

About these ads

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Estas entrada foi publicada en Critica literaria, Lírica coas etiquetas , . Ligazón permanente.

Unha resposta a “Seara”, os versos de media vida de Vázquez Pintor

  1. Pingback: o libro perdido e o libro lido | ferradura en tránsito

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s