Diego Sarmiento de Acuña, ¿galego de lei ou Maquiavelo español?

Galego de lei

Don Diego Sarmiento de Acuña, I Conde de Gondomar

Francisco Maseda

Biblos Clube de Lectores

Cesuras, A Coruña, 2011, 188 páxinas

 

Non é escasa a bibliografía que, de forma directa ou indirecta, estuda a figura e a personalidade de Don Diego Sarmiento de Acuña, I Conde de Gondomar, a súa praxe diplomática na Corte dos Estuardos, ou mesmo a súa correspondencia en galego. Estudos de investigación historiográfica, publicacións do seu testamento, a súa escrita epistolar, ou sinxelamente textos divulgativos, co obxectivo, na meirande parte dos casos, de gabar o personaxe. A esta ampla bibliografía súmase arestora a biografía que escribe o historiador Francisco Maseda e publica Biblos Clube de Lectores na colección Mandaio.

Con efecto, as páxinas do volume de Francisco Maseda realizan un oportuno recordatorio dun personaxe galego sobranceiro, mais ao mesmo tempo moi descoñecido, un percorrido que pode ser considerado a primeira biografía en galego dunha figura histórica que, na súa mocidade, defendeu as costas galegas fronte aos ataques de Francis Drake, que soubo ganar unha importante posición na administración cortesana baixo o reinado dos Austrias (Felipe II, Felipe II e Felipe IV), malia a oposición dos validos reais (Lerma, Uceda e Olivares) e, sobre todo, como embaixador en Inglaterra, mantivo na Corte de Xacobe I o prestixio da monarquía española.

 A través das páxinas do libro de Francisco Maseda, baseadas sobre todo nos estudos publicados por Lois Tobío, sabemos do seu nacemento en Gondomar no ano 1567, da súa profunda formación humanística, xurídica, teolóxica e filosófica, do seu casamento aos quince anos cunha súa curmá, da súa loita defendendo a terra contra os portugueses e contra o pirata inglés Francis Drake na ría de Vigo, do seu segundo matrimonio con Dona Constanza de Acuña, tras a morte da súa primeira muller. Da súa carreira administrativa e diplomática: corregidor de Toro, de Valladolid, embaixador en Londres, onde realiza “una de las más brillantes gestiones de la diplomacia occidental” (Lois Tobío), mediando a prol dos católicos e conseguindo quitar do medio a Walter Raleigh, un dos grandes inimigos do imperio español en América.

Na miña estima, os dous capítulos máis interesantes da obra de Fernando Maseda son aqueles nos que analiza a praxe diplomática do Conde de Gondomar e a súa galeguidade. A tese do autor é claramente laudatoria fronte a aqueles que atribúen os logros acadados por Diego Sarmiento na súa xestión diplomática a certas artes maquiavélicas para facerse con vontade do rei Xacobe I. Para Francisco Maseda a prase diplomática do Conde baseábase na razón de estado -un alicerce no que tamén cimentou Maquiavelo as súas teorías políticas-, pero guiado sempre pola integridade, pola constancia e grazas a un traballo metódico que tanto contrastaba coa desidia da Corte española.

Verbo da galeguidade do Conde de Gondomar, o autor salienta a defensa da causa de Galicia: participou de forma decisiva na recuperación do voto de Galicia nas Cortes, defendeu a certos personaxes ilustres galegos nunha misiva dirixida ao secretario real, Andrés de Prada, ante os ataques dos que foran obxecto por parte de Bernardo de Brito, cronista de Portugal. O inicio desta contrarréplica está redactado en galego. Este feito e a numerosa correspondencia epistolar en galego que recibiu o Conde de Gondomar, precisamente no século XVII cando a nosa lingua atravesaba a profunda decadencia dos Séculos Escuros e perde toda relación coa cultura escrita, dan fe  dunha postura moi positiva de Diego Sarmiento de Acuña ante Galicia e a súa lingua.

En resumo, un retrato divulgativo, moi ben documentado, dun arquetipo de humanista, dun intelectual, home de teoría e  de praxe ao servizo da Coroa española, sen renegar nunca das súas orixes galegas.

About these ads

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Esta entrada foi publicada en Bibliografías, Critica literaria. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s