Parodia da novela negra e crítica do “telelixo”

In vino veritas

Francisco Castro

Editorial Galaxia, Vigo, 2011, 380 páxinas.

 

Pérdome sen remorsos, e frecuentemente con abondo pracer, na escrita de Francisco Castro. Desde aquela “noveleta”, Play back, co-ganadora  no ano 1997 de Premio Lueiro Rey e que literaturizou, posiblemente por primeira vez na narrativa galega, o submundo das orquestas verbeneiras, un verdadeiro territorio darwinista, ata a súa última achega, esta ampla, complexa e ricaz novela, In vino veritas, un dos libros deste pasado verán entre nós.

In vino veritas é unha novela complexa e ricaz porque na mesma conflúen varios fíos narrativos e adúbase así mesmo con reflexións matanarrativas, xa ao comezo da mesma, unha querenza do escritor que xa se deixara ver noutras achegas, como Xeración perdida. Así mesmo, ao longo de toda a novela, nos comezos de cada capítulo, rotulados con citas de Raymond Chandler que pretenden ser un catálogo da novela policial e ao que o autor implícito contradí non poucas veces.

Mais In vino veritas é en primeiro lugar unha novela negra. Escribo negra e non detectivesca ou policial polo que logo se dirá. Un detective, Xulio Míguez recibe o encargo de atopar o marido dunha rica adegueira, unha xornalista de grande éxito que conduce un programa rosa e que interfire nas súas indagacións, encarreirándoo por camiños insospeitados. Formalmente, pois, unha novela negra que segue todos os parámetros e tópicos do xénero, mais en realidade, unha deconstrución do xénero detectivesco. Unha parodia da novela policial, como se di na contracapa. O detective de Francisco Castro é un sabuxo normal, pero non se caracteriza pola súa perspicacia. Ten que ser o autor implícito o que lle apunte como debe de interpretar os indicios, e no desenlace é a asasina a que lle da conta das razóns dos seus crimes.

Francisco Castro

Na novela de Francisco Castro atopamos todos os tópicos e convencións do xénero detectivesco. Pero o relato vai moito máis alá diso que os ingleses bautizaron como Whodunit ( Quen o fixo?). E este máis alá é precisamente esa fórmula narrativa máis rica e complexa na que a resolución do enigma deixa de ser o obxectivo principal, pasando a formar parte do primeiro plano a introspección psicolóxica dos personaxes e o retrato crítico da sociedade. É a proba definitiva que diferenza  a novela clásica de detectives, onde  a resolución do enigma é todo o que se lle ofrece ao lector, da novela negra que mantén a intriga e o misterio, aínda que a súa importancia fica desprazada pola temática social  e pola especulación psicolóxica. In vino veritas alíñase con claridade no territorio da novela negra. Xa nas primeiras páxinas o detective reflexiona (“é un tipo que pensa” páxina 22) sobre as coordenadas éticas do seu traballo.

Mais, para alén desas calas nas interioridades dos personaxes, In vino veritas é unha acerba e corrosiva crítica social que a converte niso que o escritor repite unha e outra vez: unha novela furiosa. Furiosa censura do desencanto burgués e das súas ramificacións de fastío vital e  hedonista que leva  a algúns dos  personaxes  a buscar entretemento en desvíos sexuais de tipo sadomasoquista. Pero a furia desta novela estoura con toda  a súa intensidade cando critica o predominante papel do telelixo  na actual sociedade. Recoñece o autor que Belén Esteban “tivo moita culpa porque unha vez levando ao meu fillo ao parque pola tarde vina na tele alporizada, erguendo as mans. Logo, á volta, catro horas despois, aínda seguía alí”. Francisco Castro pasa por unha ácida peneira o mundo televisivo, dominado desde hai tempo pola tiranía colectiva do telelixo do mundo rosa. A furia desta novela agrándase porque hoxe en día a verdadeira realidade é a que nos deixan ver na pantalla: teatros de vulgaridades, barullos e zaragalladas sentimentais e morbosas, esnaquizamento da linguaxe. Do imperio de todo isto nace a ira coa que o escritor pretende desenmascarar a “telemerda”, hoxe imperante no principal medio de comunicación.

Na novela conflúen outras liñas narrativas como a homenaxe ao viño e a crítica agochada de todo ese aparato lambido que hoxe o acompaña. Porén, o cerne desta achega de Francisco Castro é unha trama de novela negra e asemade a súa parodia, cun inequívoco e necesario compromiso crítico coa sociedade que arestora se aveciña cada día máis á banalidade e á barbarie.

About these ads

Acerca de Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Estas entrada foi publicada en Critica literaria, Narrativa galega, Novela negra coas etiquetas , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s